O CGAI CONVOCA UNHA MÁSTER CLASS DE NARRATIVA DOCUMENTAL A CARGO DE JEM COHEN

9 / 02 / 2010

O cineasta estadounidense Jem Cohen impartirá unha sesión maxistral sobre o documental na narrativa audiovisual  moderna o xoves 18 de febreiro no Auditorio da Fundación Caixa Galicia. Autor ou mentor de vídeos musicais underground de bandas de sona internacional como REM ou Patti Smith, sinalará as claves da súa realización, unha encrucillada de xéneros.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) convoca a sesión a partir das 17 horas do xoves 18. A entrada é libre, aínda que cómpre previa inscripción. Este acto abre o ciclo que se lle adicará a súa obra ó longo do mes de marzo, e que permitirá afondar no seu traballo. A cita co CGAI será unha das dúas que o autor ten comprometidas ó seu paso por España. 

A clase en A Coruña estruturarase como un debate ilustrado, empregando curtas e extractos das películas urbanas de Cohen e filmes musicais incluíndo NYC Weights and Measures, Instrument (Fugazi) e a recente curta, Night Scene New York. Deste xeito, Cohen abordará o tema do documental como unha forza lírica, demostrando a maneira en que a información do mundo actual se pode converter na base para películas que están na encrucillada dos xéneros documental, narrativo e experimental. 

 Estadounidense, aínda que nado en Cabul (Afganistán) en 1962, Jem Cohen comeza a filmar en formatos subestándar a principios dos anos oitenta do secúlo pasado. A súa forma de traballo rapidamente o achega ao campo do vídeo musical, onde se converte no director ou parte importante das mellores pezas visuais de formacións e artistas como Sonic Youth ou Fugazi. 

Crecido en Washington pero criado culturalmente nas rúas de Nova York, Cohen practica un cine underground en espírito, formas e medios, capaz de combinar a textura do Súper 8 e o 16 mm co ruído do vídeo, dixital ou analóxico, nunha obra de clara inspiración independente. Documentais, travelogues, ensaios e vídeos musicais (que non videoclips) mestúranse nunha obra tan fotográfica como musical e política, auténtica rebeldía punk levada ao cine

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: