José María Irisarri, expresidente de Vértice 360, estará o próximo mércores 11 de abril no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para falar sobre os sistemas de produción e distribución como elementos claves na nova oferta de contidos televisivos.
O socio fundador e conselleiro delegado de Globo Media e Grupo Árbol de 1993 ao 2004 fará unha análise do panorama económico no que está somerxido o sector da produción. Ademais, abordará aspectos como a busca de novos mecanismos de financiamento para producir proxectos na actualidade, o asentamento do espectador multitarea e os seus novos hábitos de consumo e a segmentación das audiencias como consecuencia da chegada da multiplicidade de novas canles ao mercado audiovisual.
Irisarri traballou entre 1981 e 1984 no departamento de Análises de Contido e Investigación de Audiencias de RTVE. No 1987 incorporouse ao departamento de Marketing de DIA % e, ao ano seguinte, foi nomeado adxunto ao director xeral de Sanitas. Irisarri foi conselleiro de Parquesol e membro da súa comisión de nomeamentos e retribucións e socio fundador e presidente da distribuidora e produtora de cine e televisión Notro Films. Ata hai poucos meses ocupaba o cargo de presidente executivo de Vértice 360, filial audiovisual do Grupo Avanzit, que integra Videoreport, Notro Films, Manga Films, Telespan e Grupo Telson.
Irisarri falará tamén durante a súa sesión dos efectos que producen os cambios tecnolóxicos no sector e dalgúns dos novos formatos que se están facendo un oco no mercado televisivo.
Pola súa parte, o venres 13, Pedro Revaldería abordará o proceso de produción en televisión e as técnicas de xestión e produción de ideas, así como o ciclo de vida dun formato televisivo e os factores decisivos do éxito do mesmo. Ademais, fará un balance do panorama actual da industria audiovisual.
Revaldería ocupou varios postos de responsabilidade en produtoras e cadeas públicas e privadas. Foi durante dous anos director xeral de Plural Entertainment. Anteriormente desempeñou diferentes cargos directivos en diversas cadeas de televisión nacionais: traballou como director de produción e contidos en Telecinco, director de programas en Antena 3 e Canal Plus e como director de produción e contidos de CITSA (Compañía Independente de Televisión de Sogecable).
Na súa etapa como responsable de produción propia de programas de Telecinco viron a luz espazos como Aquí hay tomate e TNT e deuse impulso a outros como A tu lado. Na actualidade é director xeral de Producciones Mandarina, coñecida como unha das principais provedoras de contidos da cadea de Mediaset, artífice de programas de entretemento como Salsa Rosa, Enemigos íntimos, ou El buscador –e actualmente en emisión ¡Qué tiempo tan feliz!, Materia reservada, ou Las mañanas de Cuatro–, e de reportaxes de actualidade e documentais de televisión como Miguel Ángel Blanco: el día que me mataron e La historia de la más grande jamás contada.
O venres, no MPXA, Revaldería fará unha análise sobre os factores que inflúen no papel actual do produtor executivo en televisión e porá casos prácticos dos modelos de traballo seguidos polas diferentes cadeas nacionais.