A Asociación Cultural Arela informa que ata o 15 de marzo está aberto o prazo de admisión de curtametraxes galegas recentes para seleccionar aquelas que participarán na cuarta edición do Festival de Cans, que se celebrará do 24 ao 26 de maio na aldea de Cans (O Porriño).
Ábrese o prazo de admisión de curtametraxes galegas para a próxima edición do Festival de Cans
O PORRIÑO, 23 DE XANEIRO DE 2007.
A Asociación Cultural Arela informa que ata o 15 de marzo está aberto o prazo de admisión de curtametraxes galegas recentes para seleccionar aquelas que participarán na cuarta edición do Festival de Cans, que se celebrará do 24 ao 26 de maio na aldea de Cans (O Porriño).
Os autores ou produtores de curtametraxes que estean interesados en que as súas producións se proxecten no festival deben facelas chegar á asociación organizadora enviando unha copia ao seguinte enderezo:
Asociación Cultural Arela.
Apartado de Correos 232,
C.P. 36.400, O Porriño.
Para a súa exhibición no Festival de Cans, as curtametraxes deben ser galegas e producidas nos anos 2005, 2006 ou 2007. Nesta edición, ademais de curtas de ficción e animación admitiranse curtametraxes de xénero documental. A copia debe presentarse en soporte DVD e non exceder os 25 minutos de duración. Xunto á curta enviarase unha ficha técnica e imaxes dixitais do cartel e dun fotograma.
As bases da convocatoria pódense consultar na web www.festivaldecans.com. Para calquera consulta pódese escribir ao email festival@festivaldecans.com.
Circuíto de proxeccións
O Festival de Cans ten unhas expectativas moi positivas para esta cuarta edición, e confía en que a selección de curtas supere incluso o bo nível de anos anteriores. Un dos obxectivos principais do festival será un ano máis dar a coñecer a produción de curtametraxes de Galicia e aos novos valores do audiovisual galego.
O Festival de Cans non ofrece premios en metálico aos gañadores, pero no seu lugar procura dar a coñecer a un público amplo as curtas vencedoras e aos seus autores e autoras. Para iso aprovéitase a relevancia mediática do festival e o establecemento dun circuíto de proxección das curtas gañadoras por diferentes localidades de Galicia e de fóra do país.
Este circuíto que establece a organización, consegue que as curtas cheguen cada ano a un público máis amplo. As curtametraxes gañadoras da edición pasada puidéronse ver en lugares tan diversos como o club Calle 54 de Madrid, o Festival da Poesía do Condado en Salvaterra, La Fábrica de Chocolate en Vigo, Musicañiza na Cañiza, Festival Repercusión en Allariz, Videoclub Arteiensaio en Vigo, Festival Integrarte en Caldelas (Tui), etcétera.
Todas estas proxeccións xeraron arredor de un milleiro de novos espectadores para as esas curtas. A organización traballa agora na posibilidade de editar un dvd coas curtametraxes gañadoras para publicar de xeito gratuíto cunha revista galega de gran tirada.