O Festival de Cans cumpre 10 anos e faino por todo o alto cunha edición especial na que quixemos rodearnos de vellos amigos de Cans e conmemorar xuntos grandes momentos da nosa historia. Wyoming, Jorge Ilegal, Víctor Coyote, Juanma Bajo Ulloa, Manuel Manquiña, Tony e Elio dos Santos e Silvia Superstar son algúns dos nomes que compoñen o cartel desta décima edición que se celebrará do 22 ao 25 de maio en Cans (O Porriño). Serán catro días de programación con máis dun centenar de proxección diversas, imaxes inéditas, xéneros novos e máis de 20 actuacións musicais.
O festival presentouse hoxe no Bar Fortes, coa presenza de Nelson Santos, alcalde do Porriño; Jacobo Sutil Nesta, director de Agadic; Cristian Martín, delegado comercial de Estrella Galicia; Juan Carlos Fasero, director da delegación noroeste da SGAE, Alfonso Pato, director do Festival de Cans; Keka Losada, da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora; e Mara Sánchez, actriz e representante do xurado.
As principais novidades deste ano son:
A mellor selección audiovisual:
21 curtas a concurso: 14 de ficción e 7 de animación, máis traballos que nunca
Estreamos a sección “A que andas?” na que novos realizadores nos contarán en que proxectos están mergullados na actualidade
Botamos a andar tamén «Primeiro test», un espazo no que someteremos un filme sen rematar á valoración do público antes da súa versión definitiva, con Encallados, de Alfonso Zarauza.
Inauguramos Cans Visibles cunha selección de curtas LGTB made in Galicia
Estrea de Somos gente honrada, de Alejandro Marzoa, Toñito Blanco, só, perdido e vicioso, de Xacobe Sineiro e Nico Campos
Celebramos os 20 anos da estrea de A matanza canibal dos garrulos lixérsicos
Fill@s de Cans: adiantamos secuencias de películas que se están a cocer. A Bretaña é país convidado nesta edición e proxectamos unha selección de curtas que veñen directamente da Fisterra Bretona
Un cartel musical cheo de vellos coñecidos de Cans:
Un cartel cheo de vellos amigos do festival e moitas sorpresas máis
Máis de vinte actuacións musicais de todos os estilos: rock, pop, folk, música lixeira, charanga…
Recuperamos a Canastro Experience cun espectáculo de Víctor Coyote no Hórreo da Casa de Bugarín
E con moitos outros protagonistas:
Aumentamos os encontros de directores co público nos Coloquios na Leira e Arredores: Juanma Bajo Ulloa, Manuel Fernández-Valdés, Fernando Cortizo, Alfonso Zarauza…
Estrelas no Torreiro para Manuel Manquiña, Xavier Villaverde e Juanma Bajo Ulloa
Renderémoslle tamén homenaxe ao compositor vivo máis importante de Galicia: Rogelio Groba
Xurado de luxo: Juan Ibáñez Trancas, Cristina Pato, Unax Ugalde, Mara Sánchez, Xabier Fortes, Patricia Vázquez, Xavier Villaverde…
O cociñeiro Pepe Solla toma o relevo en Miradas de Cans
Máis participación dos veciños e xeración de actividades propias
O alcalde do Porriño mostrou o seu abraio pola dimensión que adquiriu o festival e felicitou á organización pola súa capacidade de traballo e de xestión para facelo posible edición tras edición. Neste sentido sinalou que lle produce «orgullo» que ao falar de Porriño fóra «se identifique o concello co Festival de Cans» e destacou que «agora sexa máis importante o Festival de Cans que as canteiras do Porriño». «O festival xa non ten marcha atrás», engadiu.
O director de Agadic, Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, sinalou que o festival «ten sabido combinar calidade artística e orixinalidade na produción», «crear unha marca consolidada» e «presentar unha oferta lúdica» que racha fronteiras. Na súa opinión, o segredo agáchase «na posta en valor sen complexos».
Pola súa banda, Cristian Martín, delegado comercial de Estrella Galicia suliñou «a saúde inmellorable» da que goza o festival e fixo un guiño aos «veciños de Cans sen os cales a festa do agroglamour non sería posible». O director da delegación noroeste da Sgae, Juan Carlos Fasero, destacou que «o festival é unha porta aberta á creatividade dos autores e á innovación», dous factores que ao seu ver » poden ser a solución á crise». «Hai dez anos o que puido comezar como un xogo foi posicionando a Can no mundo e revolucionou o pobo», sinalou, «isto que pode parecer un xogo xera economía».
A actriz e membro do xurado, Mara Sánchez sinalou que Cans é para a xente do mundo do audiovisual «a máxima expresión dun festival» e destacou que isto é a proba de «se pode facer un festival de prestixio nunha aldea e que todos se volvan tolos por vir». A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada avanzou que este ano o festival porá en marcha tres aparcamentos e reforzará as lanzadeiras para que os que acudan ao festival poidan desprazarse en autobús sen necesidade de achegarse en coche á parroquia.
O director do festival, Alfonso Pato, sinalou que esta décima edición «quere ser unha festa de amigos que pasaron por Cans e que marcaron a historia do festival». Destacou ademais que este ano cóntase cun cartel con 21 actuacións musicais e máis dun centenar de proxeccións no que non faltan novas seccións e moitas novidades máis.
Venda entradas
O festival porá á venda proximamente as 800 entradas dispoñibles para ver as curtas a concurso o sábado 25 de maio, día grande do festival. Este xoves 9 de maio ás 9h da mañá activarase na web o sistema de reserva dos 400 packs de entrada + camiseta dispoñibles a través de internet. Cada persoa pode reservar ata dous packs, ao prezo de 18 € cada un. As entradas e as camisetas terán que recollerse o sábado do festival (25 de maio) entre as 11:00 e as 14:00 horas no punto de información e merchandising situado no torreiro de Cans.
O resto das entradas, 400, poranse á venda o xoves 16 de maio (véspera do Día das Letras) ás 19h no Local Parroquial de Cans, situado no torreiro da parroquia. Aquí cada persoa poderá coller ata dúas entradas, ao prezo de 10 € cada unha. Os que queiran coller entrada + camiseta poderán facelo ao prezo de oferta, 18 € o pack, coa pegata do Can de regalo.
Ademais, este ano abrimos unha nova posibilidade: ver as curtas a concurso na sesión matinal. Será o sábado 25 de maio de 10:00 a 12:00 e de 13:30 a 15:00 na Casa de Bugarín, con pausa no medio para asistir ao Coloquio na Leira. Só se porán á venda 130 entradas para a sesión matinal. Venderanse o xoves 16 de maio (véspera do Día das Letras) ás 19:00 horas no local parroquial de Cans. As entradas da sesión matinal que non se vendan en Cans ese día poránse á venda a través da web o luns 20 de maio ás 9:00h.
Hai que lembrar que o 90% das actividades do festival son gratuítas.