MARKETING, COPRODUCIÓN INTERNACIONAL E TÉCNICAS DE PITCHING CENTRAN AS PRÓXIMAS SESIÓNS NO MPXA

7 / 02 / 2014

Guillermo Velasco, cofundador e director de Big Bang Box, e Paco Rodríguez, director xeral de Media, Training & Consulting, estarán os vindeiros días no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para falar sobre marketing audiovisual, financiamento e técnicas de venta.

Os días 13 e 14 de febreiro Guillermo Velasco impartirá un módulo sobre marketing audiovisual. Durante estas dúas sesións ofrecerá aos alumnos unha visión xeral sobre os mecanismos de marketing e distribución do produto audiovisual, explicará a relación produtor-distribuidor-exhibidor e dará as claves para a creación dun plan de marketing e distribución no mercado dixital.

Velasco desenvolveu gran parte da súa carreira no audiovisual, nas áreas de produción, comercialización e distribución. Tras a súa andaina por Filmayer International, ocupou a dirección de marketing e adquisicións de Aurum, brazo de distribución e produción de Antena 3 TV, e a dirección de negocio de Enne Entertainment Studios. En setembro de 2012 funda Big Bang Box, produtora de animación e video que acaba de presentar English Challenge, unha aplicación para aprender inglés que na súa primeira semana de lanzamento logrou 11.000 descargas.

Os días 18, 19 e 20 de febreiro, Paco Rodríguez, explicará as técnicas de pitching para a venda dun proxecto audiovisual e fará unha panorámica polos principais mercados e as súas características. Nunha segunda sesión, Rodríguez analizará os acordos de coproducción, as fontes de financiamento audiovisual e os pasos a seguir na  elaboración dun plan de financiamento e explotación.

Paco Rodríguez fundou en 1990, PPM Multimedia, unha empresa adicada á distribución internacional, o financiamentoo de coproducións e a produción executiva de varias series de animación. No ano 2000 incorpórase ao Grupo Filmax. Dous anos despois foi nomeado director de Filmax Animation e exerceu coma produtor executivo de varios proxectos de animación entre os que destacan El Cid, la leyenda, P3K Pinocchio 3001 e Nocturna, que ganaron os Goyas como Mellor Película de Animación. Actualmente dirixe Media Training & Consulting, empresa adicada á formación e á consultoría do sector audiovisual e cinematográfico, así como de contidos dixitais.

Categoría: Noticias
Etiquetas: