NOVAS DO SECTOR: O PRESIDENTE DO CLÚSTER PARTICIPA NA MISIÓN INSTITUCIONAL A MONTEVIDEO DE APOIO ÓS EMPRENDEDORES GALEGOS NO EXTERIOR

22 / 03 / 2007

En representación do Clúster Audiovisual Galego, o seu presidente Antón Reixa, viaxará xunto a unha delegación galega a partir de hoxe 22 a Montevideo -Uruguai-, no marco do I Congreso Técnico Empresarial: O futuro dos emprendedores galegos no exterior, que organiza a Fundación Galicia Emigración. O PRESIDENTE DO CLÚSTER PARTICIPA NA MISIÓN INSTITUCIÓNAL A MONTEVIDEO DE APOIO AOS EMPRENDEDORES GALEGOS NO EXTERIOR

En representación do Clúster Audiovisual Galego, o seu presidente Antón Reixa, viaxará xunto a unha delegación galega a partir de hoxe día 22 a Montevideo (Uruguay), no marco do I Congreso Técnico Empresarial: O futuro dos emprendedores galegos no exterior que organiza a Fundación Galicia Emigración.

O Clúster Audiovisual Galego únese deste xeito á iniciativa do proxecto GAER (Galicia en Rede) da Fundación para constituir a Rede de Emprendedores e Empresarios galegos e facilitar as operacións comerciais, os investimentos e a busca de financiamento entre Galicia e os diferentes países da emigración. Esta viaxe constitúe unha boa oportunidade para o labor do Clúster xa que o encontro en Montevideo pretende aproveitar a importante presenza galega no mundo para establecer mecanismos de mutuo recoñecemento e cooperación, e facer posible a realización de negocios que redunden no crecemento das empresas e emprendedores galegos. Asemade, o Congreso abordará os aspectos de interese común relacionados coa economía de Galicia e a internacionalización empresarial co obxectivo de incrementar a colaboración entre empresarios e investidores galegos no mundo, eliminando as posibles barreiras.

Servizo de vendas internacionais das producións galegas
O I Congreso Técnico Empresarial da Fundación Galicia Emigración pretende promover as sinexias empresariais entre as compañías galegas, constituíndo esta filosofía unha das razóns de ser do Clúster. Os obxectivos deste Congreso coinciden con algúns dos proxectos que está a desenvolver o Clúster para impulsar a internacionalización das vendas das producións audiovisuais galegas promocionando estas en mercados internacionais. De feito, o Clúster vai crear un servizo de vendas internacionais das producións do sector audiovisual galego, asesorando aos seus socios en estratexias comerciais e acadando deste xeito o obxectivo de consolidar a posición de Galicia coma referente da industria audiovisual a nivel internacional.

Por outra banda, o Clúster está a piques de poñer en marcha unha oficina de TV interactiva, para ofrecer ás empresas asociadas que o demanden asesoramento tecnolóxico sobre formatos interactivos ademais de suxerirlles e informarlles sobre canles de desenvolvemento dos seus negocios. Outra das ofertas presentadas polo Cluster e a prestación dun servizo de asesoramento de proxectos de I+D+i co obxectivo de tutorar e prestar asistencia técnica aos socios para a identificación e posta en marcha de proxectos susceptibles de ser financiados por programas de axudas nacionais e internacionais (PROFIT, CDTI, Eureka, Programa Marco).

Categoría: Noticias
Etiquetas: