O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) presentou esta mañá os filmes que participarán na competición oficial deste ano. 12 películas procedentes doutros tantos países que conforman unha selección diversa pero equilibrada no tocante á programación, arriscada tematicamente e que deparará moitas sorpresas entre o público do 17OUFF.
A presentación contou coa presenza de Agustín Fernández, alcalde de Ourense, quen afirmou que «ao seu equipo de goberno non lle temblou o pulso cando decidimos reforzar a nosa aposta por esta edición, aumentando a dotación económica nun esforzo que de seguro vai verse máis que recompensado» cando a cidade se converta «nun excelente escaparate para directores, actores, produtores e público». Non en van, «é a institución que dá un apoio incondicional sen o que non se podería sacar adiante este Festival», lembrou Diego G. López, voceiro e administrador do OUFF, destacando que o Concello achega 240 dos 305 mil euros de orzamento para sacar adiante a actividade do certame ao longo de todo o ano 2012.
Selección oficial 17OUFF
Little Thirteen, de Christian Klandt (Alemaña)
Room 514, de Sharon Bar-Ziv (Israel)
Rosa, de Wojciech Smarzowski (Polonia)
Can, de Rasit Celikezer (Turquía)
Volcano, de Rúna Rúnarsson (Islandia, Dinamarca)
The last Friday, de Yahya Alabdallah (Xordania)
Histórias que só existem quando lembradas, de Julia Murat (Brasil, Arxentina, Francia)
Ali, de Paco R. Baños (España)
Poupata, de Zdenek Jirasky (República Checa)
Izlet, de Nejc Gazvoda (Eslovenia)
The Enema, de Dejan Zecevic´(Croacia, Hungría, Bosnia, Serbia)
Electrick Children, de Rebecca Thomas (EEUU)
ENTRADAS
A partir de mañá estarán a venda as entradas para as galas de inauguración e apertura, cun prezo simbólico de 2 €. A entrada xeral ás salas custará 4 €, pero poderán adquirirse bonos de desconto: nesta edición serán de 5 películas (en vez das habituais 10) a 15 €. Os puntos de venda para adquirir as entradas son: a Oficina de Turismo, a Oficina do Festival de Cine e o posto do 17OUFF no centro comercial Ponte Vella.