GALICIA E BRASIL VOLVERÁN CONVOCAR EN 2012 O SEU FONDO CONXUNTO DE COPRODUCIÓN CINEMATOGRÁFICA

9 / 12 / 2011

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, impulsará unha nova convocatoria do Fondo de Coprodución Cinematográfica xunto á Agência Nacional del Cine del Brasil (ANCINE), segundo se anunciou no marco do mercado «Ventana Sur» que se celebrou do 2 ao 6 de decembro en Buenos Aires (Arxentina). O fondo, que será publicado polas dúas institucións no primeiro trimestre de 2012, contará cun presuposto de 320.000 euros.

En 2007, o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Agência Nacional del Cine del Brasil (ANCINE) puxeron en marcha un programa de colaboración para o impulso á coprodución cinematográfica entre produtoras independentes dos dous territorios. Ao amparo deste acordo realizáronse dúas convocatorias públicas de axudas. Da última delas, publicada no ano 2009, xurdiron tres películas, El sexo de los ángeles, Donde está la felicidad e Brasil somos nosotros, que se estrearán a principios de 2012. No marco do mercado Ventana Sur de Buenos Aires anunciouse que dito programa terá continuidade en 2012, e que estará dotado con 320.000 euros, aportados a partes iguais por ambos organismos. A súa publicación está prevista para o primeiro trimestre do vindeiro ano. Os fondos destinaranse ao financiamento das dúas longametraxes cinematográficas e un documental. No caso das longas de ficción ou animación, o importe máximo para cada axuda será de 130.000 euros. A empresa produtora beneficiaria da subvención do seu respectivo territorio deberá ter a porcentaxe minoritaria da produción. Na modalidade de longametraxe documental, o importe máximo da axuda ascenderá a 30.000 euros, sen definir a porcentaxe de participación galego-brasileira, salvo o establecemento dun mínimo dun 20% por parte das produtoras de cada territorio. O anuncio foi realizado na capital arxentina polo director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Anxo Quintanilla, e o presidente de ANCINE, Manoel Rangel, durante un encontro ao que asistiron representantes dunhas 20 empresas, que aproveitaron para establecer os primeiros contactos de traballo para participar na convocatoria.

Aparte deste anuncio, o Consorcio Audiovisual de Galicia levou a cabo en Ventana Sur un encontro das produtoras galegas asistentes ao mercado (14 en total) con produtores de tódolos países latinoamericanos representados no mercado. Participaron ao redor de 35 empresas de países como Arxentina, México, Chile, Uruguay e Colombia. Quintanilla realizou unha presentación dos produtores galegos e explicou a aposta do departamento que dirixe por contribuír a que as empresas galegas teñan a posibilidade de coproducir cine con outros territorios e promocionar e vender os seus produtos en mercados internacionais. Pola súa banda, o director da área de Internacionalización Galicia@world do IGAPE, Alfredo Castro, deixou constancia do interese por parte de dito Instituto de continuar a colaboración iniciada no 2010 para apoiar a internacionalización das produtoras galegas a través do Consorcio. Por outra parte, ao longo da xornada tivo lugar un cóctel de presentación de «Films from Galicia», que se distribuirá nos mercados de referencia nos que participa o Consorcio (EFM de Berlín, MIPTV de Cannes, Marché du Film de Cannes, MIPCOM de Cannes e Ventana Sur de Buenos Aires), e haberá unha versión dixitalizada na páxina web do Consorcio que se presentará en xaneiro do vindeiro ano.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: