Lugopress estrea o día 30 deste mes ás 20:00 horas o documental “Hitler, Garbo… e Araceli” no Salón de Actos da Deputación de Lugo. Este traballo emitirase na TVG os días 6 e 13 de xanerio (na canle G2) e os días 11 e 18 na primeira canle da Televisión de Galicia.
De Lugo a Omaha
O documental Hitler, Garbo… e Araceli descobre o papel fundamental protagonizado por unha muller galega, natural de Santa María Magdalena de Coeses (Lugo), na operación Fortitude Sur, o máis fabuloso engano de espionaxe de todos os tempos que tiña como obxectivo confundir os planos do III Reich.
Grazas a Fortitude Sur, o desembarco de Normandía foi un éxito que permitiu a inmediata toma de París, acelerar a fin da II Guerra Mundial e salvar así as democracias occidentais ameazadas polo nacionalsocialismo hitleriano.
Por vez primeira abórdase nun documental a biografía de Araceli González Carballo, a esposa de Juan Pujol García, o célebre espía Garbo, cuxa documentación permaneceu baixo a consideración de Top Secret por parte do MI5 británico ata o ano 1999.
Araceli, consegue que os Estados Unidos teñan en conta as informacións de Pujol e desa maneira convertelo no axente británico máis valorado dos aliados para encarar con garantías o desembarco de Normandía.
Nos anos seguintes, a través da firma Kreisler, Araceli será a pioneira do galerismo madrileño e a mellor embaixadora dos artistas galegos na capital, aínda que ningún deles chega a sospeitar xamais que aquela simpática e falangueira muller fose determinante na caída de Hitler.
Tampouco ela pode imaxinar que corenta anos despois da fin da guerra, cando daba a seu esposo por morto, Juan Pujol volvería do pasado para recibir a medalla da Orden do Imperio Británico.
O documental conta, entre outros, coas seguintes testemuñas:
_Juan e Eugenia Kreisler, fillos de Juan Pujol e Araceli
_Fernando González Vila, deputado e sobriño de Araceli
_Tamara e Araceli Kreisler, netas de Pujol e Araceli
_Nigel West, descubridor de Garbo en 1984.
_Javier Juárez, biógrafo de Juan Pujol
_José Vázquez Cereijo, pintor galego
Días de emisión na TVG:
G2:
Día 6 xaneiro ás 22:00 h (1ª parte: Unha rapaza de Lugo / Operación Normandía)
Día 13 xaneiro ás 22:00 h (2ªparte: Os anos con Kreisler / O regreso de Juan Pujol)
TVG:
Día 11 xaneiro ás 00:30 (1ª parte: Unha rapaza de Lugo / Operación Normandía)
Día 18 xaneiro ás 00:30 (2ªparte: Os anos con Kreisler / O regreso de Juan Pujol)
Contacto para asistir á estrea do día 30 de decembro: Memé Díaz, no telf 982 298 100.