O audiovisual galego entrega este sábado os seus premios na gala dos Mestre Mateo

1 / 03 / 2019

Este sábado, 2 de marzo, o Palacio da Ópera da Coruña acollerá gala de entrega de premios dos XVII Premios Mestre Mateo, cos que a Academia Galega do Audiovisual (AGA) premia os traballos máis destacados do ano en vinte e cinco categorías. A sombra da lei e Trote parten como as producións máis votadas, acaparando 15 candidaturas cada unha. A unha certa distancia sitúanse a serie O sabor das margaridas con 8, a longametraxe Contou Rosalía con 7, e o programa Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas con 4 cada unha.Os premios, que os académicos e académicas elixiron cos seus votos entre as máis de 400 candidaturas presentadas en vinte e cinco categorías, serán entregados por diversos profesionais pertencentes ao noso audiovisual entre os que se atopan as actrices Belén Constenla, Estíbaliz Veiga, Ledicia Sola, Isabel Blanco e María Bouzas; os actores Miguel Canalejo, Alberto Rolán, Xosé Antonio Touriñán, Xavier Picallo e Luis Iglesia; os cineastas Javi Camino, Anxos Fazáns e Andrés Goteira; profesionais da comunicación como Marta Doviro, Adrián Díaz e Gloria Ferreiro e o presidente de Proxecta – Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, Ángel Sánchez. A cerimonia poderá seguirse minuto a minuto a través das redes sociais da Academia Galega do Audiovisual, no cancelo #MestreMateo19 ou a partir das 22h00 na primeira canle da Televisión de Galicia e na Radio Galega.

A ciencia ficción, protagonista da noite
A  gala desta edición dos premios, que dirixirá Sonia Méndez, estará conducida por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos-. Este elenco de actores e actrices, cunha estética futurista, guiará ao público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego. Ambientado na ciencia ficción, o espectáculo contará cun vestiario creado especialmente para a ocasión polo deseñador David Méndez Alonso; músicas e letras orixinais de Fernando Epelde; dirección de arte de Isa Vila e Ángel Amaro;  dirección de produción de Miriam Devesa;  guión de Daniel Domínguez, Sandra Lesta e Sonia Méndez e dirección desta última.

Premios de honra
Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra “Fernando Rey” e o Premio Especial “José Sellier”. Este ano as homenaxes son para a actriz Mela Casal e para a Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA). Estes últimos recibiron xa o galardón o no encontro de finalistas o pasado venres e con eles púñase en valor que “os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”. No caso de Casal, a AGA quere recoñecer o seu “traballo a prol da construcción do audiovisual galego dos últimos trinta anos, ser unha das nosas pioneiras e un dos rostros máis coñecidos do noso audiovisual”. A actriz recollerá o premio durante a gala.

Etiquetas: