O xurado do V Festival de Cans premiou como mellor curtametraxe de ficción Sálvame, de Javier Veiga, “pola súa solidez narrativa, corrección formal e a súa interpretación audaz dos patróns da comedia clásica. Na categoría de animación seleccionou 1977, de Peque Varela. Así mesmo, fixo unha mención especial a “Perversa Lola”, de Sonia Méndez. Os premios á mellor actriz e ao mellor actor foron, respectivamente, para Nuria Sanz e Luis Zahera.
O xurado considerou que a curtametraxe de Peque Varela ten un discurso que explota cunha pincelada persoal as posibilidades da animación, combinando diferentes técnicas”. Engadiu: “é un traballo valiente e de alta calidade artística”.
Así mesmo, o xurado decidiu facer unha mención especial para a curtametraxe de ficción “Perversa Lola”, de Sonia Méndez, “pola súa valentía á hora de reformular os códigos do melodrama”.
Os premios do xurado para á mellor actriz e o mellor actor foron para, respectivamente, Nuria Sanz, por Perversa Lola, e Luis Zahera, por Rosita y Jacinto.
O xurado integrárono o director Nacho Vigalondo, a guionista Tatiana Rodríguez, o actor Pedro Alonso, o guionista e monologuista Rober Bodegas, a actriz María Castro, o actor Roberto Vilar e a directora, produtora e guionista Lidia Mosquera.