NOVAS DO SECTOR: COMEZA A TERCEIRA EDICIÓN DO PLAY-DOC MAÑÁ NO TEATRO MUNICIPAL DE TUI

20 / 03 / 2007

Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, inicia mañá mércores a súa terceira edición, precedida polo éxito das dúas primeiras que converteron a esta cita tudense nun lugar de encontro a nivel internacional do cine do real. Comeza a terceira edición de Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui
A inauguración será mañá ás 20h no Teatro Municipal

Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, inicia mañá mércores a súa terceira edición, precedida polo éxito das dúas primeiras que converteron a esta cita tudense nun lugar de encontro a nivel internacional do cine do real.

O Teatro Municipal de Tui será ata o vindeiro domingo, día 25, a sé do Festival, onde se realizarán as proxeccións de case unha trintena de documentais que na maioría dos casos serán presentados polos seus propios directores ou produtores. Pero non só de documentais vive Play-Do,c tamén de música cos dous concertos programados para este venres e sábado na sala Metropol. E este ano será tamén referente a exposición de Ron English que mañá mesmo se inaugura na cidade. A estas iniciativas sumarase o maratón Play Avid-Doc e o Foro Documental, que conforman a aposta polos novos realizadores, e por aqueles que traballan no audiovisual respectivamente.

O acto inaugural de Play-Doc celebrarase mañá mércores ás 8 da tarde no Teatro Municipal de Tui. Correrá a cargo do Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará Torres, do Director de Comunicación Audiovisual, Xosé Manuel Fernández, e do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, xunto aos directores do Festival Sara García e Anxo Sánchez.

Neste acto proxectarase un trailer dos documentais que protagonizan a terceira edición de Play-Doc tanto na sección Oficial, a concurso, como na Informativa.

A continuación exhibiranse os dous primeiros documentais. Ás 21h An ordinary family que compite na sección de Longametraxes e que será presentada polo seu director Fredrik Gertten. A seguinte proxección, ás 22.30h, será a tamén sueca Bullshit que ten como protagonista a Vandana Shiva, nominada ao Premio Nóbel da Paz de 2007, será tamén presentada pola súa directora Suzanne Khadalian.

Inauguración da exposición de Ron English

No mesmo acto terá lugar a inauguración da exposición de Ron English que creou especialmente para ocasión cinco valas publicitarias que se atopan distribuídas pola cidade. O propio Ron English, que hoxe chega a Tui, será mañá o responsable de colocar unha de valas instalada xunto ao edificio da Área Panorámica.

Maratón Play Avid Doc

Na súa aposta polos novos realizadores o Festival Internacional de Documentais de Tui presenta este ano o maratón Play Avid-Doc no que cinco equipos finalistas, Eloy Enciso, Uxía Rodríguez Núñez, Jacobo Sanmartin e Pablo Gómez, Pela do Álamo e Joaquín Mateo e Paula Marcuño, terán que realizar un curto documental que gravarán e montarán en Tui. Mañá ás 10h cada un deles coñecerá o tema sobre o que terá que gravar durante dous días na cidade, disporán logo da xornada do venres para realizar a montaxe, e o resultado final proxectarase na tarde do sábado, correspondendo ao público elixir ao ganador.

Categoría: Noticias
Etiquetas: