O domingo día 14 a Asociación de Actores e Actrices de Galicia celebrou Asemblea Xeral na que os membros da mesma elixiron unha nova Xunta Directiva. Tal como se anunciara, deuse unha ampla renovación na dirección, para asumir os moitos retos que lle agardan a AAAG na defensa e promoción dos actores e actrices galegos.
A nova Xunta Directiva quedou integrada polos seguintes actores e actrices: Vicente Montoto (Presidente), Xosé Luís López “Sacha” (Secretario), Camila Bossa e Antonio Durán “Morris”, que xa formaban parte da directiva saínte. As novas incorporacións son Roberto Leal, Vicente de Souza, Josi Lage, Rubén Riós, Victoria Pérez, Estíbaliz Veiga, César Cambeiro e Fernando Morán.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia ven desenvolvendo unha intensa e continuada actividade desde o ano 1985, no que foi creada.
A nova Xunta Directiva, que distribuirá as diversas áreas de traballo nunha próxima reunión, terá como temas máis inmediatos abordar a organización da XIII edición dos Premios de Teatro María Casares 2009, a difusión e defensa do primeiro Convenio Colectivo de Teatro de Galicia que será aprobado nos próximos días, e a promoción do Catálogo de Actores e Actrices, entre moitos outros.