FERNANDA DEL NIDO, PRODUTORA DE AGUA FRÍA DE MAR E TRALAS LUCES, ANALIZARÁ A COPRODUCIÓN INTERNACIONAL NO MPXA

7 / 03 / 2012

Fernanda del Nido, directora de Tic Tac Producciones, falará o próximo 9 de marzo sobre o proceso de coprodución dunha película no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Fernanda del Nido, experta en coproducións e ex alumna do MPXA, amosará, a través da exposición de diversos casos de análise, as claves para producir desde unha perspectiva internacional e analizará as vías de financiamento existentes. Ademais, abordará o proceso de desenvolvemento, de produción e de lanzamento dunha película de autor dentro do mercado internacional.

Del Nido fundou no 2006 Tic Tac Producciones, compañía independente que desde o seu inicio aposta polas coproducións entre Europa e Latinoamérica e polos novos talentos de ambos continentes. O seu principal obxectivo é desenvolver e producir longametraxes de ficción e documental, entre os que se atopan títulos como Flores Tristes, filme documental de Teo Manuel Abad (Premio á Mellor Longametraxe Documental nos Premios Mestre Mateo 2008); Manuel y Elisa, de Manuel Fernández-Valdés; ¿Qué culpa tiene el tomate?, codirixida por Jorge Coira e Premio á Mellor Longametraxe Documental nos Premios Mestre Mateo 2009; Agua fría de mar, de Paz Fábrega (Premio á Mellor Película de Competencia Oficial no Festival de Rotterdam 2010); e 18 comidas, de Jorge Coira (Premio á Mellor Dirección en Taormina Film Festival 2010).

O seu último traballo, Tralas Luces, unha coprodución entre España, Portugal e Arxentina e Premiere Mundial no Festival de San Sebastián 2011 na categoría “Novos Realizadores”, conta con seis candidaturas aos Premios Mestre Mateo 2012 que entrega a Academia Galega do Audiovisual.

Etiquetas: