O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) remata mañá venres 31 de xullo (23.00 horas) a súa programación por esta temporada coa proxección con carácter de estrea e presentación a cargo do seu autor, Joâo Vladimiro, do documental portugués O JARDIM (2007).
Mañá proxectarase tamén de novo a película de Miguel Gomes AQUELE QUERIDO MES DE AGOSTO (2008), éxito crítico e premio no BAFICI de Bos Aires e no Filminho.
O cineasta portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) é obxecto dunha retrospectiva sobre a súa obra, dúas longametraxes e seis curtas, unha traxectoria avalada este ano polo éxito crítico e o premio no BAFICI de Bos Aires por Aquele querido mês de agosto. Ao mesmo tempo, o CGAI concedeulle carta blanca, liberdade de elección a Gomes para que presentase toda unha serie de títulos portugueses que tivesen que ver dunha ou doutra forma co seu cine, uns por relación directa -mesmo en ocasións con firmes afinidades profesionais-, outros porque representan o cine portugués no que Gomes, por distintas razóns, se recoñece.
Gomes explica desta maneira o resultado das súas eleccións: “Rapace foi o único filme no que traballei sen ser realizador, monteino con João Nicolau, que xa participara como montador ou actor en filmes meus. Escollín Quando Troveja para dialogar con A Cara que Mereces (o seu realizador, Manuel Mozos, escribiu comigo o argumento d’A Cara, onde interpreta o personaxe de Harry). E escollín Nós por Cá Todos Bem de Fernando Lopes, un dos fundadores do cinema novo portugués para dialogar con Aquele Querido Mês de Agosto. Intentei optar por filmes menos coñecidos e por iso as ausencias de filmes de Manoel de Oliveira e Pedro Costa, mais non conseguín deixar fóra a Joâo César Monteiro e Recordações da Casa Amarela, un dos filmes claves da miña cinefilia.
O barroco O Bobo é precisamente unha das máis descoñecidas óperas primas de todo o cinema portugués. Jardim é o primeiro filme dun realizador máis novo ca min, un singularísimo e extravagante “documental” sobre o xardín Calouste Gulbenkien onde a cámara toma por momentos o lugar dos cágados e patos que flotan no lago.”
JARDIM
(Portugal, 2007)
Dirección, guión e produción: Joâo Vladimiro. Duración: 80 minutos.
Documental sobre o xardín Calouste Gulbenkien firmado polo tamén director teatral Joâo Vladimiro.