HETERODOXIAS NO CGAI

3 / 03 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe (rúa Durán Loriga, 10 baixo), dentro do seu ciclo Especial Punto de Vista, inclúe Heterodoxias Rewind sesión vangarda e sesión neorrealismo. A primeira sesión vangarda que comeza ás 18.00h contará coa presentación do historiador do cine e catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago José Luis Castro de Paz. Ás 20.45h comezará a sesión neorrealismo, que inclúe o paso de El Andamio (1958) de Rogelio Amigo. Heterodocsias. En colaboración con IVAC-La Filmoteca de Valencia e Festival Internacional de Documental de Navarra Punto de Vista.
 
En Heterodocsias Rewind, revisamos unha páxina insólita da historia do cine español, aquela entre os anos 30 e 50 do século pasado na que o cine considerado amateur se vai mesturar nos casos máis afortunados con elementos propios da vangarda ou baixo influencias neorrealistas. A sesión dedicada á vangarda inclúe estes traballos, todos de autoría catalá: Ritmes d¹un dia (1933) e Ombres (1935) de Domènec Jiménez; Piedra (1939) e Memmortigo? (1934) de Delmiro de Caralt; Festa major (1933), Pregaria a la Verge del Colls (1947) e Antonia Llobet Sans (1950) de Lorenzo LLobet Gracia ¬o autor da mítica longametraxe Vida en sombras (1948)- e In memoriam de la abuelita Mercedes (1950) de Pere Font. A sesión neorrealista atopa na coñecida mediametraxe galega El andamio (1958) de Rogelio Amigo o seu emblema recoñecible, pero tamén comprende El pan nostre de cada dia (1950) de Joan Blanquer e Ramón Bardés e Una aventura vulgar (1953) de Antonio Crespo. Todo un descubrimento.
 

HETERODOCSIAS REWIND:
Sesión VANGARDA:

RITMES D¹UN DIA
(España, 1933)
Dirección e produción: Domènec Giménez. Duración: 8 minutos.
Película que se adscribe ao modelo do cine abstracto ou da música visual. Formas xeométricas que reproducen os diferentes ritmos do acontecer do día. Efectiva e sorprendente posta ao día artesanal dalgúns modelos de vangarda fílmica dos anos vinte do século pasado.
 
OMBRES
(España, 1935)
Dirección e produción: Domènec Giménez. Duración: 7 minutos.
Un personaxe ten que escriber a sinopse dun filme. Observa ao seu redor na procura de inspiración. As sombras proxéctanse por todas as partes orixinando formas caprichosas. Arrastrado polo divagar da súa contemplación cae durmido… soñando o filme Ombres que estamos a ver…
 
PIEDRA
(España, 1939)
Dirección e produción: Delmiro de Caralt. Duración: 5 minutos.
Saltos de auga, regatos, fontesŠ, o poder de atracción do movemento da auga batendo contra as pedras nun baile próximo á abstracción.
 
MEMMORTIGO?
(España, 1934)
Dirección e produción: Delmiro de Caralt. Duración: 16 minutos.
Un home vestido con cores escuras e aspecto triste intenta suicidarse de diferentes maneiras sen chegar a conseguilo en ningún dos ridículos intentos. Preto de certas variantes do cine surrealista dos anos vinte na súa vertente máis amable.
 
FESTA MAJOR
(España, 1933)
Dirección: Llorenç Llobet Gràcia. Duración: 5 minutos.
Cun estilo impregnado das sinfonías urbanas que irromperon nos anos vinte, Llorenç Llobet Gràcia retrata un día de festa con imaxes cheas de dinamismo e unha montaxe audaz.
 
PREGARIA A LA VERGE DEL COLLS
(España, 1947)
Dirección e produción: Llorenç Llobet Gràcia. Duración: 15 minutos.
A seca aumenta nunha vila de montaña. A situación é desesperada e a xente do lugar vai en procesión solicitarlle axuda á Virxe dos Collados. O milagro prodúcese e a vida volve á vila. Realismo soviético e efectos de corte surrealista amosan a pericia de Llobet Gràcia.
 
ANTONIA LLOBET SANS
(España, 1950)
Dirección e produción: Llorenç Llobet Gràcia. Duración: 10 minutos.
O autor da maxistral Vida en sombras (1948) filma a súa filla desde o nacemento e en diversas etapas do seu crecemento. A maior singularidade do filme pasa pola  consciencia que o cineasta ten da súa produción como arquito -sobre o que volve para montar a película-, adiantándose a prácticas e nomes míticos da Historia do cine.
 
IN MEMORIAM DE LA ABUELITA MERCEDES
(España, 1959)
Dirección: Pere Font. Duración: 5 minutos.
Pere Font rexistra, de xeito febril, os últimos momentos con vida de súa nai, a morte e todo o cerimonial vinculado á despedida do corpo. Peza única do cine familiar, reafirma hoxe a súa singularidade ao fundirse coa tradición fotográfica do século XIX de retratar os cadáveres para ter un último recordo.
 
Sesión NEORREALISMO:
 
EL NOSTRE PAN DE CADA DÍA
(España, 1950)
Dirección, guión, fotografía e produción: Joan Blanquer e Ramón Bardés. Duración: 11 minutos.
Ensaio neorrealista de leve argumento e enorme denuncia social. A cámara percorre, xunto a un cativo famento, unha zona de covas habitadas por emigrantes chegados a Sabadell na posguerra.  
UNA AVENTURA VULGAR
(España, 1953)
Dirección e guión: Antonio Crespo. Produción: Luis Álvarez Pastor.
Fotografía: Antonio Medina Bardón. Intérpretes: Francisco García, Aurelia González. Duración: 20 minutos.
Un home, ante unha serie de agoiros de boa sorte, decide mercar un décimo de lotaría. Ese mesmo día un automóbil atropélao. Cando sae do hospital, o billete ¬premiado- desapareceu. Inicia unha busca desesperada que inclúe a tentación do suicidio.
 
EL ANDAMIO
(España, 1958)
Dirección e guión: Rogelio Amigo. Produción: Docampo-Amigo.  Fotografía: Carlos Docampo. Intérpretes: José María Pujalte, Marisa Naya. Duración: 35 minutos.
Juan, un obreiro, morre ao caer dunha estada. O aparente accidente lévanos a un longo flash-back localizado no inicio da guerra civil  española, cando uns homes lle levan unhas xoias a Juan. Duro melodrama cheo de erudición cinematográfica que saca partido ás localizacións da cidade da Coruña. Copia restaurada polo CGAI en 2008. Un documental, 50 años en el andamio (2009, dirixido por Ángel Rueda, investiga sobre a película orixinal.

Categoría: Noticias
Etiquetas: