O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA, A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL E AISGE, ORGANIZAN UN CURSO DE INGLÉS AUDIOVISUAL

15 / 04 / 2005

O Consorcio Audiovisual de Galicia, a Academia Galega do Audiovisual e a asociación AISGE, organizan conxuntamente un curso de inglés audiovisual que se celebra entre os meses de abril e xullo deste ano, na sede do propio Consorcio Audiovisual de Galicia, na rúa do Hórreo nº 61-2º en Santiago. Este curso está contemplado dentro das accións do Plan de Formación do Consorcio, aprobado no Plan de Actividades desta entidade para o ano 2005. Trátase de organizar cursos de perfeccionamento en idiomas preferentes nos mercados internacionais.
O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA, A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL E AISGE, ORGANIZAN UN CURSO DE INGLÉS AUDIOVISUAL

Inglés práctico para técnicos, actores, directores e produtores

Venres 15 abril 2005.- O Consorcio Audiovisual de Galicia, a Academia Galega do Audiovisual e a asociación AISGE, organizan conxuntamente un curso de inglés audiovisual que se celebra entre os meses de abril e xullo deste ano, na sede do propio Consorcio Audiovisual de Galicia, na rúa do Hórreo nº 61-2º en Santiago. Este curso está contemplado dentro das accións do Plan de Formación do Consorcio, aprobado no Plan de Actividades desta entidade para o ano 2005. Trátase de organizar cursos de perfeccionamento en idiomas preferentes nos mercados internacionais.

O curso é de balde para todos os asistentes, que non serán máis de 30 de cara a facelo máis funcional e efectivo.

Céntrase fundamentalmente nos aspectos prácticos do emprego do idioma inglés nas vidas profesionais dos técnicos, actores, directores e produtores de medios audiovisuais en Galicia. Así, dentro do programa que se impartirá, tocaranse aspectos como a comunicación con directores/as preparando un papel ou traballando no escenario; a comunicación con directores/as de casting; comunicación con outro persoal do escenario; comunicación con produtores/as; como comprender os contratos; como negociar tratos; como dar discursos en cerimonias de premios; como comprender críticas de cinema en inglés; facilitar a adquisición de vocabulario como a terminoloxía da rodaxe e interpretación ou a terminoloxía de negocios; os diálogos estruturados e os improvisados; énfase en pronunciación e entoación; o uso de materias audiovisuais en inglés para adquirir vocabulario, coñecemento de acentos e para formular avaliacións críticas, e por último, o uso de materias escritas, audio e/ou audiovisuais sobre a produción de televisión e cinema en inglés, de cara a familiarizar máis aos alumnos/as co contorno cultural das industrias audiovisuais do mundo anglosaxón.

Datas de celebración

O curso impartirase os días 22 e 29 de abril, os días 6, 13, 20 e 27 de maio; en xuño, serán os días 3, 10, 17 e 24, e o derradeiro día será o 1 de xullo. O horario das clases será de 16:00 a 20:00 horas, de cara a facilitar a participación do maior número de profesionais posible.

Prazo de inscrición

O prazo de inscrición ábrese hoxe xoves día 14, e admitiranse as solicitudes ata o 18 de abril, luns. Estas solicitudes pódense facer a través de mail, cubrindo o formulario de inscrición que se pode baixar da web da Academia Galega do Audiovisual ou da do Consorcio Audiovisual de Galicia (www.academiagalegadoaudiovisual.gal; www.consorcioaudiovisualdegalicia.org) ou enviándoo por fax ao 981 22 77 01.

Quen imparte o curso

O curso será impartido por David Willingham, profesor de Lingua Teórica Inglesa (gramática, vocabulario, análise textual e composición inglesa), instrutor de práctica inglesa, instrutor de Career Skills and Barrier Removal, ESL Instructor, e Instructor of English Language and Composition e Sponsored Our Expression, and English language student magazine; cursos todos estes que impartiu en México, Los Ángeles e na Universidade de Vigo ata este ano.

Realizou numerosos estudos, entre eles, o estudo sobre a Ph.D. en Filosofía inglesa (Universidade de Vigo), con taller completo de literatura e lingua inglesa e estudos cinematográficos, e foi contratado no proxecto “Taxi Driver and the Malaise of the 1970s”. Na Universidade de Virginia (Charlottesville, VA) foi incluído no taller en Literatura Comparativa, Estudos Cinematográficos e Narratoloxía, e en James Madison University (Harrusonburg, VA) acadou os honores de Cum Laudem e a Distinción en English.

Categoría: Noticias
Etiquetas: