Emilio Mac Gregor naceu en México D.F., en 1962, fillo do actor Eduardo Mac Gregor. A primeiros dos setenta chega a Madrid e dende 1999 desenvolveu o seu traballo en Galicia, onde mantivo unha participación moi activa no audiovisual galego, ata que a morte sorprendeuno esta fin de semana. A primeiros dos setenta, instálase en Madrid, onde estuda Fotografía e Filosofía, mergullándose de cheo no inquieto ambiente cultural dos oitenta: na música, a fotografía, o vídeo.
Coa posta en marcha da televisión privada, Emilio incorpórase como realizador a Canal Plus, traballando nalgúns dos formatos máis anovadores da súa grella: El día después, El tercer tiempo, Lo más plus… De entón en diante fai compatibles dúas das súas liñas de traballo predilectas: o documental –con títulos coma Hospitales del arte ou Otras miradas, ambos gravados en alta definición, técnica na que foi pioneiro- e a ficción televisiva –é realizador de numerosos títulos, entre eles: La casa de los líos, Señor alcalde, Café con leche, Ellas son así-.
En 1999 instálase en Galicia. Vén para traballar como director e realizador en series producidas por Voz Audiovisual: Nada es para siempre, Terra de Miranda e Mareas vivas. Desta última chega a dirixir 110 capítulos e a asumir a produción executiva de diversas tempadas. O seu labor neste período significa unha contribución decisiva á profesionalización dun sector emerxente: o da ficción televisiva galega.
Concluído este traballo, decide quedar a vivir en Galicia e seguir participando activamente no audiovisual galego, formando parte de diversas iniciativas colectivas, coma son a asociación de directores CREA ou o filme colectivo Hai que botalos, e dirixindo documentais coma O que dis que din ou Lume e fume.
Cando a morte sorprendeuno, Emilio traballaba sobre numerosos proxectos relacionados con algúns dos seus múltiples intereses: a ecoloxía, a innovación tecnolóxica, a educación, a filosofía, o entretemento e, sobre todo, a ansia por contar historias para a pantalla. Desa ansia Emilio Mac Gregor fixera o seu oficio.
Os seus restos serán incinerados hoxe á tarde, día 18 de febreiro, no tanatorio Servisa (Avda. Pasaxe s/n. A Coruña). A Academia Galega do Audiovisual quere compartir a dor da súa familia, amigos e tantos compañeiros deste audiovisual galego do que decidiu formar parte.