LARPEIROS, NA TVG, LÍDER NA NOITE DOS MÉRCORES

18 / 09 / 2008

O programa LARPEIROS, que se emite na Televisión de Galicia, foi líder de audiencia na competida noite dos mércores con 219. 000 espectadores, que representan o 21,3 % dos galegos que a esa hora estaban vendo a televisión e que significa un novo record de espectadores para este programa.
Fronte a unha dura competencia que incluía as series máis populares das cadeas nacionais e un partido de Champions, Larpeiros foi o programa máis seguido da noite, grazas a súa divertida reportaxe sobre a cría de porco celta, unha variedade pouco coñecida, pero moi valiosa na cociña.

Larpeiros comezou a súa emisión neste verán -no que xa logrou ser o programa máis visto varias semanas- e sorprendeu pola orixinalidade do seu plantexamento, nun momento no que parecía que xa era imposible facer un programa culinario diferente. No programa participan persoas ata agora anónimas, unidas só pola súa afección á gastronomía, xunto co xornalista Tomás Alonso, coñecido polo seu labor na información deportiva de TVG.

“Tratamos de contar o pracer de comer non desde o punto de vista das receitas, que é xa un modelo moi gastado, senon desde a perspectiva das persoas que o pasan ben facendo a compra, cociñando, comendo e falando do que comen”, explica Xosé Cermeño, o seu director.

O equipo de Larpeiros , segundo informa o seu produtor Luis Collazo, prepara na a actualidade unha nova tanda de episodios, gravados en localizacións de toda Galicia e o norte de Portugal.

Categoría: Noticias
Etiquetas: