Este galardón, que representa a máxima distinción de honra outorgada pola Xunta de Galicia, recoñece a aquelas persoas e institucións que, polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade, son dignas de agradecemento público e recoñecemento institucional.
A Medalla de Galicia é unha homenaxe que celebra o compromiso na contribución ao desenvolvemento cultural, social, económico ou científico da comunidade galega. Neste caso, a Academia Galega do Audiovisual foi seleccionada pola súa dedicación á promoción, difusión e visibilización do traballo dos profesionais do sector audiovisual, así como pola súa contribución ao fomento e ao recoñecemento da produción cinematográfica galega.
O presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, subliñou na súa intervención a importancia do levantamento dunha industria que da a posibilidade aos galegos e ás galegas de ‘’entreternos e informarnos na nosa lingua a través dunha pantalla’’. Recordou o traballo de Ernesto Chao e Xabier Deibe, así como de todas as persoas que traballaron e traballan polo recoñecemento social da profesión. Finalmente, o presidente da Academia, tamén quíxo facer partícipes deste recoñecemento á todas as asociacións do sector audiovisual galego.
Ademais da Academia Galega do Audiovisual, foron galardoados dous académicos cuxas traxectorias profesionais teñen deixado unha fonda pegada no panorama cultural galego: o actor Luís Tosar, recoñecido tanto a nivel nacional como internacional e a produtora Zaza Ceballos, cuxo traballo na produción audiovisual ten contribuído de maneira significativa ao desenvolvemento do cinema galego.
Este é un éxito compartido con todas as académicas e académicos. Grazas polo voso apoio e por ser parte desta gran familia.