A LONGAMETRAXE “SINBAD”, DIRIXIDA POR ANTÓN DOBAO, VEN DE SER SELECCIONADA EN DOUS FESTIVAIS

9 / 10 / 2012

A longametraxe Sinbad, película baseada na obra “Se o vello Sinbad volvese ás illas” de Álvaro Cunqueiro, coproducida por Ficción Producciones e TVG, ven de ser seleccionada no Festival Internacional de Cinema Independente de Braga, Bragacine 2012, e no Zoom, Festival Europeo de Cine para Televisión 2012, de Igualada (Barcelona).

Esta longametraxe, que forma parte do proxecto de Televisión de Galicia, Un mundo de Historias, foi rodada en Versión Orixinal galega e protagonizada Xosé M. Olveira “Pico”, no papel de Sinbad, Sara Casasnovas como Vanesa, e Mariña Sampedro como Sara.

A súa rodaxe e estrea coincidiu co centenario do nacemento do autor, ademais do cincuenta aniversario da publicación da obra. Despois da súa estrea no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, estreouse en 5 salas comerciais galegas pasando mais tarde a facer un percorrido por máis 15 Auditorios e Casas da Cultura doutros tantos concellos galegos.

Sinbad foi dirixida e guionizada por Antón Dobao, autor tamén do proxecto  para a TVG, Un Mundo de Historias, e protagonizada por Xosé Manuel Olveira “Pico”, Sara Casasnovas e Mariña Sampedro. Os personaxes secundarios foron interpretados por Luís Castro Zahera, Laura Ponte, Manuel Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán ‘Morris’, Mariana Carballal, Camila Bossa e María Tasende. Tivo tamén colaboracións especiais, como as de Miquel Ínsua e Mela Casal.

A rodaxe comezou o 9 de maio de 2011. Foron catro semanas de intenso traballo no que as tres primeiras semanas, todo o equipo de Ficción Producciones traballou na zona de Corrubedo, para trasladarse na última a Santiago de Compostela e Ames.

Rematada a rodaxe, iniciouse a montaxe, posprodución e creación de secuencias CGI, prolongándose este proceso dende xuño ata outubro.

 

SINOPSE

Nun pobo mariñeiro, vive un home duns cincuenta e tantos anos que traballou nun estaleiro, foi mariñeiro e subsiste cunha pensión non demasiado xenerosa por xubilación anticipada, incapacitado por unha enfermidade crónica. A súa vida transcorre apracible, entre o coidado do seu horto, os seus paseos á beira do mar, as súas visitas ao porto, a súa observación reverente do mar e a fascinación polas estrelas, os planetas, o cosmos e os universos paralelos.

Chámase Aurelio, pero prefire que lle chamen Sinbad, coma o vello mariñeiro. Comparte os seus coñecementos fantásticos cos seus compañeiros diarios de café e dominó na taberna propiedade de Mansur, un home viúvo que ten ao seu cargo a Sara, a súa filla, de entre dez e trece anos coa que Sinbad mantén unha relación moi estreita e afectuosa.

Co mundo fantástico e luminoso de Sinbad contrasta a dureza e a escuridade do universo de Vanesa, unha rapaza de vinte e tantos anos que, tras ser despedida do taller téxtil no que traballa, instálase na vella casa da súa avoa, na vila onde vive Sinbad. A relación entre Sinbad e Vanesa atravesará dúas fases. A primeira, de antipatía; a segunda, de mutua afección. Sinbad conserva o seu mundo fantástico tamén grazas a outros personaxes que irán tecendo os seus fíos. Entre eles, Alba que representa o amor inalcanzable e puro, Aurora, vella amiga de Sinbad e avoa de Vanesa, Manolo e Primitivo.  Axudado por todos eles e por Aldán, un misterioso personaxe que chega a instalarse ao pobo, Sinbad será teimudo ata o final para alcanzar un obxectivo que ben valería unha vida enteira: emprender a viaxe definitiva cara as lexendarias Illas Cotovías.

Categoría: Noticias
Etiquetas: