O ANO DA CARRACHA FOI A LONGAMETRAXE QUE SUMOU MÁIS GALARDÓNS

21 / 03 / 2005

O ano da Garrapata foi a película gañadora dos Premios Mestre Mateo 04 que se celebrou onte, cun cheo total no Teatro Sala de Concertos de Caixanova en Vigo. Nada menos que oito galardóns doutras tantas categorías establecidas nas bases, fixeron subir ó escenario en distintas ocasións ó seu director, Jorge Coira, que recolleu o premio á Mellor Longametraxe e á Mellor Dirección. A Mellor Dirección de Producción, Xavier Eirís; a Mellor Maquillaxe e Perruquería, Raquel Fidalgo e María Barreiro; a Mellor Montaxe, Guillermo Represa, a Mellor Interpretación Masculina Protagonista, Javier Veiga; a Mellor Interpretación Masculina Secundaria, Luís Zahera, e a Mellor Interpretación Femininia Secundaria, Camila Bosse, foron as categorías premiadas nesta longametraxe, cuxa páxina web, garrapatalapelicula.com creada pola empresa Interacción CIM, recolleu tamén o Premio á Mellor Producción Interactiva. A película está producida por Filmanova. O ANO DA CARRACHA FOI A LONGAMETRAXE QUE SUMOU MÁIS GALARDÓNS

A Gala dos Mestre Mateo 04 resultaron todo un éxito tanto pola organización como pola cheo total no teatro

Luns, 21 marzo 2005.- O ano da Garrapata foi a película gañadora dos Premios Mestre Mateo 04 que se celebrou onte, cun cheo total no Teatro Sala de Concertos de Caixanova en Vigo. Nada menos que oito galardóns doutras tantas categorías establecidas nas bases, fixeron subir ó escenario en distintas ocasións ó seu director, Jorge Coira, que recolleu o premio á Mellor Longametraxe e á Mellor Dirección. A Mellor Dirección de Producción, Xavier Eirís; a Mellor Maquillaxe e Perruquería, Raquel Fidalgo e María Barreiro; a Mellor Montaxe, Guillermo Represa, a Mellor Interpretación Masculina Protagonista, Javier Veiga; a Mellor Interpretación Masculina Secundaria, Luís Zahera, e a Mellor Interpretación Femininia Secundaria, Camila Bosse, foron as categorías premiadas nesta longametraxe, cuxa páxina web, garrapatalapelicula.com creada pola empresa Interacción CIM, recolleu tamén o Premio á Mellor Producción Interactiva. A película está producida por Filmanova.

A outra película que recolleu o resto dos premios en canto a cine, foi A vida que che espera, que gañou o Premio ó Mellor Guión, Ángeles González Sinde e Manuel Gutiérrez Aragón, e Mellor Interpretación Feminina Protagonista, Marta Etura.

As leis de Celavella foi a serie de tv que se levou os premios ó Mellor Deseño de Vestiario, Ruth García, e á Mellor Dirección Artística, Antonio Pereira; esta serie, dirixida tamén por Jorge Coira, está producida pola Productora Voz Audiovisual.

O programa producido pola TVG Con C de Cultura acaparou tres dos premios: ó Mellor Programa de TV, Mellor Realización, Ricardo Llovo, e Mellor Comunicador, María Xosé Arrojo. Un bosque de Música, producida por Vía Láctea Filmes, foi a película documental que non só se levou o Premio á Mellor Longametraxe Documental, senón tamén o Premio ó Mellor Son, Nani García e Xabier Ferreiro, e á Mellor Banda Sonora, Luar na Lubre.

O Centro Territorial de TVE en Galicia, recolleu de mans do seu director Domingo González, o premio á mellor serie de Tv por A catástrofe do Prestige, dous anos despois. O mellor documental foi tamén para unha producción de Filmanova, Tucho Bouza, o emperador do Bronx, que foi a empresa trunfadora dos Mestre Mateo 04.

A Mellor Producción de Publicidade foi para EAF Producciones, polo Spot de Fadesa. La buena caligrafía, da empresa Ciudadano Frame, recolleu o premio á Mellor Curtametraxe de Ficción, de Alex Sampaio. Foi IB Cinema a productora que recolleu o da Mellor Curtametraxe de Animación, Minitauromaquia. Pablo no labirinto, dirixida por Juan Pablo Etxeberri con guión de Xosé Zapata. A Mellor Dirección de Fotografía foi para Suso Bello pola producción, de Adivina Produccións, Camiño de Santiago. A orixe.

A Gala resultou un auténtico éxito de asistencia do público en Vigo, que valorou como un gran espectáculo o Musical-Cabaret que tivo a Moncho Borrajo como mestre de cerimonias, acompañado da actriz María Castro, a presentadora Sonia López e o actor Monti Castiñeiras.

Entre os moitos asistentes, non faltaron os representantes institucionais e políticos, como o Vicepresidente do Goberno, Núñez Feijoo, a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, o Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o Deputado socialista Antón Louro, o Director Xeral da CRTVG Francisco Campos, o Director de TVG Anxo Quintanilla, o Director da Fundación Obra Social de Caixanova Guillermo Brea, e outras moitas persoalidades, mesmo do mundo deportivo, como os xogadores do Celta Gustavo López e Giovanella, acompañados polo Director Xeral do equipo, Alfredo Rodríguez.

Os premios especiais
Este ano, os Premios Especiais da Academia foron entregados polo Director da TVG Anxo Quintanilla, o Director da Obra Social de Caixanova Guillermo Brea, e o propio Presidente da Academia, Manolo Gómez, a: o Premio Fernando Rey ó Equipo Lupa, polo seu labor a prol do audiovisual na súa extensa traxectoria, e recolleu o premio o escritor e un dos seus fundadores, Euloxio Ruibal; o Premio José Sellier foi entregado á Escola de Imaxe e Son da Coruña, recollendo o premio o seu fundador Manolo González, así como o actual director Ángel Cordero. Este ano, o Premio Chano Piñeiro foi entregado como Premio Honorífico ó propio Chano Piñeiro, sendo recollido pola súa viúva Mari Luz Montes, e levándose a cabo unha homenaxe ó cineasta no décimo cabodano do seu falecemento que se cumpría na hora de entrega, entrado xa o día 21; un momento este que resultou o máis emotivo da noite para tódolos asistentes.

O Musical-Cabaret

A temática xeral desta Gala xirou en torno a un musical de Cabaret, conducido polos profesionais devanditos, e xunto ós que estiveron outros moitos actores e actrices galegas que participaron ó longo do espectáculo bailando e protagonizando diversos sketchs humorísticos e números musicais, como Camila Bossa, Marta Etura, Isabel Blanco, Carolina Vázquez, Uxía Blanco, Mónica García, Yolanda Castaño, Teté Delgado, Antonio Durán Morris, Alfonso Agra, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Federico Rei. Salientar tamén que os 8 números musicais de que se compuxo esta Gala, foron interpretados tanto musical coma coreograficamente, polos propios actores.

A idea

A idea orixinal de acometer esta Gala con este formato, partíu dos responsables das últimas galas: a xerente da Academia, Mamen Quintas, e máis o guionista e director Ángel de la Cruz, que xa viñan baraxando a posibilidade de facer este formato hai anos.

A Gala, igualmente, estivo dirixida por ámbolos profesionais, Ángel e Mamen, xunto cun amplo equipo de profesionais tanto da Academia Galega do Audiovisual como da Televisión de Galicia, que a retransmitíu en riguroso directo.

A organización contou cos patrocinios da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, o Concello de Vigo,Televisión de Galicia, Aisge e Caixanova. E como colaboradores, cóntase co Consorcio Audiovisual de Galicia, a SGAE, a Escola de Imaxe e Son de Vigo e as empresas galegas Spica e EPC-Ficción.

Etiquetas: