IV Premios María Luz Morales de ensaio sobre o audiovisual

30 / 09 / 2020

  • Alba Gallego, Ester García Mera, Iván Villarmea e José Manuel López son os gañadores da cuarta edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual.
  • Os premios están organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións provinciais.
  • O xurado estivo formado pola docente e investigadora María Teresa Vilariño, a docente e investigadora María Soliña Barreiro e a xornalista Belén Regueira.

A Academia Galega do Audiovisual celebrou o martes 29 de setembro no Pazo Provincial, sede da Deputación de Pontevedra, a cerimonia de entrega da cuarta edición dos premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos, nunha iniciativa pioneira que conta coa participación das catro deputacións.

O acto de entrega tivo nesta ocasión á Deputación de Pontevedra como anfitrioa, representada pola súa presidenta Camela Silva. Contou coa presenza de Xurxo Couto, responsable de cultura da Deputación de A Coruña; Maite Ferreiro, Vicepresidenta e responsable de cultura da Deputación de Lugo e Ana Míguez, Presidenta da Academia Galega do Audiovisual.

Traballando en común, facemos cultura

Ana Míguez. Presidenta da Academia Galega do Audiovisual.

Nos seus discursos, os representantes das deputacións galegas gabaron a figura de María Luz Morales como referente e pioneira que abriu o camiño para as investigadoras e traballadoras culturais e cinematográficas actuais e o labor conxunto que as deputacións galegas fan coa Academia para a celebración por cuarto ano consecutivo destes premios.

Destacaron así mesmo o valor que teñen os Premios María Luz Morales como incentivo ao estudo sobre o audiovisual, como catalogador deses traballos presentados e como visibilización da investigación científica audiovisual.

Unha das novidades introducidas este ano foi contar coa presenza dun presentador para a entrega dos premios. O encargado foi o cómico e actor pontevedrés David Amor que exerceu de condutor dunha cerimonia marcada polas medidas sanitarias e de distanciamento esixidas pola situación que estamos a vivir. Aínda así, foi quen de crear un ambiente distendido introducindo aos premiados e premiadas, transmitíndolles as motivacións do xurado á hora de conceder os premios e axudando aos presentes a levar con humor as limitacións que impoñen os protocolos sanitarios como o feito de ter que recoller os galardóns dunha mesa no canto das mans da persoa entregadora.

David Amor. Presentador da Gala.

Outra das novidades foi que o acto contou coa participación da cantante María Villanueva que interpretou tres pezas. Comezou cunha versión da canción popular da Guerra Civil En la plaza de mi pueblo acompañada da proxección do fragmento final do filme L’Espoir (Sierra de Teruel) de André Malraux no que María Luz Morales colaborou no guión. A segunda peza interpretada foi Se dice e pechou o acto cun arranxo propio da Xota de San Xusto/Muiñeira de Mondariz e Meder acompañada de letras procedentes de varios cancioneiros populares e da proxección de varios fragmentos de Galicia, de Carlos Velo.

María Villanueva interpretando un dos temas que preparou para a ocasión.

Ampliando o corpus investigador en galego sobre o audiovisual.

Nesta edición seguiu medrando a participación respecto das edicións anteriores, mostra do interese xerado nas e nos investigadores sobre audiovisual e da consolidación dos premios María Luz Morales. Os catro traballos galardoados este ano súmanse aos dezanove traballos recoñecidos, incluíndo gañadores e áccesits, nas anteriores edicións, conformando un corpus de investigación en galego sobre o audiovisual moi valorado pola comunidade investigadora.

Alba Gallego (1990) gañou o premio ao mellor Videoensaio sobre o Audiovisual Galego con O vídeo esquecido, un videoensaio que reflexiona sobre o vídeo caseiro gravado en Galicia, dende os 90 ata hoxe, sobre o arquivo do material fílmico doméstico e sobre a captación de imaxes persoais na actualidade.

Alba Gallego, gañadora na categoría Videoensaio sobre Audiovisual Galego

O xurado quixo destacar deste traballo a súa reflexión sobre a fugacidade, a banalidade, o consumo e os cambios nos rexistros audiovisuais cotiás nas últimas décadas e o seu impacto na construción da nosa memoria. Por ser unha revisión fresca sobre o video caseiro gravado en Galicia desde os anos 90 até hoxe, focalizado na permanencia das imaxes tomadas co móbil.

Ester García Mera (1997) acadou o premio na categoría de Videoensaio sobre Audiovisual Internacional con Le temps (ne) detrouit (pas) tout, no que propón unha clasificación do cinema baseada na división e comparación de dous grupos de cineastas: Yasujiro Ozu, Andrei Tarkovski e Agnès Varda quen transmiten esperanza e seguridade cara o futuro e Michael Haneke, Lars von Trier e Gaspar Noé quen reflicten nihilismo, pesimismo e anguria. Dividindo o tempo en tres etapas: a infancia, a morte e a apocalipse; analiza diferentes exemplos fílmicos desa división ente transformación e destrución.

Ester García Mera, gañadora na categoría Videoensaio sobre Audiovisual Internacional

O xurado destacou o uso virtuoso da montaxe para elaborar un discurso sobre a dimensión existencial no cine contemporáneo, que logra mobilizar reflexión e emoción, chegando ao núcleo da materia fílmica nunha revisión dos aspectos da creación e destrución no cinema, a partir dunha perspectiva comparatista, ampla e rigorosa

Iván Villarmea (1981) resultou gañador na categoría de mellor Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego con Leña aos ollos! A paisaxe forestal no Novo Cinema Galego, un traballo que analiza a presenza de árbores e fragas como motivo visual recorrente no Novo Cinema Galego. Evocando distintos motivos en cada filme, o autor busca a signifgicación implícita e sintomática a través da que unha nova xeración de cineastas urbanos está a construír, a partir destes motivos visuais, o seu propio discurso sobre o tránsito acelerado e entrecortado da tradición á modernidade na sociedade galega do século XXI.

O xurado destaca deste traballo a súa anovadora perspectiva na construción do discurso a partir de imaxes visuais, realizando un estudo moi sistemático sobre o tránsito da tradición á modernidade no cinema e na sociedade galegas. Por achegar unha mirada crítica e irónica ás razóns da omnipresenza da paisaxe forestal en moitas producións do Novo Cinema Galego. Confrontando a imaxe coa posición do autor que a desenvolve.

Ler Leña aos ollos! A paisaxe forestal no Novo Cinema Galego

José Manuel López (1974) foi o gañador da categoría mellor Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional co seu traballo Lixar a túa alma: Shame, de Steve McQueen, no que analiza esta fita de 2011 que nos fala dun home perdido e deshabitado de si mesmo, dun corpo somnambulante que se desenfoca e atenúa sobre o pano nocturno e terminal da cidade contemporánea. Brandon, o protagonista, é aparentemente un adicto ao sexo inda que axiña comprenderemos que súa pulsión non xorde tanto da busca do pracer como da fuxida (finalmente imposible) da dor. O corpo cedido e excedido de Brandon está feito de retallos ou residuos do desexo pero tamén dos excesos da razón capitalista e do «estado do benestar».

José Manuel López, gañador na categoría Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional

O xurado destacou deste ensaio a análise detallada e perspicaz dos recursos fílmicos de Shame para reflexar a insatisfacción do suxeito contemporáneo e o influxo dese baleiro na sexualidade, dende perspectivas de xénero e identidade. Tamén ser unha revisión pormenorizada cunha redacción exquisita, con referentes filosóficos ademáis de cinematográficos que malia tratar un único filme, mobiliza unha poderosa reflexión que evoca outras personaxes e experiencias fílmicas.

Ler Lixar a túa alma: Shame, de Steve McQueen.



Os premios,  que contan co apoio das Deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura da escritora e xornalista María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantívose en activo ata os 91 anos de idade.

Consulta as edicións anteriores

Etiquetas: