O servizo de información meteorolóxica da Televisión de Galicia estrea co inicio do verán novo formato. Entre as novidades destacan unha realización que busca aportar unha maior identidade e dinamismo ao espazo de O Tempo, e a incorporación dunha liña gráfica propia, obra do departamento de Grafismo da TVG, cuxo deseño será diferente para cada estación. Dende onte, 21 de xuño, os seguidores da TVG accederán a unha información meteorolóxica onde, ademais de seguir ofrecendo titulares en cada edición sobre o estado do tempo, trasladarase de maneira inmediata a evolución da situación, contrastando as distintas prediccións e fontes que existen. O obxectivo é achegar un contido máis preciso, dinámico, moderno e televisivo, apoiado en imaxes. Con este novo formato, tamén a audiencia estará máis presente en O Tempo, grazas a súa participación directa enviando fotografías e a través da páxina que o espazo ten na rede social Facebook, O Tempo TVG, e na web da CRTVG, que recolle cada emisión diaria na súa portada.
O equipo de profesionais que elabora as prediccións climatolóxicas, integrado por Ana Celia Vázquez, Diego Viaño e Noelia Rodríguez, contará ademais cun novo membro, Mabel Montes, periodista procedente da redacción de Informativos da TVG, onde elaborou información de actualidade, económica, sucesos e incluso política. Coa idea de realizar un servizo o máis próximo e de maior calidade posible, tamén dende este verán, o espazo O Tempo ofrecerá datos concretos en cada emisión sobre o estado das praias galegas.