FESTIVAL DE CANS E UNIVERSIDADE DE VIGO LANZAN A TERCEIRA EDICIÓN DO PROXECTO CAN CAMPUS

15 / 04 / 2013

O Festival de Cans mantén a súa aposta pola formación dos futuros profesionais do audiovisual. Por terceiro ano consecutivo pon en marcha en colaboración coa Universidade de Vigo o proxecto Can Campus. Máis de 15 estudantes de Comunicación Audiovisual en Pontevedra terán a oportunidade de formarse e coñecer as dinámicas profesionais participando na realización de dous videoclips de grupos galegos emerxentes: Terbutalina e Os Vacalouras. Gravaranse na parroquia porriñesa que acolle o festival, coa dirección profesional e académica dos realizadores Juan Lesta e Belén Montero. Os videoclips estrearanse no Festival de Cans e serán emitidos a través de V Televisión.

Can Campus é unha iniciativa de creación e formación audiovisual impulsada pola Universidade de Vigo, a través da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, e polo propio Festival de Cans. Conta co patrocinio da empresa de eventos Oide, e coa colaboración de V Televisión.

Gravación en Cans o 14 de abril

O alumnado organízase en dous equipos de traballo, un por cada videoclip. Ao longo do último mes os estudantes traballaron na preprodución e localización dos vídeos baixo a coordinación e supervisión de Juan Lesta e Belén Montero, realizadores cunha ampla experiencia na dirección de proxectos audiovisuais relacionados coa música: videocreación, instalacións audiovisuais, sesións en directo (vj) e videoclips para grupos como Astrud, Fangoria ou La Buena Vida, entre outros.

Este domingo 14 de abril os equipos desprazaranse a Cans para gravar alí os videoclips, xuntando nesta aldea a máis de 60 persoas entre estudantes, profesores, grupos musicais e veciños e veciñas que participan na gravación en tarefas de localización, produción e como actores e figurantes. Logo iniciarase o proceso de posprodución para estrear as pezas o venres 24 de maio no Festival de Cans.

Tres anos de proxecto

Can Campus celébrase por terceira vez logo do éxito das dúas edicións anteriores, nas que se gravaron os videoclips de Sinestesia en 2011 e de MedoMeDá, Glasgow e Banda Crebinsky en 2012. Precisamente esta última peza, “Un piatto”, con dirección de Enrique Otero, foi a gañadora do premio ao mellor videoclip nos Premios Mestre Mateo deste ano. Lograr este premio cos votos dos profesionais do sector audiovisual supón un importante respaldo para Can Campus.

Para o Festival de Cans esta é unha das actividades máis satisfactorias, porque serve para conectar co espírito do festival coas bandas de música emerxentes e cos creadores audiovisuais do futuro.

Terbutalina e Os Vacalouras

Terbutalina é un grupo de Muros nacido en 2010 para asaltar os locais de concertos e festivais de toda Galicia co seu “gastropunk”: concertos nos que mesturan diversión, velocidade e empanada cunha proposta musical a medio camiño entre o rock de garaxe e o punk, aderezada con letras cargadas de metralla. Publicaron tres discos de estudio: “Broncodilatador”, “Hostias para todos” e “Ritmo serbio”. Na Can Campus gravarán o videoclip para a canción “Fai sol”.

Os Vacalouras levan desde 2007 pervertendo á xente co estilo que eles denominan “pataca’n’roll”: punk-rock sen fronteiras reforzado con gaita e letras con moito sentido do humor. O grupo de Teis levou a súa festa sobre o escenario a todo tipo de festivais, salas e furanchos. En 2011 publicaron o seu álbum de debut: “Xa están Aquí”. Na Can Campus gravarán o seu primeiro videoclip: “Desbrozadora”.

 

Etiquetas: