MAD PROFESSOR ENCABEZA O CARTEL DE CONCERTOS DE PLAY-DOC 2009

15 / 03 / 2009

Play-Doc, Festival Internacional de Documentais que terá lugar do 18 ao 22 de marzo ofrece no seu cartel de concertos un programa tan variado como sorprendente: o rei do “dub” Mad Professor e os carismáticos protagonistas do documental “One Man in the Band”.
Catro concertos para a noite do venres 20. Desde Lyon, Nova York e Londres chegan catro músicos con catro propostas diferentes, absolutamente innovadoras e completamente inclasificables, desde o garage ao punk pasando polo blues ou os sons máis experimentais. Os carismáticos protagonistas do documental “One man in the Band: “Duracell”, “Honkeyfinger”, “The Two Tears” e “Thomas Truax”, demostrarán que só fai falta un individuo para formar unha banda e que como eles din, a música soa mellor cando a toca un só. 

E o sábado 21, despois de percorrer as principais cidades do mundo, o xenio do dub Mad Professor, tocará en Tui acompañado da lendaria banda xamaicana de reggae “The Robotiks”. Mad Professor, considerado como un dos produtores máis importantes da escena musical, é o fundador do selo Ariwa Records, e tocou e traballado con artistas como Sade, Depeche Mode, Le Perry, Jamiroquai, Destiny”s Child, Beasty Boys ou Massive Attack, entre outros. Á súa vez Mad Professor é un dos protagonistas do documental “Dub Echoes” que será proxectado no festival.
Como colofón final nas actuacións musicais desta edición, a cantante Uxía, recentemente galardoada co premio á Mellor Canción en Lingua Galega na XIII edición dos Premios da Música, interpretará en directo durante o acto de entrega de premios, algunha das súas últimas composicións, acompañada, nesta ocasión, polas evocadoras imaxes creadas polo realizador Mario Igrexas.

Na web do festival pódense ver vídeos das actuacións destes músicos así como fragmentos do resto de películas que conforman o programa de Play-Doc 2009.
Máis información en www.play-doc.com

Categoría: Noticias
Etiquetas: