La mujer del hatillo gris gañou o 39º Certame Audiovisual Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, Curtas Film Fest 2011, que tivo lugar do 6 ao 9 de decembro na localidade pontevedresa organizado pola citada entidade. Competían no 39º Certame Audiovisual Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, 30 traballos, escollidos entre os ao redor de 410 recibidos durante a convocatoria. Entre todos eles, o xurado outorgou o premio ao mellor traballo, dotado con 1.000 euros, a La mujer del hatillo gris, de Luis Trapiello. Pola súa banda, o premio á mellor curta de animación, dotado con 600 euros, recaeu en La bruxa, de Pedro Solís; e o premio á mellor curta documental, dotado con outros 600 euros, recibiuno Asorey, realizado polo Grupo Lumiere do Instituto Asorey de Cambados.
O palmarés completouse co premio ao mellor realizador novel, dotado con 300 euros, para Ejercicio, de Raúl Pérez. A gala de clausura e entrega de premios do Curtas Film Fest 2011 tivo lugar o 9 de decembro. Durante a mesma, rendeuse homenaxe a Tino Silva, un pioneiro que presentou a concurso gran cantidade de obras documentais nos primeiros anos de vida do certame. Unha selección das mesmas presentouse na cerimonia.