MÁIS DE 500 PERSOAS AO DÍA PARTICIPAN EN AMAL

17 / 10 / 2012

Unha media de 500 persoas diarias pasaron por Amal nestas primeiras xornadas. O décimo aniversario do Festival Amal calou fondo nos composteláns e turistas que visitan a cidade. Todo o mundo fala de Amal. Xa sexa polas fantásticas películas que se proxectan no Principal, como polos obradoiros de danza árabe e de caligrafía. Ademais, non hai persoa que se resista a probar os pratos de cociña árabe que prepara o Restaurante Caney durante esta semana. E, os máis peques, tamén gozan con Amal grazas ao ciclo de cine infantil, onde atenden pampos ás curtametraxes e xogos que lles ensina o animador de Amal, onde recrean ambientes árabes, proban o típico té e vístense con roupa tradicional de Oriente Medio.

Amal dedica a xornada do xoves ás mulleres

A xornada do xoves 18 de outubro estará dedicada ao xénero feminino. Todas as películas que se van a proxectar en Amal están dirixidas e protagonizadas por mulleres coraxe que loitan por levar unha vida mellor polo ben delas e das súas familias.

Desta forma, ás 13,00 h do mediodía, o Hotel Araguaney exhibirá gratuitamente a película “Bromas aparte”, de Vanessa Rousselot. Un filme nada habitual, no que a directora fixo un percorrido polo humor en Cisxordania. Chistes, comentarios políticos burlóns e anécdotas agridoces compón este filme que non deixa indiferente aos espectadores. E é que non todo son penas.

Ás 18,30 h da tarde, no Teatro Principal, tamén haberá sesión de cine. “Sur la route du paradis” é unha mediometraxe dirixida por Uda Benyamina, unha actriz, guionista e directora de cine de orixe siria-marroquí que nos conta a historia de Leila e os seus dous fillos, que deixan a súa terra natal para instalarse en Francia. Sen papeis e en busca do seu marido refuxiado en Inglaterra, Leila desexa ofrecer á súa familia unha vida mellor na clandestinidade.

Seguidamente, ás 20,00 h, “A Balloon for Allah”, de Nefise Ozkal, falaranos do papel das mulleres nas culturas musulmás. Ademais, o público poderá falar coa directora a través de Skype.

Ás 22,00 h tocaralle a quenda a “Sur la planche”, de Leila Kilani. Unha película de ficción cuxas protagonistas son dúas mozas que de día traballan nunha fábrica de gambas e de noite prostitúense para gañar diñeiro.

Categoría: Noticias
Etiquetas: