LORENÇ SOLER RECIBÍU A MEDALLA DE OURO DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL NA CEA DE SOCI@S ANUAL QUE PECHOU O FORO ACADEMIA ABERTA

3 / 12 / 2006

Foi xa en horas da noite cando a Academia Galega do Audiovisual, con máis de cen socios e socias presentes, levaban a cabo un dos eventos anuais xa tradicionais nesta institución: a cea de soci@s, na que se distingue coa Medalla de Ouro a un persoaxe do cine ou a tv, que teña salientado polo seu labor no sector. Este ano, o director de cine e realizador de TV Lorenç Soler, foi quen de recibir o galardón.
LORENÇ SOLER RECIBÍU A MEDALLA DE OURO DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL NA CEA DE SOCI@S ANUAL QUE PECHOU O FORO ACADEMIA ABERTA

César Portela eloxiou a figura do cineasta, mentres María Bouzas salientou o seu labor e a súa participación no audiovisual galego

Foi xa en horas da noite cando a Academia Galega do Audiovisual, con máis de cen socios e socias presentes, levaban a cabo un dos eventos anuais xa tradicionais nesta institución: a cea de soci@s, na que se distingue coa Medalla de Ouro a un persoaxe do cine ou a tv, que teña salientado polo seu labor no sector. Este ano, o director de cine e realizador de TV Lorenç Soler, foi quen de recibir o galardón.

Ó acto asistiron, ademais do galardoado, o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias; o director xeral da CRTVG Benigno Sánchez; o Secretario Xeral da Consellería de Cultura e Deportes, Carlos Amoedo; o concelleiro de Cultura da Coruña, Carlos González-Garcés; o arquitecto César Portela; o director da Obra Social de Caixa Galicia José Manuel García Iglesias; o subdirector e Director Comarcal da Coruña e Lugo de Caixanova Luis Vela Alarcó, así como Manuel García Miñaca, Director da Comarca da Coruña oeste desta entidade financeira; o delegado da SGAE en Galicia, Javier Vidal; o produtor Enrique Nicanor; o asesor de audiovisual da Consellería de Cultura e Deporte Manolo González; os Decanos das tres facultades de Ciencias da Comunicación e Comunicación Audiovisual de Galicia, Miguel Túñez, Alberto Pena e Antonio Sanjuán; o director de Relacións Externas e Comunicación da CRTVG, Pastor Lorenzo; o director de Produción da TVG, José Rey Cabarcos, así como a Xefa de Programas desta cadea, Ana Cermeño; o xerente do Consorcio do Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela, e representantes das asociacións de Produtoras como Agapi ou Aega, Dolores Ben, Antón Reixa, e unha chea de profesionais do sector da práctica totalidade das profesións representadas no mesmo.
María Bouzas, presidenta da Academia, quixo agradecer ó comezo do acto o apoio que ven recibindo a institución que preside, para levar a cabo a súa actividade, un apoio sen o que ben pouco poderiamos facer. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Deporte e da Secretaría Xeral de Comunicación por medio da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, tennos demostrado o respaldo á Academia, igual o fai a CRTVG, ou entidades financeiras comprometidas como Caixanova, ou o propio concello da Coruña. Reafirmou tamén o espíritu da Academia como ese espazo común a cantos traballamos e queremos ó audiovisual galego. Fixo mención á diversidade existente na Academia, non só no relativo ás profesións, senón ós diferentes xeitos de entender o audiovisual, pero iso é precisamente o bo, porque cantos máis distintos sexamos, máis posibilidades temos de dialogar e dárlle o valor que merece iso que temos en común.
E foi precisamente ese valor que merecen, o que nos levou a conceder este ano a Medalla de Ouro da Academia, a Lorenç Soler, un home do audiovisual. Un home que vive entre Barcelona e Soria, pero un de nós. Veu onda nós coa súa cámara, hai trinta anos, para dar ó cine un dos usos máis nobres: o de ser testemuña dunha realidade e levar á pantalla a imaxe e a voz dos que normalmente, quedan fóra. Sen Lorenç Soler, saberíamos menos de nós mesmos, dixo María Bouzas, antes de ver o vídeo proxectado sobre a figura de Soler, e de posteriormente, pasarlle a palabra ó arquitecto galego César Portela, amigo persoal hai ben anos do cineasta, e que foi quen salientou a súa figura e fixo entrega da Medalla de Ouro a este home do cine.

Soler, un home do cine para César Portela

E o arquitecto César Portela foi quen dedicou unhas unhas profundas palabras á figura do galardoado, non un técnico nin un artista, senón simplemente, un home de cine que se expresa e comunica a través das súas películas, dixo Portela. Referíuse a Lorenç coma un home de sentementos apaixoados, profundos, fondos, jondos como o cante que sae das entranas e, coma este, non fuxe do drama cando é lei de vida.

Para César Portela, este peculiar xeito de sentir e de pensar de Lorenç Soler tiña que producir unha peculiar maneira de ver o mundo, e esa mirada, ese ollo peculiar ó que se refiría Win Wenders, tiña que producir un cinema tamén peculiar, libre de apetencias económicas e o que é aínda máis difícil, libre de apetencias culturalistas. Un cine sinxelo, non simple, directo, que vai ó grao e realidade onde os haxa.

Na súa non curta referencia á persoa e ó profesional que é Lorenç Soler, César Portela afirmou que a súa realidade é unha realidade dramática e sublime e á vez, a medio camiño entre a prosa de Eric Rohmer e a poesía de Passolini. E esta súa realidade, a súa verdade, nola conta cinematograficamente, é dicir, a través das imaxes en un tempo. Imaxes sobrias en un tempo moi medido, que fuxen do sensacionalismo e o snobismo, tanto como o oportunismo e a moda. As palabras de César Portela, compartidas polos asistentes, afirmaban tamén que Lorenç coas súas imaxes e co seu tempo, co seu cine, é capaz de contarnos unha historia calquera das que el nos conta, e transmitirnos esa sensación de frescura, de humanidade e de esperanza, que só uns poucos privilexiados son capaces de transmitir.
O vello amigo de Lorenç Soler, o arquitecto galego César Portela, salientou a capacidade de ensoñación e de traballo do cineasta que fai as películas non só coa cabeza, senón tamén co corazón, un exemplo para os xoves que soñan dedicarse ó cine, e todo un disfrute para os afecioados, máxima nunha época como a actual na que o espíritu grandilocuente dos films de Samuel Bronston, contaxia ós Bertolucci e ós Spielberg, a través dunha estética blanda, dunha ética consumista e dun profundo baleiro pretendidamente encuberto por milleiros de figurantes e sofisticados efectos especiais.

Dixo por último, a modo de eloxio, que Lorenç non permite que cercenen a súa liberdade, que torzan o seu rumbo. Cómpre deixalo por imposible, que siga o seu camiño. Un camiño creativo, sorprendente, sen fin, polo que só transitan os elixidos. Un camiño que non importa a ónde conduce, porque o verdadeiramente importante é o propio camiño. Un camiño que tamén cantaron Ulises na súa Odisea, Kavafis no seu Camiño a Ítaca, Alejo Carpentier no seu Camiño de Santiago, ou Buñuel, na súa Vía Láctea.

As palabras de agradecemento de Lorenç Soler foron en concordancia coa emotivididade do acto, no que os algo máis de 100 asistentes aplaudiron a entrega decidida do galardoado, tanto á profesión como á ética humana, que demostrou Soler.

Con este acto, púxose fin tamén ó Foro Academia Aberta 06 celebrado ó longo de dous días na sé do CGAI na Coruña, e que este ano tivo como eixe temático a Cinematografía Dixital.

Categoría: Noticias
Etiquetas: