O cineasta portugués Joâo Canijo presenta mañá xoves día 29 de novembro ás 20.00 horas (pase único) no Centro Galego de Artes da Imaxe o seu filme Sangue do meu sangue (2011). A entrada é de balde.
SANGUE DO MEU SANGUE
(Portugal, 2011)
Dirección e guión: João Canijo. Produción: Pedro Borges para Midas Filmes. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Rita Blanco, Anabela Moreira. Duración: 191 minutos.
Un documental, unha versión para televisión de tres episodios, unha versión fílmica (máis breve: 140 minutos); con Sangue do meu sangue Canijo crea un mundo enteiro. Un microcosmos familiar cheo de singularidades: unha muller que sostén a súa familia; unha filla comprometida en matrimonio que se namora dun home máis vello; un fillo pequeno sometido ás drogas. Unha sucesión de feitos cotiáns e de aparencia melodramática que Canijo sabe resolver. Embarazos non desexados, relacións case incestuosas, fillos ilexítimos, infidelidades, amores non correspondidos. Canijo presenta a superación da telenovela, o culebrón ou a soap opera por medio da súa destreza formal, mestre do fóra do campo, dono dunha cámara áxil, móbil, capaz de corresponder ao axitado da trama.
JOÃO CANIJO
En colaboración con Cineuropa.
João Canijo (Lisboa, 1958) explica sempre que pode que toda a súa obra tenta ser un reflexo da realidade social do Portugal do seu tempo sen necesidade de ter que amosar todo aquilo que marca e condiciona o lugar. Referíndose en ocasións ao seu último filme, Sangue do meu sangue (2011), premio FIPRESCI en San Sebastián, Canijo escolle momentos dos seus personaxes e do tempo en que viven, porque “para dar fe dunha realidade concreta non é necesario ensinar todo para que algo fique”. Así funciona a particular idiosincrasia deste realizador, formado como asistente de dirección e director de produción en títulos de Manoel de Oliveira (A caixa; O convento) ou Wim Wenders (El estado de las cosas) e Werner Schroeter (Der Rosenkönig) rodados en terras portuguesas. A súa primeira película, Três menos eu, bosquexa algúns dos aspectos fundamentais da súa posterior filmografía. No ámbito temático centra a atención nos diversos membros dunha mesma familia: vidas desmembradas unidas por un estilo cinematográfico que apela indistintamente á modernidade como ao clasicismo do melodrama e o folletín. En Sapatos pretos (1998) explora as diferenzas entre o campo e a cidade a partir dunha historia de vernices criminais baseada en feitos reais. Pola contra, as súas dúas películas seguintes describen con aberto ton naturalista os arrabaldes urbanos: con Ganhar a vida (2001), ambientada nos barrios baixos de París, volve ao núcleo familiar para amosar outra relación nai/fillo, e en Noite escura (2004) analiza os negocios da prostitución e as mafias rusas. Ambos e dous filmes teñen como coguionista a Pierre Hodgson, colaborador de Philippe Grandrieux en Sombre. Mal nascida e Sangue do meu sangue inciden na mesma liña, co melodrama como continente e a familia como contido. No terreo documental, Canijo realiza dous interesantes filmes. Fantasia lusitana é un traballo con material de arquivo que retrata un Portugal contraditorio durante a Segunda Guerra Mundial. Trabalho de actriz, trabalho de actor (2011) resulta algo máis que un complemento de Sangue do meu sangue, en absoluto un making off desta peza, senón un ensaio didáctico que permite ver como Canijo e os seus actores elaboran conxuntamente as características esenciais dos personaxes e da trama.