O CGAI ACOLLE O CICLO “NOVISIMOS CINEASTAS ITALIANOS” A PARTIR DO DÍA 6 DE ABRIL

5 / 04 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe  comeza mañá martes día 6 de abril (20.30 horas) o ciclo NOVISIMOS CINEASTAS ITALIANOS -dedicado a primeiras obras de directores italianos hoxe consagrados e comisariado pola docente e historiadora Daniela Aronica- coa proxección de L´UOMO IN PIÙ (2001) de Paolo Sorrentino. O ciclo, que conta co patrocinio da Embaixada de Italia en Madrid será presentado mañá pola súa comisaria. A entrada é gratuita. Organizado en colaboración con Centro di Studi sul Cinema Italiano (CSCI), Cinecittà Luce, Istituto Italiano di Cultura di Barcellona, Istituto Italiano di Cultura di Madrid,  Cinemateca UGT-Sevilla, Filmoteca de Albacete, Filmoteca de Andalucía, Filmoteca de Cantabria e Obra Social “Sa Nostra”-Caixa de les Illes Balears, as sesións dos días 16 e 23 contarán coa presenza do crítico e director italiano Simone Saibene.

Martes 6 de abril (20.30 horas)
L´UOMO IN PIÙ  
(Italia, 2001)
Dirección e guión: Paolo Sorrentino. Produción: Indigo Film e Key Films. Fotografía: Pasquale Mari. Intérpretes: Toni Servillo, Andrea Renzi. Duración: 100 minutos.
Nápoles, anos 80. Época de bonanza na Italia do éxito fácil. Dous homes comparten o mesmo nome e a mesma data de nacemento: un é futbolista, o outro cantante. Os seus destinos crúzanse por azar en tempos de decadencia para ambos. Opera prima do realizador d’Il Divo (2008), obtivo un premio no BAFICI de Bos Aires.
 
Mércores 7 de abril (20.30 horas)
VELOCITÀ MASSIMA     
(Italia, 2002)
Dirección e guión: Daniele Vicari. Produción: Fandango. Fotografía: Gherardo Gossi. Intérpretes: Valerio Mastandrea, Cristiano Morroni. Duración: 111 minutos.
Claudio ten 17 anos e unha innata paixón polos motores. Stefano é mecánico e, de noite, compite en carreiras ilegais cun coche que Claudio trucou. Pero na súa vida vaise cruzar Giovanna, que descobre no carácter doce e introvertido de Claudio algo que tipos duros como Stefano non souberon darlle. Premiada en Venecia e nos David di Donatello.
 
Luns 12 de abril (20.30 horas)

TORNANDO A CASA     
(Italia, 2001)
Dirección e guión: Vincenzo Marra. Produción: Classic. Fotografía: Ramiro Civita. Intérpretes: Aniello Scotto D’Antuono, Salvatore Iaccarino. Duración: 88 minutos.
Pescadores napolitanos, o choque cos patróns, o amor. Unha crónica humana e social, con personaxes insertos na súa contorna e o Mediterráneo ao fondo. Nos sucos da máis fonda tradición do cine italiano. Premios no BAFICI e Venecia.
 
Martes 13 de abril (20.30 horas)
PATER FAMILIAS    
(Italia, 2002)
Dirección: Francesco Patierno. Guión: Francesco Patierno e Massimo Cacciapuoti, sobre a novela deste último. Produción: Kubla Khan. Fotografía: Mauro Marchetti. Intérpretes: Luigi Iacuzzo, Federica Bonavolontà. Duración: 99 minutos.
Matteo regresa á súa vila natal, preto de Nápoles, tras dez anos de ausencia. É a festa patronal. Mentres percorre as rúas, lembra o seu pasado cheo de violencia e desenganos. Paso a paso, lentamente, descubrimos as razóns que o levaron alí.
 
Venres 16 de abril (20.30 horas)
BALLO A TRE PASSI     
(Italia, 2003)
Dirección e guión: Salvatore Mereu. Produción: Lucky Red   coa participación do MiBAC. Fotografía: Renato Berta, Tommaso Borgstrom, Renato Bravi e Nicolas Franik. Intérpretes: Caroline Ducey, Yaël Abecassis. Duración: 107 minutos.
Catro estacións para vivir Sardeña a través das miradas non convencionais dos seus protagonistas: da dos nenos que descobren por vez primeira o mar á do xubilado Giorgio. Un debut lírico e intenso que significou para Salvatore Mereu o David di Donatello ao mellor director novo e premios en Venecia.
 
Sábado 17 de abril (20.30 horas)
I NOSTRI ANNI     

(Italia, 2000)
Dirección: Daniele Gaglianone. Guión: Daniele Gaglianone e Giaime Alonge. Produción: Axelotil-Pablo  , Tele+. Fotografía: Gherardo Gossi. Intérpretes: Virgilio Biei, Piero Franzo. Duración: 90 minutos.
Veteranos da resistencia antifascista reencóntranse décadas despois. Un deles fai un descubrimento inquietante: un coñecido foi responsable dunha terrible masacre. A partir de alí encadéase unha reflexión sobre a responsabilidade, o esquecemento, o perdón. Premios nos certames de Turín e Xerusalén.
 
Venres 23 de abril (20.30 horas)

SAIMIR    

(Italia, 2004)
Dirección: Francesco Munzi. Guión: Francesco Munzi, Dino Gentili e Serena Brugnolo. Produción: Orisa Produzioni coa participación do MiBac. Fotografía: Vladan Radovic. Intérpretes: Michel Manoku, Xhevdet Feri > . Duración: 88 minutos.
Pai e fillo proceden do Leste de Europa: o primeiro explota ilegalmente aos seus compatriotas e veciños. Da rebelión do segundo arrinca o camiño cara a unha rexeneración posible.
 
Sábado 24 de abril (18.00 horas)
GIORNI     
(Italia, 2001)
Dirección: Laura Muscardin. Guión: Laura Muscardin, David Osorio e Monica Rametta. Produción: Buskin. Fotografía: Sabrina Varani. Intérpretes: Thomas Trabacchi  , Riccardo Salerno. Duración: 80 minutos.
Un triángulo homosexual, os seus alcances familiares, un traslado entre Roma e Milán, a necesidade de convivir coa SIDA. Personaxes complexos e impredicibles nun relato que conseguiu premios en festivais de cine gay como Seattle, Los Angeles ou Milán.
 
Luns 26 de abril (20.30 horas)

UN´ORA SOLA TI VORREI       
(Italia, 2002)
Dirección: Alina Marazzi. Produción: Venerdì e Bartlebyfilm en coprodución con RTSI Televisión Suíza e a participación de TELE+. Duración: 55 minutos.
“Miña nai naceu en 1938 e morreu en 1972, cando eu tiña 7 anos. Contar a súa historia a través destas vellas gravacións do meu avó para min foi como devolverlle a dignidade ao recordo da persoa que me trouxo ao mundo. Un agasallo que quero facerme a min, a ela, a todos os fillos e a todos os pais” (Alina Marazzi). Premiada en Locarno.

DALLO ZOLFO AL CARBONE
   
(Italia, 2008)
Dirección e fotografía: Luca Vullo. Produción: Ondemotive. Duración: 53 minutos.
1946 Pacto italobelga. Vendidos (polo Estado) por un saco de carbón. O paro, a explotación, a emigración, a ausencia de medidas de protección no traballo, os problemas de integración fannos revivir a viaxe de miles de sicilianos cara ás minas de carbón de Bélxica.

Categoría: Noticias
Etiquetas: