O FESTIVAL INTERNACIONAL DE VIDEOCREACIÓN DO CONDADO, MIVICO, VOLVE ABRIR UNHA FIESTRA AO CINE INDEPENDENTE E DE AUTOR

3 / 09 / 2008

Máis independente e internacional, e reafirmado pola excelente acollida de videocreadores nacionais e internacionais preséntase a segunda edición da Mostra Internacional de Videocreación do Condado, MIVICO 08, que se celebrará do 3 ao 5 de outubro en Ponteareas. Nesta convocatoria triplicouse a participación con respecto ao ano pasado.
O Festival Internacional de Videocración de Condado, MIVICO, empregará como espazo de proxección o Centro Cultural Sportivo, que ademais de servir de escenario para a actualidade da videocreación internacional, dará cabida a diversas propostas musicais e escénicas durante os tres días do festival.

O número de traballos recibidos para participar no MIVICO 08 triplicou aos do ano pasado. O festival da así un paso máis no seu propósito de consolidarse no calendario audiovisual galego como escaparate das propostas audiovisuais máis independentes da escena actual.

Filmes procedentes de Arxentina, Estados Unidos, Noruega, Italia, Portugal e de diversos puntos do Estado español competirán polo premio nas tres categorías establecidas (curtametraxes de ficción, videocreación e documental).

O festival volve apostar nesta segunda edición pola música emerxente e grupos que están a despuntar no panorama actual.

O MIVICO 08 reafirma así a súa aposta decidida pola videocreción e o cine independente coa intención ademais de servir de abrir una fiestra á creación máis arriscada.

Itinerancia

Como antesala do que será o festival, o domingo 21 de setembro ás 22 horas farase en Ponteareas unha proxección ao aire libre dalgúns dos traballos recibidos. A entrada é de balde.

Máis información:

www.myspace.com/mivicofestival
www.mivico.blogspot.com

Categoría: Noticias
Etiquetas: