O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza mañá xoves 28 de maio o ciclo dedicado ao cineasta francés Jean Eustache (1938-1981) coa proxección da súa película máis célebre, LA MAMAN ET LA PUTAIN (1973). A completa retrospectiva continuará ata o día 18 de xuño. O ciclo, elaborado en colaboración coa Filmoteca de Catalunya, Filmoteca Española e IVAC-La Filmoteca de Valencia, vén acompañado do libro co-editado polo CGAI co BAFICI (Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente), Jean Eustache. Un fulgor arcaico.
Artista extremo, herdeiro da Nouvelle Vague e admirado por Serge Daney, autor de obras de taciturna beleza, Jean Eustache (1938-1981) deixou unha produción breve, circunscrita aos anos que van das mediametraxes Du côté de Robinson / Les Mauvaises fréquentations (1963) ou Le Père Noël a les yeux bleus (1965) a Offre d´emploi (1980). Nos inicios a liberdade narrativa, o ritmo dinámico, a espontaneidade, os actos explosivos, a observación naturalista, a crueza non exenta de calidez, a facilidade case documental para integrar aos personaxes na paisaxe urbana veñen presididos pola conciencia estilística que se torna na década dos 70 nun engarzamento etnolóxico ou cartografía do tempo que lle toca vivir, unha intensidade e lucidez de carácter poético que lle permite captar o signo dos seus tempos. Eustache, como o outro gran minimalista, Maurice Pialat, axuda a despedir á Nouvelle Vague con títulos persoais como Numéro zéro (1971), La Maman et la putain (1973) e Mes petites amoureuses (1974) e prolonga a súa carreira con outras experiencias nos límites na procura dun cine radical que non nega vías primitivas.
Xoves 28 de maio (20.30 horas) e sábado 30 de maio (19.30 horas)
LA MAMAN ET LA PUTAIN
(Francia, 1973)
Dirección e guión: Jean Eustache. Produción: Elite Films, Ciné Qua Non, Les Films du Losange, Simar Films, V. M. Productions. Fotografía: Pierre Lhomme. Intérpretes: Jean-Pierre Léaud, Bernadette Lafont, Françoise Lebrun. Duración: 220 minutos.
Marie mantén a Alexandre que pasa o día nos bares, falando con amigos e intentando ligar. Consegue ter unha relación con Veronique. Aínda que o inmaturo Alexandre non busca nada serio, Veronique comeza a interferir na relación del con Marie. Obra mestra e manifesto xeracional post-68 con elementos autobiográficos e unha sabia verbalización. Obtén un importante éxito comercial, é premiada en Cannes e permítelle a Eustache ter unha produción con máis medios (por primeira e única vez na súa vida) na súa seguinte película, Mes petites amoureuses (1974).
Luns 1 de xuño (20.30 horas) e martes 2 de xuño (20.30 horas):
DU CÔTÉ DE ROBINSON / [AO COSTADO DE ROBINSON]
(Francia, 1963)
Dirección e guión: Jean Eustache. Fotografía: Philippe Théaudière. Intérpretes: Aristide, Daniel Bart, Dominique Jayr, Jean Eustache. Duración: 42 minutos.
Un personaxe -que prefigura na súa arrogancia absurda ao Alexandre de La Maman et la putain- percorre, xunto ao seu mellor amigo, as rúas do suburbio parisiense de Robinson, na procura de diversión e problemas. Ou sexa, mulleres. A aproximación constante que o cine de Eustache lle prodigará á mocidade e á vida na rúa xa constitúe a esencia da súa primeira peza. Obra admirada por Godard e Rohmer, nela intuímos o equilibrio entre o sombrío e o frívolo, a gravidade e a dozura que advertía Daney no propio autor. Tamén coñecida polo título de Les mauvaises fréquentations (Malas compañías).
LE PÈRE NOËL A LES YEUX BLEUS / [PAPÁ NOEL TEN OS OLLOS AZUIS]
(Francia, 1966)
Dirección e guión: Jean Eustache. Produción: Anouchka Films. Fotografía: Philippe Théaudière e Daniel Lacambre. Intérpretes: Jean-Pierre Léaud, Gérard Zimmerman. Duración: 47 minutos.
Fascinado pola estrea como director de Eustache, Godard regaloulle o celuloide sobrante da rodaxe de Masculino-Femenino para que realizase outro filme semi-autobiográfico. Gañadora da Semana da Crítica en Cannes, Godard prestoulle tamén o seu protagonista, Jean-Pierre Léaud, encarnación para a ocasión dun pobre home de Narbonne que se emprega como Papá Noel para mercar o abrigo de moda e acaba descubrindo que, disfrazado, se atreve a facer cousas que antes só soñara. Apoiado por unha montaxe trepidante, a calidez, inmediatez e naturalismo de corte documental, así como un estimable emprego da voz en off situaba a Eustache como cineasta a seguir.
Xoves 4 de xuño (20.30 horas):
LE COCHON / [O PORCO]
(Francia, 1970)
Dirección: Jean Eustache e Jean-Michel Barjol. Guión: Jean Eustache. Produción: Luc Moullet e François Lebrun. Fotografía: Philippe Théaudière e Renan Polles. Duración: 50 minutos.
Documental filmado nun único día, para moitos a máis fermosa das películas do director. O rexistro dunha práctica tradicional, a matanza dun porco nunha granxa do Macizo Central e o labor posterior, permite unha banda sonora cativadora grazas ás voces que destilan o dialecto empregado na zona. Etnográfico documento planeado de forma lúdica coa colaboración de Barjol, destaca a actitude respectuosa cara aos suxeitos filmados.
UNE SALE HISTOIRE / [UNHA HISTORIA SUCIA]
(Francia, 1977)
Dirección: Jean Eustache. Guión: Jean-Nöel Picq. Produción: Les Films du Losange. Fotografía: Jacques Renard (ficción); Pierre L´Homme e Michel Cenet (documental). Intérpretes: Michel Lonsdale (ficción), Jean-Nöel Picq (documental). Duración: 50 minutos.
Dúas películas en unha que recibiron a cualificación X en Francia a pesar de non amosar, practicamente, máis que a un home falando. Unha ficción filmada onde o actor Michel Lonsdale interpreta a un voyeur en recuperación vai seguida dun segmento documental onde o guionista, Picq, conta a súa experiencia. Sórdida, fascinante e incómoda, o propio Eustache remataba a polémica: “vai acerca do sexo como espello da alma; cando un toca a alma, o tabú do sexo permanece. Amosei que o sexo non ten nada que ver coa moral, nin sequera coa estética. O sexo é unha cuestión metafísica”.
Luns 8 de xuño (20.30 horas):
NUMÉRO ZÉRO
(Francia, 1971)
Dirección, guión e produción: Jean Eustache. Fotografía: Philippe Théaudière e Adolfo Arrieta. Intérpretes: Boris Eustache, Jean Eustache, Odette Robert. Duración: 110 minutos.
Froito dun impulso irrefreable e da avidez de rodar que tiña, Eustache filmou a súa avoa, Odette Robert, durante case dúas horas con dúas cámaras en alternancia (unha manexada por Adolfo Arrieta) para seguir o testemuño da muller, un relato familiar que escaravellaba nas orixes e filiacións do autor. Non estreada e descuberta anos despois do suicidio de Eustache, un clarividente achegamento á familia e á súa época estruturada a través dunha sabia verbalización.
Martes 9 de xuño (20.30 horas) e mércores 10 de xuño (20.30 horas):
MES PETITES AMOUREUSES
(Francia, 1974)
Dirección e guión: Jean Eustache. Produción: Pierre Cottrell para Élite Film. Fotografía: Néstor Almendros. Intérpretes: Martin Loeb, Ingrid Caven. Duración: 123 minutos.
Derradeira longametraxe de Eustache e aquela na que contou cun deseño de produción máis solvente logo do éxito de La maman et la Putain (1973). Inspirada no título por Rimbaud, unha análise sentida dos anos da infancia, a adolescencia dun neno de provincias que da man dunha nai á que en realidade descoñece, descobre a vida, isto é, os primeiros amores e as primeiras películas. Significativa aparición como actor do cineasta impugnador da Nouvelle Vague, o áspero, titánico e preciso observador da condición humana, Maurice Pialat, que compartía con Eustache (que o admiraba) moitos dos seus trazos.
Luns 15 de xuño (20.30 horas):
LA ROSSIÈRE DE PESSAC / [A VIRXE DE PESSAC]
(Francia, 1968)
Dirección e guión: Jean Eustache. Produción: Jean Eustache, Films Luc Moullet e Médiane Films. Fotografía: Philippe Théaudière, Jean-Yves Coïc e Daniel Cardot. Duración: 65 minutos.
Dous filmes sobre un mesmo feito que Eustache desexou se visen en orde cronolóxica inversa. En 1968 Eustache volve á súa vila natal e filma a elección da rapaza máis virtuosa da comunidade. Xusto antes dos acontecementos de maio do 68, o filme –sen manipulacións, xogando cunha ambigüidade natural- desvela a tremenda hipocrisía e ridiculez destes actos, xerando unha comicidade irresistible.
LA ROSSIÈRE DE PESSAC´79 / [A VIRXE DE PESSAC´79]
(Francia, 1979)
Dirección: Jean Eustache. Guión: Jean Eustache e Françoise Lebrun. Produción: INA, ZDF e Médiane Films. Fotografía: Philippe Théaudière, Jean-Yves Coïc, Armand Marco e Robert Alazraki. Duración: 67 minutos.
A evolución de Eustache cara á exploración nas relacións entre o real e o ficticio, o afastamento das imaxes e o progresivo crecemento da importancia da oralidade marcan os seus anos finais de vida. Once anos despois de La Rossière de Pessac e agora en cor volvemos á mesma película e similar celebración. Eustache chega a dicir que dificilmente cabe outro punto de vista, xa que el non pode ser outro.
Mércores 17 de xuño (20.30 horas):
POSTFACE: LE DERNIER DES HOMMES
(Francia, 1969)
Dirección e guión: Jean Eustache. Produción: CDNP. Duración: 26 minutos.
En 1969 Eustache realiza dous documentais para Allons au cinéma (Imos ao cine), programa televisivo do CDNP (Centro Nacional de Documentación Pedagóxica) francés, pensados como unha sorte de epílogo explicativo de cadansúa película muda. Esta primeira está dedicada ao clásico de Murnau El último (1924).
POSTFACE: LA PETITE MARCHAND D´ALLUMETTES
(Francia, 1969)
Dirección e guión: Jean Eustache. Produción: CDNP. Duración: 26 minutos.
Segundo documental para Allons au cinéma, nesta ocasión dedicado á película de 1928 de Jean Renoir La cerillerita.
Xoves 18 de xuño (20.30 horas):
LE JARDIN DES DÉLICES DE JÉRÔME BOSCH
(Francia, 1979)
Dirección e guión: Jean Eustache. Produción: INA. Fotografía: Philippe Théaudière. Intérpretes: Jean-Nöel Picq, Sylvie Blim. Duración: 34 minutos.
Reconstrución dunha velada de amigos, filmada para o programa de televisión Les Enthousiastes. O psicanalista Picq fía observacións e interpretacións do terceiro panel do mítico óleo sobre madeira d’El Bosco El jardín de las delicias.
OFFRE D´EMPLOI
(Francia, 1980)
Dirección e guión: Jean Eustache. Produción: Antenne 2. Fotografía: Philippe Théaudière. Intérpretes: Michel Delahaye, Michèle Moretti. Duración: 19 minutos.
Contes modernes é unha película en episodios para a televisión. Eustache filma un deles, este; os outros pertencen a Claude Ventura, Paul Seban e Gérard Marx. Derradeira curtametraxe completada polo autor, establece unha rigorosa e ascética observación que deriva en ensaio incisivo sobre a sociedade do seu tempo a través dunha análise dos procedementos de selección de emprego.
LES PHOTOS D´ALIX
(Francia, 1980)
Dirección e guión: Jean Eustache. Produción: Médiane Films. Fotografía: Robert Alazraki. Intérpretes: Alix Cléo-Roubaud, Boris Eustache. Duración: 18 minutos.
Boris Eustache, fillo do director, recibe os comentarios sobre fotografías persoais a cargo de Alix Cléo-Roubaud. Disquisicións acerca de manipulacións e perspectivas, toda a vertente final en torno ao engano e o imaxinario trazada por Eustache aparece nesta peza galardoada co César á mellor curtametraxe.