O CINEMA EN 3-D CHEGA A CURTOCIRCUÍTO DA MAN DE ENRIQUE CRIADO

15 / 09 / 2008

O Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e a Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela, continúa apostando pola formación e a innovación entre as súas actividades. Enrique Criado impartirá unha “master class” sobre estereoscopía dentro das actividades do festival. Criado foi asesor técnico sobre estereoscopía para George Lucas na proxección en España da curta en 3-D “A guerra das Galaxias”.
A estereoscopía é unha técnica punteira para crear a ilusión de tridimensionalidade na imaxe. Enrique Criado leva dez anos dedicado á investigación e ao asesoramento en este tipo de producións. É presidente e cofundador de Enxebre Entertainment, unha produtora galega especializada en 3-D, supervisou unha quincena de producións en tres dimensións e impartiu conferencias en Los Ángeles para o “Directors Guild of America” (o sindicato de directores máis importante de Hollywood) e en cidades como Múnic ou Amsterdam, tamén foi asesor técnico sobre estereoscopía para a productora de George Lucas na proxección en España da curta en 3-D “A guerra das Galaxias”.

Durante a Semana Oficial de Curtocircuíto, que se celebra entre o 17 e o 24 de outubro, visitará Santiago para impartir unha “master class” no Teatro Principal na que falará das fases de produción dunha película en tres dimensións e do proceso técnico preciso para levala a cabo. Como exemplo práctico proxectaranse varias curtametraxes en 3-D. Os interesados poderán inscribirse a través da páxina web do Festival www.curtocircuito.org a partir do 29 de setembro.

Nesta V edición do festival, organizado polo departamento de dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias , realizaranse 3 obradoiros de Formación máis: como xa ocorrera en 2006 co Seminario de Iniciación á interpretación e co programa de Curtas para Nenos que se iniciou o pasado ano (e que terá continuidade na presente edición), Curtocircuíto reserva un espacio para os más cativos celebrando para eles un obradoiro de Animación en Plastilina, tamén organizará unha “master class” sobre a mesma materia para os alumnos de Comunicación Audiovisual da USC e prepara, para os profesionais do sector, o obradoiro de postprodución e mestura de son e a “master class” sobre Estereoscopía.

Categoría: Noticias
Etiquetas: