O Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela acolle, do 7 ao 15 de xuño, a VI Mostra de Cinema Etnográfico, organizada por dito centro. Exhibiranse 19 produccións que reflexan aspectos sobre as formas de vivir e entende-la vida dentro dunha cultura. Abrirá o lume o Tríptico Elemental de España.
A Mostra de Cinema Etnográfico, que terá lugar na sede do Museo, estructúrase, nesta sexta edición, en tres apartados. Nun deles, co que se abrirá este martes, 7 de xuño, proxectarase o Tríptico Elemental de España de José Val del Omar, unha obra do cineasta experimental español que está composta por tres curtametraxes rodadas entre 1953 e mediados dos sesenta: Aguaespejo granadino, Fuego en Castilla e Acariño galaico. A súa presentación correrá a cargo de Pepe Coira. Outra sección da Mostra, «Carlos Velo», está formada por unha selección de documentais de características etnográficas elixidos polo propio Museo do Pobo Galego. Intégrana as obras galegas Aphas, los de fuera, de Cora Peña, De porta en porta, de Lisi González, Días de reparto, de Jorge Coira e Iker Elorrieta, O ruído e o silencio, de Antonio Caeiro, Retratos de romaría, de Toño Chouza, Ceibes no monte, do IES Terra de Turonio de Gondomar, oespañol Memorias, norias y fábricas de lejía, de María Zafra, o hispano-portugués La ciudad de los muertos, de Serge Truffaut, el chileno Noticias, de Bettina Perut e Iván Osnovikoff, e o venezolano Para vestir santos, de Rosana Matecki.
Por último, na sección «Espiello» da Mostra poderase ver unha selección dos traballos galardoados na novena edición desa mostra de documental etnográfico, celebrada en abril pasado na localidade oscense de Boltaña: o austríaco In the Bazaar of Sexes, de Sudabeh Mortezai, que se alzou co premio Espiello ao mellor documental do festival; o australiano Contact, de Bentley Dean e Martin Butler, que logrou o premio do público; o ecuatoriano Baltazar Ushka: el tiempo congelado, de Igor e José Antonio Guayasamín, que recibiu o premio Espiello Choben; a coproducción entre Suíza e Camboya Bunong Guu Oh-Bunong’s Birth Practices, de Tommi Mendel, que obtivo o premio Espiello Rechira ao mellor traballo de investigación; e os arxentinos Pueblos originarios III: Pilagá, Bañado La Estrella, de Olieras Rosell, e Boteros, de Martín Turnes, que se fixeron co premio ASECIC Guillermo Zúñiga e con un accésit, respectivamente. Ademais, nesta edición do evento levaranse a cabo algunhas actividades paralelas relacionadas cos filmes que se exhibirán. Así, o sábado 11 de xuño celebrarase un obradoiro de Treboada que será dirixido por Oli Xiráldez.