Gañadores da VIII edición dos Premios María Luz Morales

12 / 11 / 2024

Pontevedra, 12 de novembro de 2024 | A Academia Galega do Audiovisual anunciou hoxe os nomes dos galardoados na oitava edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición, premiáronse dous videoensaios e dous ensaios escritos, que recibirán un trofeo e unha dotación económica de 1.200 euros cada un. Esta iniciativa pioneira conta co respaldo das catro deputacións galegas.

A entrega de premios tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra e nela estiveron presentes Álvaro Pérez Becerra e Carme Méndez, en representación da Academia Galega do Audiovisual; César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Iria Castro Fernández, deputada responsabel da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; Xosé Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; e Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra, institución anfitrioa da presente edición.

Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego a obra gañadora foi “Desvelar o dispositivo: o río, a terra, a fábrica. Un achegamento ao potencial político da obra audiovisual de Carme Nogueira” de Breogán Xague. O xurado destacou a elevada calidade da proposta “grazas a un texto arriscado pola formulación e enfoque orixinal, cunha esencia plural e aberta”.

O galardón ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para “Resurrección dixital e deepfakes. Os desafíos da intelixencia artificial nun audiovisual hiperreal” de Manuel Barreiro Rozados, que foi calificada como “interesante por canto advirte derivadas políticas, económicas, éticas ou ambientais sen caer no derrotismo e con administrada ironía.”

O xurado escolleu como Mellor videoensaio sobre o audiovisual galego o traballo “Galicia, paisaxe de sangue” de Juan Ares, “unha obra de valor pola análise que presenta da paisaxe galega como espazo de desenvolvemento de historias no cinema de terror.”

O traballo recoñecido como Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional foi para “A gran imaxe non ten forma. Apuntamentos sobre a creacion de símbolos identitarios” de Victor Soho “unha proposta temática sobresaliente cunha execución orixinal que parte dunha historia actual sobre o amor para achegarse ao valor dos símbolos, a necesidade, ou non, de telos e as formas que deben adoptar.

Nesta edición dúas obras foron recoñecidas con cadanseu accésit. Por unha banda “Cinema con batuta. Aproximación á práctica da dirección orquestral a partir do seu tratamento no cinema de ficción” de Severiano Casalderrey, na categoría de Mellor ensaio sobre audiovisual internacional, un proxecto “artellado de forma estética e rigorosa e presenta unha aproximación á dirección orquestral no cinema con proxectos da última década a partir dun método de análise adecuado e con conclusións consistentes e útiles para a Academia, ao tiempo que transloce un profundo coñecemento do mundo da música e logra transmitir o seu entusiasmo.” Por outra “Cold War: Unha historia de amor sintetizada” de Rebeca Novo, na categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional “Ademais da robustez teórica da proposta, é un traballo de enorme calidade estética sobre o filme Pawel Pawlikwski, que resulta depurado para deixar o esencial.”

Nas oito edicións dos premios, un total de 41 traballos foron distinguidos (32 galardoados e 9 recoñecidos cun accésit), configurando un corpus de investigación en galego sobre o audiovisual que a comunidade investigadora valora especialmente.
O xurado desta edición estivo integrado polas docentes Anna Amorós, da Universidade de Vigo; Tania Fernández Lombao, da Universidade de Santiago de Compostela; e Begoña Vázquez, xornalista cultural. Anna Amorós asistiu á entrega de premios e tivo a responsabilidade de anunciar os traballos premiados.
Por terceiro ano consecutivo, grazas á colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a revista de crítica cinematográfica A Cuarta Parede, os traballos galardoados serán publicados na revista dixital de crítica literaria.
Os premios levan o nome de María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980), pioneira da crítica cinematográfica en España e figura destacada do xornalismo cultural do século XX. Morales comezou a súa actividade en 1924, asinando baixo un pseudónimo masculino, e chegou a ser a primeira muller en dirixir un xornal de ámbito nacional, La Vanguardia, durante a Guerra Civil Española.

Estes premios contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.

Categoría: Novas
Etiquetas: