O Festival de Cans incorporará na súa cuarta edición un novo formato audiovisual nas súas seccións a concurso: o videoclip. Por primeira vez, un festival galego terá unha categoría específica a concurso na que se exhibirán algúns dos mellores clips musicais realizados en Galicia nos últimos anos. Cans quere así recoñecer un xénero audiovisual que na actualidade está vivindo un gran momento parello á auxe de grupos galegos de todos os xéneros musicais O IV Festival de Cans dedicará por primeira vez unha sección específica para proxectar os mellores videoclips feitos en Galicia
O Festival de Cans incorporará na súa cuarta edición un novo formato audiovisual nas súas seccións a concurso: o videoclip. Por primeira vez, un festival galego terá unha categoría específica a concurso na que se exhibirán algúns dos mellores clips musicais realizados en Galicia nos últimos anos. Cans quere así recoñecer un xénero audiovisual que na actualidade está vivindo un gran momento parello á auxe de grupos galegos de todos os xéneros musicais.
Na cuarta edición do festival, que se celebra do 24 ao 26 de maio, poderase ver unha selección de videoclips galegos dos últimos dous anos, dende 2005 en diante. A Asociación Cultural Arela, organizadora do evento, xa abriu o prazo para que os grupos musicais ou os autores dos clips que queiran ser exhibidos en Cans os envíen. Ata o 31 de marzo poderanse enviar videoclips de músicos ou grupos galegos, ou realizados por un autor ou autora galego. Deben enviarse ao seguinte enderezo:
Asociación Cultural Arela.
Apartado de Correos 232,
C.P. 36.400, O Porriño.
As bases completas pódense ver na web www.festivaldecans.com. Para calquera consulta pódese escribir ao email festival@festivaldecans.com.
As proxeccións dos videoclips participantes realizarase previsiblemente en varios pubs e locais que colaboran co festival. Haberá dous premios para os mellores videoclips: un entregarao un xurado especializado e o outro será decidido polo público cos seus votos.
Esta é só unha das novidades que a organización prepara para a cuarta edición do festival, que apostará máis que nunca por dar cabida ás diferentes creacións dos novos autores do audiovisual galego. Nos próximos meses iranse avanzando outros aspectos novidosos da programación do Festival de Cans nos que xa se está traballando.
A organización lembra que neste momento segue aberto o prazo para enviar curtametraxes a concurso. A Asociación Cultural Arela conta xa cun bo número de curtas, e sinala o bo nivel que se apreza nas producións deste ano. O prazo para recepción de curtametraxes remata o 15 de marzo.
Máis información en
www.festivaldecans.com
festival@festivaldecans.com
Moisés Álvarez Jorge
Responsable de prensa do Festival
arelacultura@yahoo.es
625 204 119