A programación do Centro Galego de Artes da Imaxe para o vindeiro mes de xullo xa está disponible para todos os usuarios. Serán un total de 30 proxeccións que se extenderan ata o día 31, data na que o centro pechará as súas portas para volver a abrilas o 10 de setembro. O prezo das entradas e de 1,20 euros para o público xeral, e de 0,60 euros para quen presente o carné xove. Tamén existe a posibilidade de mercar un abono para dez sesións por 9 euros.
SOULEYMANE CISSÉ:
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Granada Cines del Sur, IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca Española e Filmoteca de Andalucía.
Activista cultural e autor dunha breve e estimulante filmografía, Souleymane Cissé (Bamako, 1940) traballa como fotógrafo e proxeccionista antes de marchar á Unión Soviética para cursar os seus estudos no Instituto Estatal de Cinematografía de Moscova (VGIK). Alí –onde reside sete anos- filma as súas primeiras curtametraxes coa colaboración de compatriotas como Djibril Kouyaté e Kalifa Dienta. Regresa a Mali en 1970, onde realiza documentais para o Servizo Cinematográfico do Ministerio de Información. O seu primeiro traballo persoal é Cinq jours d´une vie (1972), mediametraxe centrada na histoira dun estudante novo, sen expectativas e insatisfeito polo ensino que recibe na escola coránica, que decide saír adiante por medio do roubo, sendo condenado e regresando á súa aldea tras ser excarcerado. Pero serán Den Muso (1975) e Baara (1978) as súas auténticas cartas de presentación, diáfanos expoñentes das formulacións abertamente marxistas de Cissé. Abordando feitos criminais en ámbitos obreiros, Cissé delinea con claridade os perfís da explotacion e da loita de clases no seu país, enriquecendo o seu discurso con tratamentos colaterais de problemas tan importantes como son a situación da muller ou a moralidade imperante en Mali.
O recoñemento internacional chégalle con Finyé (1982), unha intelixente historia de amores contrariados desdobrada en vigorosa crítica á autoridade paterna e á represión política co trasfondo das revoltas estudantís na Universidade de Bamako. Será sobre todo con Yeelen / La luz (1987), a súa obra máis coñecida, galardoada en Cannes, onde obtén os parabéns da crítica occidental coa consideración de punto de inflexión no seu traballo. Viaxe iniciática dun mozo bambara para adquirir coñecementos máxicos atávicos, entre o relato mitolóxico de inspiración autóctona e a especulación filosófica, construído con imaxes de beleza subxugante, o filme renuncia ao contacto urxente coa realidade de Mali para gañar en universalidade. Cissé tardará anos en conseguir materializar o seu seguinte proxecto, Waati (1995), retorno do autor ao seu ámbito primixenio da crónica sociopolítica a través da errancia dunha rapaza surafricana que vaga por todo o continente fuxindo do apartheid. Con dificultades para rearmar novos proxectos, entusiasta presidente fundador da Unión de Creadores e Empresarios do Cine e do Audiovisual de África do Oeste (UCEACO) convencido da necesidade do desenvolvemento cultural en África, Cissé vén de presentar por fin o seu novo e esperado filme, Min yé, no último Festival de Cannes.
CINÉMA, DE NOTRE TEMPS: SOULEYMANE CISSÉ
(Francia, 1990)
Dirección e guión: Rithy Panh. Produción: La Sept-Arte, Institut National de l´Audiovisuel (INA). Duración: 53 minutos.
Documental producido por Arte e o INA en torno ao cine de Souleymane Cissé que inclúe unha entrevista con el. Seguindo as directrices da serie de retratos creada por André S. Labarthe e Janine Bazin nos anos 60 o encargo encoméndaselle a un realizador novo, neste caso o cambodiano Rithy Panh.
CINQ JOURS D´UNE VIE / [CINCO DÍAS DUNHA VIDA]
(Mali-Senegal, 1972)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Souleymane Cissé, Cheick Hamala Keïta e Mamadou Sidibe. Intérpretes: Falaye Dabo, Myriam Tima. Duración: 50 minutos.
Cinco días na vida dun mozo que sae dunha escola coránica e acaba vivindo e roubando na rúa, ata que o deteñen e envían a prisión. Unha primeira aproximación crítica de Cissé á súa sociedade, amosando a esterilidade dos sistemas educativos impositivos e a neglixencia e influencia das institucións.
DEN MUSO / [A MOZA]
(Mali, 1975)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Souleymane Cissé, Abdoulaye Sidibé, Cheick Hamala Keïta e Marisélèn Diarra. Intérpretes: Dounamba Dany Coulibaly, Fanta Diabate. Duración: 88 minutos.
Sékou é despedido tras pedir un aumento. Sen sabelo, sae coa filla muda do patrón da fábrica, á que viola e deixa embarazada. Ela fará fronte á cólera familiar e ao rexeitamento de Sékou, que non recoñece ao seu fillo.
BAARA / [TRABALLO]
(Mali, 1978)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Étienne Carton de Grammont, Abdoulaye Sidibé. Intérpretes: Omou Diarra, Balla Moussa Keita. Duración: 93 minutos.
O xove administrador dunha fábrica atopa a un mozo no camiño e ofrécelle traballo. Pouco a pouco dáse de conta do miserable trato que ten a compañía cos traballadores e loita entre a súa ética e a presión dos demais para que protexa os intereses da empresa. Gran Premio no importante Festival Panafricano de Ouagadougou (FESPACO).
FINYÉ / [O VENTO]
(Mali, 1982)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Étienne Carton de Grammont. Intérpretes: Fousseyni Sissoko, Goundo Guissé. Duración: 100 minutos.
Nunha pequena comunidade da África contemporánea desenvólvese unha historia de amor entre a filla dun militar e o neto do xefe da tribo. Retrato dunha sociedade en transición, onde se cuestionan as nocións tradicionais de autoridade desde unha perspectiva etnográfica e abertamente política. Cissé volve gañar o FESPACO, ademais do Tanit de Ouro no segundo certame en importancia do continente africano, as Xornadas Cinematográficas de Cartago.
YEELEN / YEELEN (LA LUZ)
(Mali-Burkina Faso-Francia-Alemaña, 1987)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Jean-Noël Farragut e Jean-Michel Humeau. Intérpretes: Issiaka Kane, Niamanta Sanogo. Duración: 101 minutos.
Un vello feiticeiro africano, representante dunha tradición secreta imperante na súa etnia, persegue ao seu fillo para destruílo por non respectar os seus mesmos preceptos relixiosos. Na súa fuxida, as diversas peripecias polas que atravesa o mozo convértense nas probas dun penoso proceso cara á madurez. Chea de lirismo e fermosura, gaña o Premio Especial do Xurado en Cannes. Música de Salif Keita.
WAATI / [O TEMPO]
(Francia-Mali-Burkina Faso, 1995)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Xavier Castano para Carthago Films S.a.r.l., Les Films Cissé, Erato Films, La Sept Cinéma e Renn Productions. Fotografía: Jean-Jacques Bouhon, Vincenzo Marano e Georgi Rerberg. Intérpretes: Sidi Yaya Cissé, Mariame Amerou. Duración: 140 minutos.
Na Sudáfrica do apartheid, unha familia de negros traballa na pequena explotación agrícola dun branco que os somete a constantes humillacións. Cando a filla pequena, de seis anos, mata a un policía que acaba de abater a seu pai, vese obrigada a fuxir por todo o continente. Coprodución multinacional rodada en varios países africanos (Mali, Costa de Marfil, Sudáfrica e Namibia) que amosa ao Cissé combativo e perspicaz observador da realidade.
Agradecementos: Alberto Elena, Fatuo, Les Films Cissé, Jeanick Le Namur, Cinémathèque Française, Émilie Cauquy.
MIGUEL GOMES / CARTA BRANCA A MIGUEL GOMES:
O cineasta portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) é obxecto dunha retrospectiva sobre a súa obra, dúas longametraxes e seis curtas, unha traxectoria avalada este ano polo éxito crítico e o premio no BAFICI de Bos Aires por Aquele querido mês de agosto. Ao mesmo tempo, o CGAI concedeulle carta blanca, liberdade de elección a Gomes para que presentase toda unha serie de títulos portugueses que tivesen que ver dunha ou doutra forma co seu cine, uns por relación directa -mesmo en ocasións con firmes afinidades profesionais-, outros porque representan o cine portugués no que Gomes, por distintas razóns, se recoñece.
Gomes explica desta maneira o resultado das súas eleccións: “Rapace foi o único filme no que traballei sen ser realizador, monteino con João Nicolau, que xa participara como montador ou actor en filmes meus. Escollín Quando Troveja para dialogar con A Cara que Mereces (o seu realizador, Manuel Mozos, escribiu comigo o argumento d’A Cara, onde interpreta o personaxe de Harry). E escollín Nós por Cá Todos Bem de Fernando Lopes, un dos fundadores do cinema novo portugués para dialogar con Aquele Querido Mês de Agosto. Intentei optar por filmes menos coñecidos e por iso as ausencias de filmes de Manoel de Oliveira e Pedro Costa, mais non conseguín deixar fóra a Joâo César Monteiro e Recordações da Casa Amarela, un dos filmes claves da miña cinefilia. O barroco O Bobo é precisamente unha das máis descoñecidas óperas primas de todo o cinema portugués. Jardim é o primeiro filme dun realizador máis novo ca min, un singularísimo e extravagante “documental” sobre o xardín Calouste Gulbenkien onde a cámara toma por momentos o lugar dos cágados e patos que flotan no lago.”
Miguel Gomes
A CARA QUE MERECES
(Portugal, 2004)
Dirección: Miguel Gomes. Guión: Miguel Gomes, Manuel Mozos e Telmo Churro. Produción: Joao Figueiras e Sandro Aguilar para O som e a fúria. Fotografía: Rui Poças. Intérpretes: Jose Airosa, Gracinda Nave. Duración: 108 minutos.
Orixinal comedia musical que transcorre no 30 aniversario do protagonista, o mestre de escola Francisco. A primeira longametraxe de Gomes é unha película chea de cinefilia, claustrofóbica, que apunta tanto a Rivette ou Godard como a Blancanieves y los siete enanitos.
AQUELE QUERIDO MÉS DE AGOSTO
(Portugal, 2008)
Dirección: Miguel Gomes. Guión: Miguel Gomes, Mariana Ricardo e Telmo Churro. Produción: Luís Urbano, Sandro Aguilar e Thomas Ordonneau. Fotografía: Rui Poças. Intérpretes: Sónia Bandeira, Fábio Oliveira. Duración: 147 minutos.
Un verán como outros na portuguesa localidade de Arganil. Procesións relixiosas, xentes do lugar cheas de simpatía, mozos de acampada, fogos artificiais, bandas de música popular e unha rodaxe. As fronteiras entre o real e o ficticio difumínanse e Gomes amosa a súa mestría: a maneira complexa de filmar o simple e banal, a notable singularidade para facer converxer accións e diálogos nun mesmo plano (como Nashville de Robert Altman) e o xeito de transmitir e remitirnos á vida e ao cine mesmo, diferenciándose doutros modelos.
ENTRETANTO
(Portugal, 1999)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Rui Poças. Duración: 25 minutos.
Sen pais ou titores á vista, unha rapaza e dous rapaces pasan algúns días de verán. Hai un partido de rugby afeccionado, unha festa, unha excursión á praia e tamén unha tenue tensión romántica, bicos a tres bocas e pelexas metade en broma, metade en serio. Premiada en dous dos mellores certames de curtametraxes, Oberhausen e Vila do Conde.
31
(Portugal, 2001)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Joao Nicolau e Miguel Gomes. Intérpretes: Pedro Barâo, Carloto Cotta. Duración: 27 minutos.
Con leve surrealismo, certo erotismo indolente e o trasfondo brutal da loita de clases –á maneira do primeiro Pasolini-, vanse establecendo conexións improbables, que van desde El mago de Oz e a fin da ditadura portuguesa ata o cine mudo e as exuberantes bandas sonoras made in India, para esbozar unha crítica doutra relación, probable e fértil: a do cine e a Historia.
RAPACE
(Portugal, 2006)
Dirección e guión: Joao Nicolau. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Mario Castanheira. Intérpretes: Hugo Leitâo, Marcia Breia. Duración: 23 minutos.
Unha comedia xeracional feliz, divertida e irónica, cun antiheroe con calzado deportivo verde, vagamente godardiano, que exercita o seu diletantismo molestando ao servizo, lendo libros de autores ignotos e compoñendo (e cantando en murmurios) a letra dun rap sobre o seu barrio. Diálogos brillantemente disparatados e un final a todo baile son algúns dos portentos que ofrece na súa estrea na ficción Joâo Nicolau, documentalista e montador habitual de Gomes (aquí á súa vez montador).
PRO EVOLUTION SOCCER ONE MINUTE DANCE AFTER A GOLDEN GOAL IN THE MASTER LEAGUE
(Portugal, 2004)
Dirección, guión e fotografía: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Duración: 1 minuto.
Xusto o que anuncia o título: a pantalla do famoso videoxogo de consola e un baile sen música, ao ritmo crebadizo das repeticións. Entre os xogadores, un tal M. Arnold, referencia lúdica ao cineasta experimental austríaco Martín Arnold, creador a partir de metraxe atopada.
INVENTÁRIO DE NATAL
(Portugal, 2000)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Rui Poças. Duración: 23 minutos.
Segundo o autor “25 de decembro, nos anos 80. A familia reúnese na casa dos avós. Aos 12 anos, soñaba que poñía en movemento as figuras estáticas do presebe. Con este filme intentei facer o mesmo cos recordos dos meus curmáns e parentes, con esa casa e eses rituais”. Montaxe a cargo de Manuel Mozos.
KALKITOS
(Portugal, 2002)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Miguel Gomes e Joao Nicolau. Duración: 19 minutos.
Un rapaz na vintena séntese aínda neno e quere xogar con outros da súa (suposta) idade. Os Kalkitos eran os debuxos adhesivos empregados para facer cadaquén as súas propias historias nos anos 80.
CÂNTICO DAS CRIATURAS
(Portugal, 2006)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Rui Poças. Intérpretes: Joao Nicolau, Mariana Ricardo. Duración: 24 minutos.
No Asís contemporáneo, un trovador percorre as rúas entoando o “Cántico do Irmán Sol”, escrito por San Francisco no inverno de 1224. Nos bosques de Umbría en 1212, a lenda do santo que predicaba para as aves (e a de Santa Clara) convértese nun estrañamente hipnótico presebe vivente.
RECORDAÇOES DA CASA AMARELA, UMA COMÉDIA LUSITANA
(Portugal, 1989)
Dirección e guión: Joâo César Monteiro. Produción: Invicta Filmes. Fotografía: José António Loureiro. Intérpretes: Joâo César Monteiro, Manuela de Freitas. Duración: 122 minutos.
León de Prata en Venecia. A historia dun pobre home de mediana idade, Joâo de Deus, que vive nunha modesta pensión. Doente, cinéfilo, apaixonado de Schubert, confrontado ao espazo urbano, a miseria domina por todos os flancos a súa vida. Internado nun hospicio, sairá cunha misión clarividente cara ao mundo.
O BOBO
(Portugal, 1987)
Dirección: José Álvaro Morais. Guión: Rafael Godinho, sobre a narración de Alexandre Herculano. Produción: Animatógrafo, Fundaçâo Calouste Gulbenkian e IPC. Fotografía: Mário de Carvalho. Intérpretes: Fernando Heitor, Paula Guedes. Duración: 120 minutos.
Premiada en Locarno, inspirada nun libro escrito por Alexandre Herculano logo da guerra civil portuguesa de 1832-1834, unha reflexión sobre a Historia de Portugal e a forza dos elementos naturais a cargo de Morais (1945-2004).
QUANDO TROVEJA
(Portugal, 1999)
Dirección: Manuel Mozos. Guión: Manuel Mozos e Jeanne Waltz. Produción: AS, IPACA, ICAM e RTP. Fotografía: José António Loureiro. Intérpretes: Miguel Guilherme, Elsa Valentim. Duración: 110 minutos.
A relación de Antonio con Ruth remata inesperadamente. Ruth marcha a vivir con Pedro, o mellor amigo de Antonio. Afundido e desesperado, Antonio comeza a saír adiante grazas a dous estraños seres que saen do bosque, Violeta e Gaspar. O filme proponse tamén como diálogo coa primeira longametraxe de Gomes, firmado por un amigo e colaborador seu, Manuel Mozos (Lisboa, 1959).
NÓS POR CÁ TODOS BEM
(Portugal, 1977)
Dirección: Fernando Lopes. Guión: Fernando Lopes, sobre o poema de Alexandre O´Neill “Coro das Criadas de Servir”. Produción: CPC. Fotografía: Manuel Costa e Silva. Intérpretes: Zita Duarte, Vanda França. Duración: 80 minutos.
Mesturando actores profesionais con habitantes dunha pequena aldea portuguesa, documental e ficción, Lopes conta a historia dun equipo de rodaxe ao tempo que o día a día da vila. Nesta ocasión establécese un diálogo coa segunda longametraxe de Gomes.
JARDIM
(Portugal, 2007)
Dirección, guión e produción: Joâo Vladimiro. Duración: 80 minutos.
Documental sobre o xardín Calouste Gulbenkien firmado polo tamén director teatral Joâo Vladimiro.
Agradecementos: Miguel Gomes, Luís Urbano, O som e a fúria, Martín Pawley, Intermedio, Cinemateca Portuguesa, Fernando Lopes, Antonio da Cunha Telles, Filmes do Fundo, Zon Lusomundo, Agência da Curta Metragem, Joâo Vladimiro, ICA.
FÓRA DE SERIE:
A sección “Fóra de serie” deste mes aparece nutrida de títulos ben variados con carácter de estrea. Revisamos as dúas longametraxes dirixidas por Claudia Llosa (Lima, 1976), a última delas, La teta asustada, triunfadora no Festival de Berlín deste ano, mentres seguimos a completar as proveitosas filmografías de Jia Zhang-ke e Abbas Kiarostami, obxecto de retrospectivas no seu día. Unha aproximación á insurrección zapatista, que permitirá unha contextualización histórica e cinematográfica a cargo de membros do colectivo FugaEmRede, e as estreas de dúas producións recentes cos seus autores presentes, El brau blau de Daniel V. Vilamediana e Tanyaradzwa, incursión en Zimbawe do autor galego Alberte Pagán, son boa mostra desta versatilidade.
CORAZÓN DEL TIEMPO
(México-España, 2008)
Dirección: Alberto Cortés. Guión: Hermann Bellinghausen e Alberto Cortés. Produción: Bataclán Cinematográfica, Junta de Buen Gobierno “Hacia la esperanza”, FOPROCINE / INCINE, Universidad de Guadalajara, Filmoteca de la UNAM, Imval Producciones. Fotografía: Marc Bellver. Intérpretes: Rocio Barrios, Francisco Jiménez. Duración: 90 minutos.
Participante nos certames de Sundance e San Sebastián, con seguridade o máis ambicioso proxecto para describir a situación sociopolítica histórica orixinada en Chiapas (México). A través da historia de amor entre Sonia, residente nun poboado zapatista na selva Lacandona e, por unha banda, Miguel, o dirixente xuvenil que coñece desde a infancia e que pide a súa man á maneira tradicional, e Julio, un tenente guerrilleiro no que Sonia repara, introducímonos nunha realista disección dun universo tan intenso como apegado ao natural.
EL BRAU BLAU / [O TOURO AZUL]
(España, 2008)
Dirección e guión: Daniel V. Villamediana. Produción: Luis Miñarro e José María de Orbe para Eddie Saeta. Fotografía: Pablo Morales Canedo. Intérpretes: Victor J. Vázquez. Duración: 64 minutos.
Na máis absoluta soidade, un home novo que ranquea pasa os días e as noites preparándose para volver á area taurina. Con atención ao xesto e o ritual, case como unha viaxe espiritual, presente en prestixiosos certames como Locarno, Xixón e o BAFICI de Bos Aires, primeira longametraxe dirixida polo crítico de “Letras de cine” e guionista de La Línea recta Daniel V. Villamediana (Valladolid, 1975) con música de Bach.
ER SHI SI CHENG JI / 24 CITY
(China-Hong Kong-Xapón, 2008)
Dirección: Jia Zhang-ke. Guión: Jia Zhang-ke e Zhai Yongming. Produción: Bandai Visual Company, Bitters End, Office Kitano (Xapón), China Resources, Shangai Film Group (China) e Xstream Pictures (Hong Kong). Fotografía: Yu Wang e Lik-wai Nelson Yu. Intérpretes: Lu Liping, Joan Chen. Duración: 112 minutos.
Cidade de Chengdu, hoxe. A fábrica 420, dentro do modelo de cidade obreira que existe, planea a construción dun complexo de apartamentos de luxo: 24 City. Tres xeracións e oito personaxes aparecen retratados: vellos obreiros, novos ricos, executivos ou a actriz Joan Chen nun paseo pola historia recente de China a cargo do director de Unknown pleasures (2002) e Naturaleza muerta (2006)
MADEINUSA
(Perú-España, 2006)
Dirección e guión: Claudia Llosa. Produción: Oberón Cinematográfica, Wanda Visión e Vela Producciones. Fotografía: Raúl Pérez Ureta. Intérpretes: Magaly Solier, Carlos J. De la Torre. Duración: 104 minutos.
Premiada en Rotterdam, Mar del Plata e Cartagena, competiu tamén en Sundance. Un mozo limeño, Salvador, chega a unha vila imaxinaria dos Andes peruanos chamada Manayaycuna («a vila onde ninguén pode entrar» en quechua) durante a Semana Santa. Na vila séguese unha tradición pola que desde as tres da tarde do Venres Santo ata as seis da mañá do domingo de Resurrección nada se considera pecado, xa que Deus morreu e non pode ver o que pasa. Salvador coñece a Madeinusa e inician unha relación.
LA TETA ASUSTADA
(España-Perú, 2009)
Dirección e guión: Claudia Llosa. Produción: Oberón Cinematográfica, Wanda Visión e Vela Producciones. Fotografía: Natasha Brier. Intérpretes: Magaly Solier, Susi Sánchez. Duración: 99 minutos.
Fausta sofre da “teta asustada”, enfermidade que se transmite polo leite materno de mulleres maltratadas durante as dúas décadas de guerra en Perú. Os infectados nacen sen alma –esta do susto quedou na terra- e teñen un terror que os illa do mundo. Fausta esconde algo máis, garda un segredo que non quere revelar, ata que a súbita morte de súa nai desencadeará feitos inesperados que transforman a súa vida. A segunda longametraxe de Llosa, peruana afincada en Barcelona, obtivo os premios maiores na última Berlinale.
SHIRIN
(Irán, 2008)
Dirección: Abbas Kiarostami. Guión: Mohammad Rahmanian. Produción: Abbas Kiarostami e Hamideh Razavi. Fotografía: Gelareh Kiazand. Intérpretes: Golshifteh Farahani, Juliette Binoche. Duración: 93 minutos.
Cosroes e Shirin ou Shirin e Farhad, segundo a versión, é unha das lendas persas máis populares, contada por diversos poetas ao longo dos séculos. Os tres personaxes principais (o rei Cosroes, a princesa Shirin e o arquitecto Farhad) coforman un triángulo amoroso de alta voltaxe e os seus episodios de sedución e traizón están integrados no poema nacional iraniano, o Shâhnameh. A busca formal de Kiarostami non pode dar lugar a unha adaptación convencional e o camiño cara á posta en escena teatral da historia e o papel do público van ser dous rasgos desta nova volta de porca do mestre autor d´El sabor de las cerezas (1997) ou Ten (2002).
TANYARADZWA
(España, 2009)
Dirección, guión, produción e fotografía: Alberte Pagán. Duración: 186 minutos.
Documental experimental independente rodado en Zimbawe por Alberte Pagán, logo da excelente difusión dos seus traballos anteriores, Bs. As. (2007) e Pó de estrelas (2008), é, como ben indica o seu autor, un retrato a medio camiño entre un screen test de Warhol (non en van Pagán lle dedicou ao artista norteamericano unha excelente monografía publicada en Positivas) e a plasmación dun busto parlante confesional, a muller de Zimbawe que lle dá nome á película. Uso de pantalla dividida.
Agradecementos: Daniel V. Villamediana, Alberte Pagán, Antón Gómez-Reino Varela, Serxio Regos García, FugaEmRede, Bataclán Filmes (México), Alberto Cortés, Ana Solares, Wanda Visión, Emilio Oliete, Nadine Rothschild, Saadia Karim, MK2 (Francia).
AFTER HOURS:
A celebración da I Mostra de Videoclips Cidade da Coruña “Vídeo Killed the Radio Star” recupera unha selección de traballos pertencentes ao programa da TVG “Xabarín Club”. Isto únese aos coloquios e proxeccións de videoclips galegos que a mostra realizará nas tardes da semana do 29 de xuño ao 3 de xullo, entre outros espazos, nas propias dependencias do CGAI.
Agradecementos: Nonito Pereira, Alberto Casal, Julián Hernández, Montse Besada, Xabarín Club, TVG.
HOMENAXE A JOSÉ LUIS SÁNCHEZ VÁZQUEZ:
A morte hai un ano, o día 24 de xullo de 2008, de José Luis Sánchez Vázquez (1944-2008), activista cultural, cineclubista, cinéfilo posuidor dunha importante colección de películas xenerosamente en circulación xa en tempos en que as maneiras de consumo fílmico eran outras, xustifica sobradamente unha homenaxe. Nunca se dedicou profesionalmente ao cine, mais José Luis, á maneira francesa, sintetizaba a concepción do amateur, alguén que fusiona ese dobre sentido de afeccionado e amante. Seleccionamos un dos títulos que a José Luis lle eran máis gratos, La grande bouffe (1973) de Marco Ferreri, ao que axudou con entusiasmo á súa difusión. Unha mesa redonda con varios críticos cinematográficos que o coñeceron e comezaron o seu labor, coma el, na comarca de Ferrol, vén exemplificar a compresión do feito fílmico, da cinefilia e das maneiras de exercer tal paixón como forma de completar este acto de tributo.
LA GRANDE BOUFFE / LA GRAN COMILONA
(Italia-Francia, 1973)
Dirección: Marco Ferreri. Guión: Marco Ferreri e Rafael Azcona. Produción: Films 66, Mara Films e Capitolina Produzioni Cinematografiche. Fotografía: Mario Vulpiani. Intérpretes: Michel Piccoli, Marcello Mastroianni, Philippe Noiret, Ugo Tognazzi. Duración: 125 minutos.
Catro homes de mediana idade e boa condición social reúnense para pasar a fin de semana nunha vila abandonada. Os obxectivos, o sexo e a degustación dunha sucesión de pratos selectos, parecen advertir sobre un hedonista suicidio en grupo. Reparto exemplar e guión de Azcona e Ferreri nun dos dramas extremos do director italiano onde a mestura de euforia e traxedia leva implícita a forza da sátira, con dardos envelenados contra a sociedade de consumo, e un singular cruzamento de sensacións (mesmo físicas) no espectador. A película obtivo un notable escándalo en Cannes, onde conseguiu o Premio FIPRESCI (compartido con La maman et la putain de Jean Eustache), primeira pedra do éxito desta maxistral, lúcida e conmovedora parábola.
Agradecementos: Eduardo Galán, Arturo Lezcano, Marcial Cantero, Germán Lamas, familia de José Luis Sánchez.
Subtitulado en galego: Subtitula´m S.L.
Fichas das películas: www.cgai.org