Este domingo 19 de marzo, os profesionais e empresas do sector audiovisual galego ten a súa cita anual na Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 05, na que se coñecerán ós gañadores de cada unha das 25 categorías nas que se distribúen os galardóns. Coñeceranse en vivo e en directo, porque será no esceario que capitaneen Luís Piedrahita e Iolanda Muíños, os presentadores, onde se vaian abrindo cada un dos sobres que alí chegan da man do Notario, e que serán o produto das votacións que @s soci@s da Academia Galega do Audiovisual viñeron realizando nestes últimos días. A Gala será retransmitida en directo pola Televisión de Galicia. A organización conta co respaldo da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Consellería de Cultura e Deporte, o Concello de A Coruña, Caixanova e a propia Televisión de Galicia. Como colaboradores están a Fundación AISGE, GADISA, a SGAE, a Escola de Imaxe e Son de A Coruña e as empresas galegas Spica e EPC.
O DOMINGO 19, TVG RETRANSMITE EN DIRECTO A GALA DE ENTREGA DOS PREMIOS MM05, ÁS 23:00H.
Luís Pedrahita e Iolanda Muíños serán os presentadores, que estarán acompañados dun amplo elenco de actores e actrices galeg@s
Este domingo 19 de marzo, os profesionais e empresas do sector audiovisual galego ten a súa cita anual na Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 05, na que se coñecerán ós gañadores de cada unha das 25 categorías nas que se distribúen os galardóns. Coñeceranse en vivo e en directo, porque será no esceario que capitaneen Luís Piedrahita e Iolanda Muíños, os presentadores, onde se vaian abrindo cada un dos sobres que alí chegan da man do Notario, e que serán o produto das votacións que @s soci@s da Academia Galega do Audiovisual viñeron realizando nestes últimos días. A Gala será retransmitida en directo pola Televisión de Galicia. A organización conta co respaldo da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Consellería de Cultura e Deporte, o Concello de A Coruña, Caixanova e a propia Televisión de Galicia. Como colaboradores están a Fundación AISGE, GADISA, a SGAE, a Escola de Imaxe e Son de A Coruña e as empresas galegas Spica e EPC.
Numerosas persoalidades da vida institucional e política confirmaron xa a súa asistencia, tanto en representación de distintas Consellerías da Xunta de Galicia, como de Presidencia da mesma, así como tamén o concello da Coruña, o Consello Asesor de RTVE, o Consello da Cultura Galega, a CRTVG, a Delegación do Goberno en Galicia, o Parlamento de Galicia, representantes de partidos políticos, así como diversas empresas patrocinadoras, como Gadisa, Spica, Caixanova ou Caixa Galicia.
Os presentadores
Luis Piedrahita será o encargado de actuar de Mestre de Cerimonias na Gala deste ano. Da súa man percorreremos a Historia da Comunicación Audiovisual, que é a temática elixida desta volta como eixe vertebrador da mesma. Luís Piedrahita é de A Coruña. Chegou arrasando no primeiro certame de El Club de la Comedia, gañouno e sentou cátedra.
Guionista con éxitos teatrais como 5hombres.com e 5mujeres.com, guións para Cruz y Raya, Morancos e series de todo o país e algunhas de Estados Unidos. No escenario desprega todo o seu arte. Todo un derroche de xestos fan adquirir un ritmo especial ao seu show.
Iolanda Muiños acompañará a Luis Piedrahita durante a cerimonia deste ano.
Entrou no mundo das curtametraxes a finais dos 90 participando en producións promovidas desde escolas audiovisuais de Barcelona e da Coruña. No principio da década seguinte chegoulle a oportunidade de interpretar papeis de reparto en títulos coñecidos da pequena e da grande pantalla.
En 2003 ponse ás ordes de Alejandro Amenábar na longametraxe Mar adentro. Emprendeu a súa carreira teatral en 1999 e ten traballado en montaxes do CDG, Teatro do Atlántico e Lagarta, Lagarta.
Tamén estarán na Gala
Pero outras importantes figuras da vida cultural galega estarán no esceario, como Susana Seivane, Quico Cadaval, Cristina Castaño, Santi Prego, César Cambeiro, Manuel Manquiña, Mon Santiso, Avelino González, Lino Braxe, Xúlio Abonjo, Carlos Fernández, Paco Lodeiro, Susana Dans, Gonzo, Isabel Risco e Mabel Rivera.
O equipo técnico está integrado por parte da Academia Galega do Audiovisual, por Mamen Quintas na Produción, que comparte tamén a dirección do espectáculo con Ángel de la Cruz. A dirección artística corre a cargo de Marta Villar. O vestiario é de Mariana Razzetti, o maquillaxe de Fani Bello e a perruquería, de Trini F. Silva.
Por parte da TVG, na Produción está Hilario Pino, e a realización correrá a cargo de José Luís Piñeiro.
O por qué da Academia
A Academia Galega do Audiovisual naceu co propósito de se transformar no espazo común para tódolos profesionais que formamos o conxunto audiovisual galego; actores, produtores, directores, realizadores, guionistas, músicos, directores de fotografía, decoradores, montadores, técnicos de son, maquilladores, etc.
A misión da Academia Galega do Audiovisual é a de desenvolver, identificar e promover as necesidades de tódolos profesionais que converxemos no panorama audiovisual galego en tódalas súas vertentes; académica, creativa, industrial, técnica, artística, cultural e mesmo científica, promovendo o recoñecemento social e profesional de tódolos membros e auspiciando a normal participación de todos no seu seo.
A Academia, ademais, proxéctase como a embaixadora cultural da nosa industria, que terá a súa celebración, sen ningún tipo de dúbidas, na Gala anual dos Premios do Audiovisual Galego.
Unha gala con proxección
A Gala dos Premios Mestre Mateo estase a converter nunha pasarela e escaparate que reflicte a actualidade do sector audiovisual, pola que desfilan cada ano producións, actores, produtores, directores,… cita imprescindible para tódolos profesionais que están a facer industria e cultura en Galicia.
Pero o máis salientable deste evento, a gran Festa do Audiovisual Galego, radica na repercusión mediática que ten tanto nos medios galegos como, cada vez máis, nos estatais, e sobre todo, na prensa especializada. A Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo é xa un clásico nas páxinas de prensa escrita, nos soportes dixitais, nas revistas especializadas, nos medios audiovisuais, porque ano tras ano foise consolidando como o expoñente lúdico dun sector industrial-cultural en auxe, que se foi e se vai vertebrando tanto no económico como no mundo cultural galego, e no propio sector a nivel estatal.
Apoiar dende a iniciativa privada esta Gala, non só supón unha plataforma máis publicitaria para as empresas-entidades que a esponsorizan ou –dalgún xeito- a apoian economicamente. Supón tamén materializar e naturalizar o apoio e compromiso da empresa privada e pública do noso país, coa industria cultural galega, co audiovisual galego, do que cada vez máis (ben polas empresas en si, ben polo talento individual dos nosos artistas e técnicos) se fala no resto do estado, e co que cada vez máis, se conta nese mesmo ámbito.
Edicións anteriores
Cada ano a Academia Galega do Audiovisual organiza os Premios Mestre Mateo onde se lle da un recoñecemento especial ás producións e profesionais galegos do ano anterior. A retransmisión en directo da Televisión de Galicia fai público este recoñecemento en toda a comunidade galega.
MM04
A Gala dos Mestre Mateo 04 celebrouse o 20 de marzo de 2005 no Teatro Sala de Concertos de Caixanova en Vigo. Obtendo unha audiencia media de 17,5 puntos, a Gala resultou un auténtico éxito de asistencia do público (na meirande parte, profesionais do sector), que valorou como un grande espectáculo o Musical-Cabaret que tivo a Moncho Borrajo como mestre de cerimonias, acompañado da actriz María Castro, a presentadora Sonia López e o actor Monti Castiñeiras.
A asistencia de numerosos representantes institucionais e políticos como o daquela Vicepresidente do Goberno, Núñez Feijoo, a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, o Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o Deputado socialista Antón Louro, os tamén daquela Director Xeral da CRTVG Francisco Campos e Director de TVG Anxo Quintanilla, o Director da Fundación Obra Social de Caixanova Guillermo Brea, e outras moitas personalidades encostaron, un ano máis, a importancia deste evento na actualidade de Galicia.
MM03
Unha morea de profesionais déronse cita nesta Festa celebrada o sábado 26 de xuño de 2004 en Santiago de Compostela, no Pazo de Congresos. A ela non faltaron os artistas, pero tampouco faltou un amplo abano de profesións que integran o sector audiovisual, e outros, que representan a diversos sectores produtivos da sociedade galega.
Un éxito considerado máis que positivo, toda vez que a industria audiovisual vai sendo considerada como tal, e achega a el a moi diversos sectores sociais.
Ó longo da noite, o espectáculo guionizado por Cabezas Quentes e interpretado por eles mesmos (Toñito de Poi, Víctor Fábregas, Roberto Vilar) e por Evaristo Calvo e Xan Pérez, foi presentado por Javier Veiga, que continuou homenaxeando o humor que foi a tónica dominante do evento. Pero todos eles deixaron desfilar a coñecidos rostros do mundo audiovisual, uns para entregar premios, e outros para recibilos.
MM02
Celebrouse o sábado 7 de xuño de 2003, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Javier Veiga como presentador e o Pórtico da Gloria como fío temático foron os eixes condutores da Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo.
A Gala foi aumentando o ton reivindicativo a medida que os premiados foron recordando a situación provocada polo Prestige.
Os Chano Piñeiro
Os Premios do Audiovisual Galego Chano Piñeiro, sustituiron ós AGAPI. Á Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) sumouse nesta convocatoria á Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA).
A Gala dos Premios celebrouse no Palacio da Ópera da Coruña o 7 de abril de 2002, e nela realizouse unha homenaxe á cidade de Nova York lembrando os intres estelares do cine musical de tódolos tempos coa intervención dos actores máis salientables da escena galega sobre un guión de Ángel de la Cruz
Os Premios AGAPI
O 7 de novembro de 1996 tivo lugar, dentro do marco do Festival de Cine Independente de Ourense, a primeira edición duns premios que recoñecían o audiovisual galego e que tiñan como destinatarios ós profesionais que traballan no sector, os Premios AGAPI.
Deste xeito sucedéronse anualmente un total de cinco entregas de premios organizadas pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI). A derradeira destas celebracións foi a Gala celebrada o 11 de marzo de 2001, que supuxo unha homenaxe á película de Stanley Kubrick, 2001:Unha Odisea do espazo. Por iso, no guión elaborado por Ángel de La Cruz a presentadora, Cristina Saavedra estivo asistida pola computadora Hal-9000. Ademais, o resto da Gala tivo un innegable sabor hollywoodiense: ballet, ópera, música de cámara, parodias e sketchs humorísticos sobre políticos completaron esta Gala á que asistiron preto dunhas 2.000 persoas.