O DOCUMENTAL «EL ABOGADO DEL TERROR» PÓDESE VER MAÑÁ NO CGAI

2 / 06 / 2009

O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mañá mércores día 3 de xuño (20.30 horas) o documental de Barbet Schroeder EL ABOGADO DEL TERROR (2007) sobre a vida do avogado Jacques VergèS, unha figura política moi relevante na segunda metade do século XX.

L´AVOCAT DE LA TERREUR / EL ABOGADO DEL TERROR

(Francia, 2007)

Dirección: Barbet Schroeder. Produción: La Sofica Uni Etoile 3, Canal Plus, CNC, Magnolia Pictures, Wild Bunch e Yalla Film. Fotografía: Caroline Champetier e  Jean-Luc Perréard. Duración: 135 minutos.  

Retrato do avogado francés Jacques Vergès (1925), figura política relevante da segunda metade do século XX, significado pola súa participación en xuízos vinculados aos procesos de descolonización -Alxeria é o seu metafórico punto de partida- e a defensa de coñecidos militantes e revolucionarios, que remata protagonizando un singular crescendo que o involucra en casos polémicos, de Carlos o Chacal ao nazi Klaus Barbie. Barbet Schroeder xa deixara pegadas dos seus dotes de observación no documental sobre o ditador de Uganda General Idi Amín Dadá (1974). Filme ambicioso, a vontade de contar a historia de 50 anos de revoltas e, ao tempo, a complexa peripecia biopolítica de Vergès ofrece unha narración dinámica que desvela as contradicións da nosa época.  

Categoría: Noticias
Etiquetas: