A LENDA VIVA DO CINEMA SOVIÉTICO ARTAVAZD PELECHIAN TRAE A SÚA OBRA COMPLETA A PLAY-DOC

8 / 03 / 2012

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que terá lugar do 21 ao 25 de marzo, dedícalle unha retrospectiva completa ao armenio Artavazd Pelechian. Esta lenda viva do cinema soviético experimental comezou a ser popular na Europa occidental grazas, entre outros, aos eloxios do director francés Jean-Luc Godard, que ficou marabillado coas súas películas ao descubrilas en 1989 no festival de Nyon. En cuestión de meses, Pelechian xa estaba incluído no panteón de cineastas rusos ilustres da prestixiosa e influínte revista Cahiers du Cinéma, xunto a nomes da talla de Andrei Tarkovski ou Aleksandr Sokurov.

Realizados a modo de poema visual, os seus oito filmes de non-ficción combinan habitualmente metraxe propia e de arquivo e destacan polo seu uso da música clásica para arrincar emocións ao espectador en combinación precisa coas imaxes. Estas manteñen un diálogo constante entre a dor e a éxtase e están impregnadas da desconfianza do seu director cara o ser humano. O cinema, para Pelechian, “é capaz de falar da linguaxe da filosofía, a ciencia e a arte”, e engade: “Pode que esta fora a unidade que buscaron os antigos”. Característica común de todas as súas pezas é a utilización innovadora da ‘Montaxe Distancia’, técnica que el mesmo teorizou nun texto homónimo do ano 1973. Esta consiste na construción da película a partires dun tema principal con diversas variacións, podendo usarse a repetición ou contrapuntos conceptuais. Ao non procurar a tradicional continuidade entre planos, podería dicirse que esta linguaxe achégase máis á música que ao  cinema.

Pero Pelechian é, ante todo, un armenio. Nós (1969) e As estacións (1975) son unha oda ao seu pobo, mais tamén una escusa para falar da esencia do ser humano. A segunda trata ademais o poder incontrolable da natureza, tema que se repite nun dos seus filmes máis plásticos, Os habitantes (1970), cheo de violentas escorrentadas de animais como metáfora do noso lado máis salvaxe. Son a carreira espacial á que dedica O noso século (1983) ou a revolución comunista de O principio (1967) loitas máis civilizadas? Xa dende os inicios da súa carreira con Terra de homes (1966), Pelechian foi moi consciente e crítico coa capacidade do home para auto-anularse, desta volta, nunha opresiva grande urbe. O seu profundo humanismo pareceu gañar a batalla á  desesperación na súa madurez, cando asina as belas Vida (1993) -a súa única película en cor- e O final (1994).

A retrospectiva completa que lle dedica Play-Doc conta ademais co filme de Pietro Marcello O silencio de Pelechian, documental recente que repasa a traxectoria vital e artística do realizador armenio. Artavazd Pelechian visitará Tui para compartir a súa obra co público.

Máis información en www.play-doc.com

Categoría: Noticias
Etiquetas: