MAÑÁ ARRANCA O X FESTIVAL DE CANS CO DÍA DOS VECIÑOS E A PROXECCIÓN DE FRAGA E FIDEL, SEN EMBARGO

21 / 05 / 2013

Como marca a tradición, neste décimo aniversario os veciños e veciñas de Cans volverán a ser os protagonista da primeira xornada do festival, mañá mércores 22 de maio. O punto de arranque será na rotonda da Adroza, onde As Pandereteiras de Cans renderán homenaxe á estatua do Can de pedra. Será un acto simbólico que marcará o arranque dunha edición moi especial na que o festival celebra o seu décimo aniversario con catro días de proxeccións e boa música rodeados de grandes amigos que marcaron a súa historia.

A continuación, no Baixo de Moncho dará comezo o Serán dos Veciños, onde pandereteiros e cantareiras interpretarán as pezas que levan a ensaiar varios meses. Presentarase ademais a publicación oficial do festival, o CanZine, coa presenza dos seus directores Diego Giráldez e Amparo Rodríguez, e proxectarase o avance ’10 anos do festival de Cans‘, dirixido por Álvaro Liste e no que se repasa os momentos máis destacados da historia do festival, así como o avance do making of de Cans 2012, dirixido por Gaspar Broullón.

Un dos momentos máis destacados da noite será a presentación do cuarto xurado da historia do festival composto integramente por veciños e veciñas da parroquia de Cans. Nesta edición intégrano Carme Fernández (Carme de Adela), do barrio do Buraco, que traballou case 30 anos en Suíza e agora, con 67 anos, está xubilada; Aurora García (Aurora de Lago), ama de casa de 67 que vive nos Eidos; Feliciano Vila ‘Felix’, practicante e madeireiro de 79 que vive na Adroza; Maximina Giráldez, popularmente ‘Mina de Pedreiro’, das Sequeiras, de 74 anos e propietaria que cede ao

festival cada ano a Sala Multiusos e o Jaliñeiro Unplugged; e Rosa Bernárdez, de 44 anos, monitora de autoescola do barrio do Painzal.

Para rematar a noite, os veciños e veciñas ofrecerán un animado fin de festa coa música dos Chavellos, un grupo de zanfonas de Pereiras de Mos que farán unha das súas primeiras actuacións en Cans, así como a das Pandereteiras de Cans e Os Lajaretas aos que se sumaran máis músicos da zona atá que esmoreza o serán. A actuación dos Chavellos está patrocinada polo Concello de Mos.

Fraga e Fidel, sen embargo

Con anterioridade ao Serán dos Veciños, terá lugar unha proxección moi especial por tratarse da película rematada dun Fillo de Cans, Manuel Fernández-Valdés, que na pasada edición adiantou fragmentos deste documental na presentación do proxecto. Trátase de Fraga e Fidel, sen embargo, que se proxectará no Baixo de Moncho ás 16:30h. A continuación haberá un coloquio co director.

Fraga e Fidel, sen embargo narra a viaxe que Fidel Castro realizou a Galicia en 1992 para visitar a casa de Láncara na que nacera o seu pai. Recibiuno Manuel Fraga, presidente da Xunta de Galicia naquel entón, quen lle deseñou unha axenda cargada de paseos, homenaxes e celebracións. Nesta película, o director revisa os días de encontro entre ambos dirixentes e indaga entre feitos, lugares e testemuñas indicios desta viaxe íntima.

Outro dos momentos destacados da xornada será a proxección de Ciudadano Cans, un documental dirixido por Anxo Cendal e Iván González sobre o nacemento do festival, no que se narran pormenores e anécdotas dos inicios. Entre elas está a coincidencia do nacemento do festival coa voda entre o Príncipe Felipe e Princesa Leticia. Ese día en Cans lucía o sol mentres que en Madrid chovía con intensidade. Ao remate haberá un coloquio co director do festival, Alfonso Pato, e outras persoas que participaron no nacemento do mesmo.

Avance da programación do xoves 23

O xoves teremos a primeira actividade matutina do festival na sección Cans de Futuro, visitas guiadas para os colexios dos arredores, con proxeccións e coloquios deseñados especificamente para eles. Máis de 500 escolares dos arredores pasarán por Cans dentro desta sección que arranca o mércores e na que participarán directores e actores.

Xa pola tarde a actividade trasládase como é habitual ao Círculo Recreativo e Cultural do Porriño coa proxección do filme de animación O Apóstolo, un filme de intriga e terror onde un fuxitivo, na procura dun botín agochado, debe sortear sinistros anciáns, estrañas desaparicións e ata o mesmísimo arcipreste de Santiago que se cruzan no seu camiño. Pasaranse ademais imaxes inéditas da rodaxe desta película nominada a mellor filme de animación nos Premios Goya e no Festival de Sitges. Ao final haberá coloquio con Fernando Cortizo, director do filme, e a actriz Isabel Blanco, que achegarán a Cans material de traballo e figuras protagonistas da película para explicar o seu mecanismo e desvelar segredos da rodaxe.

A continuación terá lugar unha estrea moi especial para o festival, tanto polo elenco que a interpreta como porque é a primeira longametraxe dun director premiado en Cans polas súas curtas. Trátase de Somos gente honrada, de Alejandro Marzoa,

que se verá por primeira vez en Galicia despois do seu paso pola sección oficial de Málaga e dúas semanas antes da súa chegada ás salas de cine.

Somos gente honrada narra a historia de dous país de familia e amigos de toda a vida que non pasan polo seu mellor momento. Tras chegar a cincuentena vense sen traballo nin cartos. Pero cando a situación é insostible topan pescando un paquete con dez quilos de cocaína. Deciden comezar a vender a droga para saír da miseria que están vivindo. Pero o dilema moral non é o único problema, que saben dous cincuentóns de cocaína?

A película está producida por El Terrat, que ademais de producir Tapas para cine está detrás de éxitos televisivos como Buenafuente, Salvados ou Alaska & Mario; e a galega Vaca Films, responsable de Celda 211 e Invasor.

Como sempre haberá desfile de chimpíns desde o parque infantil cos equipos técnico e artístico do filme, amenizado polos Lajaretas.

Como peche da xornada inaugurarase a Can Parade coa actuación da banda local Missin’Blues, e desenvolverase a Noite V Clips no Pub O Sótano, con 16 videoclips a concurso e presentada polo reporteiro Juan Fuentes, que tamén formará parte do xurado xunto á escritora Iolanda Zúñiga, o baixista Charly de Los Suaves, a xornalista cultural Pilar Comesaña e a cantante, produtora e crítica musical Uxía Senlle.

Ao rematar, Charly de Los Suaves farase cargo dos pratos e ofrecerá unha sesión para non deixar de bailar.

Todas as actividades do mércores e do xoves son de entrada libre ata completar o aforo.

Plan de mobilidade

Ademais, o festival de Cans porá en marcha este ano un plan de mobilidade con tres áreas de aparcamento e autobuses que conectan O Porriño coa parroquia cada 20 minutos. Dende a organización, a policía local e protección civil recoméndase que os que acudan a Cans empreguen estes servizos para facilitar o correcto desenvolvemento do festival.

Ás áreas de parking habilitadas situaranse detrás do restaurante Manolo (a 50 metros da saída 305 da autovía), no restaurante Guanabara (a 100 metros) e no Polideportivo do Porriño (a 500 metros). Desde estes aparcamentos poderase subir e baixar a Cans no autobús do festival, que ten un prezo dun euro por día e paradas no Porriño, no Hotel Internacional, no restaurante Guanabara e na rotonda da Adroza, en Cans. A estrada N-120 ao seu paso por Cans permanecerá pechada o venres pola noite e o sábado todo o día, polo que para facilitar o acceso haberá autobuses cada 20 minutos, o venres de 20:00h. a 4:00h. e o sábado de 15:00h

Programa do mércores 22 de maio

Baixo de Moncho (Cans):

10.00h. Cans do futuro. Visitas guiadas para colexios, con proxeccións e coloquios con directores e actores

16.30h. Proxección de Fraga e Fidel, sen embargo, de Manuel Fernández-Valdés

19:00h. Proxección de Ciudadano Cans documental sobre a primeira edición do festival. Coloquio co director do festival e persoas que participaron no nacemento do mesmo.

Rotonda da Adroza (Cans):

21.00h. Apertura da décima edición no Can de Pedra

Baixo de Moncho (Cans):

21.30h. Día dos veciños

Presentación de CanZine

Presentación do xurado dos veciños

Proxección de “10 anos do festival de Cans”

Avance do making of de Cans 2012

Serán dos músicos de Cans: Os Chavellos, As Pandereteiras de Cans e Os Lajaretas

Programa do xoves 24 de maio:

Baixo de Moncho (Cans):

10.00h. Cans do Futuro: Visitas guiadas para colexios, con proxeccións e coloquios con directores e actores

Círculo Recreativo e Cultural (O Porriño):

17:00h. Proxección-coloquio: O Apóstolo, con Fernando Cortizo (director) e Isabel Blanco (actriz)

19.30h. Desfile de chimpíns desde o Parque Infantil ata o CRC cos equipos técnico e artístico de Somos gente honrada. Amenizado por Os Lajaretas

20.00h. Estrea de Somos gente honrada

Pub O Sótano (O Porriño):

22:30h. Inauguración da Can Parade coa actuación de Missin’Blues. Na calexa detrás do Sótano

23.15h. Noite V Clips presentada por Juan Fuentes. 

Categoría: Noticias
Etiquetas: