«O NENO DE BARRO» PROXÉCTASE MAÑÁ NO I FESTIVAL DA MADAMA

2 / 01 / 2009

O I Festival da Madama de Sanxenxo acolle mañá venres 20 a proxección da película de Jorge Algora, que contará coa presenza do seu director. A cita será a partires das 21 horas no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán.
A película de Jorge Algora O neno de barro proxectarase mañá venres 20 de febreiro no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo a partires das 21 horas, no marco do I Festival da Madama que dende hoxe e ata o sábado se está a desenvolver na vila pontevedresa.
O evento contará coa presenza do propio cineasta e coa dunha das produtoras da cinta, Susana Maceiras, cuxa destacada traxectoria profesional será recoñecida tamén no Festival a través da entrega do galardón Madama de Honra á Traxectoria.

O filme, protagonizado pola actriz Maribel Verdú e os actores Daniel Freire e Chete Lera, entre outros, está ambientado na Arxentina de principios do século XX e conta a historia real dunha serie de brutais asesinatos a menores que se suceden na cidade de Bos Aires, dos que un neno se convirte en testemuña inconsciente.

O neno de barro convertiuse na gran triunfadora dos Premios Mestre Mateo 2007, acadando nove dos quince premios aos que estaba nominada pola Academia Galega do Audiovisual, entre os que destacan o de Mellor Longametraxe, Mellor Dirección, Mellor Guión e Mellor Actor (Chete Lera).

Para estar ao tanto da programación do festival, pode consultarse a páxina web oficial do mesmo, www.amadamafestival.org.

Etiquetas: