O director compostelán Jairo Iglesias realiza este mércores, día vinte de febreiro, no Teatro Principal de Compostela, ás oito da tarde, unha nova parada da xira de presentación das súas tres novas curtametraxes: Rosa dos Ventos, 1936 Ribadeo e Cores. Con estes tres traballos o realizador compostelán aspira a conseguir o premio Mestre Mateo á mellor curta do ano 2007.
Trátase do regreso de Jairo Iglesias á actualidade audiovisual logo dunha paréntese tralo éxito, tanto de público coma de crítica, obtido pola súa curtametraxe Cicatrices, coa que foi galardoado co Mestre Mateo á mellor curta de 2006. Agora Jairo Iglesias regresa “ tras un período no que me adiquei, sen preocuparme de nada máis, a gravar as curtas, céntrandome exclusivamente no guión e nos personaxes, tratando de sacar as historias adiante”.
Rosa dos Ventos é unha homenaxe a Rosalía de Castro, a Galicia e ao seu mar. “Tiña a necesidade, como creador, de agradecer a Galicia todo canto me dera e o mellor xeito de facelo era adicándolle unha curta. A historia partiu do poema de Rosalía de Castro Viúvas de vivos e viúvas de mortos, como unha homenaxe á terra e á xente do mar, en especial ás mulleres do mar”, sinala Jairo Iglesias. El mesmo califica a curta como “un xeito de mostrar máis aló de Galicia que o mundo do mar é un mundo duro, non só para os que se van, tamén para os que fican aquí”. En Rosa dos Ventos conta cun plantel actoral encabezado por Belén Constenla, María Castro, Miguel Borines e Fernando Morán.
Se Rosa dos Ventos é unha homenaxe á Galicia mariñeira e unha das nosas poetas de referencia, Cores e 1936 Ribadeo significan unha ollada ben distinta á que estamos acostumados a ver sobre o que acontece nunha guerra. Ambientadas na Guerra Civil española van máis aló do propio conflito. “A Guerra Civil española é un espazo histórico para situar a acción pero non é o piar central do que quero contar, o eixe das dúas curtas son os personaxes, o que eles sinten”, recoñece Jairo Iglesias.
“En 1936 Ribadeo o que quero deixar claro é que incluso nos momentos máis escuros, como pode ser unha guerra, sempre hai algo que nos debe empurrar a ollar ao futuro na procura dunha luz que permita derribar os muros que se nos presentan. Pola súa banda en Cores é un canto á inocencia de tantos e tantos maiores que foron á Guerra Civil sen saber nin tan sequera en que bando loitaban, ían porque viñan reclutalos á casa e non quedaba outra opción”, sinala un Jairo Iglesias que se mostra convencido de que “a mensaxe que quero transmitir con estas dúas curtas non ficaría fóra de lugar na actualidade”. Alberto Rolán e Vicente de Souza protagonizan Cores mentres que Xosé Barato e Xoaquín Domínguez son os actores de 1936 Ribadeo.
Con estas tres curtametraxes obsérvase un xiro moi importante na obra de Jairo Iglesias, cunha presenza moi importante de exteriores. “Calquera dos tres traballos pedía exteriores, a pesar de que iso complica o proceso de gravación. Para min era un reto e unha vez rematado doume conta de que descubrín que Galicia ten espazos naturais excepcionais para situar historias”, comenta Jairo Iglesias.
Nas tres curtametraxes Jairo Iglesias conta coa produción asociada da produtora Mr.Misto Films. Para Jairo contar co respaldo desta empresa significa “unha honra pois sei que detrás está un proxecto consolidado que pode aportar moito ao meu traballo”. Boa proba delo é que a historia de Cores parte dun guión de Mikel Fuentes, de Mr.Misto Films. “El tiña un guión cunha historia dun home que non sabía para quen loitaba. Eu collín esa historia e reescribín o guión, de novo fuxindo do conflito en si e centrándonos no lado humano das persoas”, indica Jairo.
Coa estrea conxunta destes tres traballos Jairo quere disfrutar dunha das etapas que califica como “das máis emocionantes que ten o mundo audiovisual, a das promocións e as estreas. Ver como reacciona o público é algo impresionante para o creador, quero saber que opinión lles merecen as miñas obras por iso me gusta tanto”.
“Cores e 1936 Ribadeo foron pensadas xa para estrear conxuntamente e decidín colocar tamén Rosa dos Ventos para culminar o seu proceso de distribución e promoción iniciado na primavera do ano pasado”, comenta. As tres curtas concurren arestora á fase de votacións para elixir os traballos nominados aos premios Mestre Mateo de 2007.