NOVAS DO SECTOR: O Festival de Cans acollerá as estreas das longametraxes Abrígate e Gritos en el pasillo

29 / 04 / 2007

O Festival de Cans dálle na súa cuarta edición un novo impulso á proxección de cine de produción galega coas estreas absolutas de dúas longametraxes: unha comedia romántica dirixida por un porriñés e un filme de animación protagonizado por cacahuetes O Festival de Cans acollerá as estreas das longametraxes Abrígate e Gritos en el pasillo

Abrígate está dirixida polo realizador de orixe porriñés Ramón Costrafreda e escrita polo guionista de El hijo de la novia, Fernando Castets.

Gritos en el pasillo é o primeiro filme de animación protagonizado por cacahuetes, e presentarase simultaneamente en Cannes.

O Festival de Cans dálle na súa cuarta edición un novo impulso á proxección de cine de produción galega coas estreas absolutas de dúas longametraxes: unha comedia romántica dirixida por un porriñés e un filme de animación protagonizado por cacahuetes. A primeira é Abrígate, de Ramón Costafreda, que fará a súa presentación en Galicia o xoves 24 de maio no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. A segunda é Gritos en el pasillo, unha coprodución galega que se estreará a nivel mundial o venres 25, Día do Orgullo Friki, simultaneamente en Cans e Cannes.
Estas son dúas das novidades máis salientables que presenta o Festival de Cans na súa cuarta edición, que transcurrirá do 24 ao 26 de maio en Cans. Nos alpendres e cubertos desta parroquia porriñesa tamén asistiremos á estrea de varias curtas galegas de ficción e animación seleccionadas entre as máis de 90 curtametraxes recibidas. O premio de honra do festival, o Pedigree’07, recibirao o polifacético artista Antón Reixa.
A programación que está pechando a Asociación Cultural Arela, organizadora do festival, incluirá actuacións musicais nas que terán un papel relevante o sentido de humor e o espírito festivo. Tamén está prevista unha actividade na que se darán cabida aos novos valores do mundo da arte e o deseño da localidade, e algunha outra proposta relacionada co cine e par a que a organización está xestionando a presenza de figuras destacadas do audiovisual a nivel estatal, que se dará a coñecer en datas próximas.
Abrígate
A primeira gran cita do Festival de Cans será o xoves 24 no Círculo Recreactivo Cultural do Porriño coa estrea de Abrígate. Esta comedia romántica é unha coprodución entre Cataluña, Arxentina e a galega Continental Producciones. O filme está dirixido por Ramón Costafreda, un cineasta de orixe porriñesa, recoñecido realizador de publicidade que en 2005 dirixiu o filme para televisión Máis que irmáns.
Abrígate conta con guión de Fernando Castets, autor do texto da exitosa película arxentina El hijo de la novia. O reparto está encabezado por Manuela Pal, María Bouzas, Félix Gómez e Celso Bugallo. Na banda sonora figuran varios temas interpretados pola cantante mosense Uxía. O filme vén de participar na Mostra de Cine Latinoamericano de Lleida, onde foi o filme máis galardonado ao obter o Premio TVE, o Premio do Público e o Premio á Mellor Actriz para María Bouzas.
Para a Asociación Cultural Arela, organizadora do Festival de Cans, a estrea de Abrígate é un acontecemento moi importante. Por segundo ano consecutivo presentarase unha longametraxe realizada por un cineasta intimamente ligado ao Porriño, logo de que o ano pasado se proxectase Por mi y por todos mis compañeros, de Judas Diz. A estrea contará coa presenza do equipo técnico e artístico da película e algunha outra sorpresa que se incluirá proximamente na programación do festival.
Gritos en el pasillo
O venres 25 de maio é o Día Internacional do Orgullo Friki. Coincidindo con esta efeméride, o Festival de Cans participará da estrea mundial dunha película moi peculiar: Gritos en el pasillo, un filme de terror protagonizado por cacahuetes pintados. Ese día o filme estrearase de forma simultánea en Cannes, coincidindo coa celebración do seu festival de cine. Por primeira vez na historia, unha película poderase ver ao mesmo tempo en Cans e en Cannes.
Gritos en el pasillo é un unha coprodución galego-canaria na que participa a produtora Perro Verde Films. Trátase dunha longametraxe de animación dirixida por Juanjo Ramírez na que os personaxes foron creados a partir de froitos secos, con especial protagonismo para os cacahuetes.

O filme conta a terrorífica historia dun cacahuete debuxante que recibe un perigoso encargo: pintar as paredes dun manicomio apartado onde reteñen a ducias de manís caducados. Alí vivirá auténticas esceas de terror: celadores de motivacións sospeitosas, garrapiñamentos de cacahuetes, berros terribles nos corredores…, todos os elementos para que alguén acabe por perder a cordura.

Categoría: Noticias
Etiquetas: