Falamos con Chelo Loureiro con motivo do #DiadoCineEspañol: “A miña curiosidade polo que vén penso que non a perderei nunca”

6 / 10 / 2023

A Coruña, 6 de outubro de 2023 | Hoxe celébrase a terceira edición do Día do Cine Español, unha efeméride que naceu para recoñecer o papel dos e as profesionais do cine, a súa influencia e importancia na vida cultural e social e o papel que o cine español desenvolveu ao longo da súa historia e que debe seguir desempeñando.

Esta edición está dedicada a Lola Flores no centenario do seu nacemento. Contará coa proxección da restauración de ‘Embrujo’, dirixida por Carlos Serrano de Osma e protagonizada por Lola Flores e Manolo Caracol. Ademais os filmes ‘Las Niñas’ (Pilar Palomero, 2020) e ‘Valentina’ (Chelo Loureiro, 2021) poderán verse en institucións públicas e privadas, asociacións, colexios, institutos, cines, escolas, museos, casas de cultura, bibliotecas ou centros culturais, tanto dentro como fóra de España.

Falamos coa académica Chelo Loureiro sobre ‘Valentina’, finalista na categoría de Mellor longametraxe de animación nos XXI Premios Mestre Mateo e o primeiro filme de animación dispoñible para programar na celebración do Día do Cine Español.

Que supón este fito para ti, como directora e produtora do filme?

Pois como podedes imaxinar, unha mestura de orgullo e felicidade a partes iguais. Sempre que nos seleccionan un filme producido por Abano síntome como unha privilexiada, porque son milleiros os filmes que se producen cada ano e non é fácil destacar. Sendo ademais a miña ópera prima como directora, con máis motivo! E, por suposto, por seleccionar por fin unha película de animación, que sempre estamos relegados -o mesmo que os documentais- case invisibilizados ante o cine de imaxe real…

‘Valentina’ comparte cartel con dous filmes moi diversos, como son ‘Las niñas’ de Pilar Palomero (2020) e ‘Embrujo’ de Carlos Serrano de Osma (1948). Tres películas con protagonistas femininas: unha nena, no caso de Valentina, un grupo de adolescentes que dan título ao filme de Pilar Palomero, e unha lenda como Lola Flores na longametraxe ‘Embrujo’. Tiveches oportunidade de ver os outros filmes?

Tiven, si. A de Palomero hai ben pouco e, por suposto, encantoume, como todo o que leva feito esta nova directora, e a de Serrano hai moitísimo, polo que espero poder revisionala novamente aproveitando esta ocasión porque a recordo como un pouco surrealista, pero con moitísima forza. Son películas todas elas moi diferentes pero tamén moi ilustrativas da diversidade de cine que se fai no país. 

O feito de que todas elas estean protagonizadas por mulleres supoño que non é casualidade, senón a aposta por parte do Ministerio de Cultura que, duns anos para aquí, está a traballar arreo para conseguir esa igualdade tan necesaria tamén no ámbito audiovisual. Fomentando que dun 7% de mulleres directoras que había aos comezos do século XXI, hoxe esa cifra estea cuadriplicada, e que a nivel do relato suceda o mesmo. A chegada da muller ao guión e dirección supuxo a irrupción de protagonistas femininas con historias propias. Tan necesarias para que o noso audiovisual sexa realmente tan diverso como é a nosa sociedade.

Que lle dirías ao público para animalo a que asista ás proxeccións coas que se conmemora o Día do Cine Español o vindeiro 6 de outubro?

Que vaian ao cine, a ver estas ou calquera outra película, que o cine, ademais de ser cultura, é un ocio ‘saudable’, capaz de facernos soñar, de vivir outras vidas e incluso de mudar o noso estado de ánimo en cuestión de segundos! Ademais de apoiar unha das industrias máis importantes do país, non só polo número de traballadores que que sostén, senón tamén porque non hai mellor maneira de vender a marca España (ou Galicia) que a través do cine.

Cos lemas #QuédateALosCréditos e #ElMomentoDeNuestroCine, a cita pretende poñer en valor, por unha banda, o traballo de todos os profesionais da industria que fan posibles as producións cinematográficas e, por outra, a importancia do cine español como patrimonio cultural, xerador dunha identidade e imaxinario común. Que valoración fas desta iniciativa?

Penso que é moi necesario pór en valor o cine español no noso país. Lamentablemente en España non goza do prestixio que merece por mor de campañas políticas interesadas en desprestixialo, pero fóra si é moi recoñecido. Oxalá este Día sirva como campaña de imaxe para recuperar o sitio que merece.

«O cine, ademais de ser cultura, é un ocio ‘saudable’, capaz de facernos soñar, de vivir outras vidas e incluso de mudar o noso estado de ánimo en cuestión de segundos» Chelo Loureiro

Valentina’ é o primeiro filme que dirixes e obtivo unha resposta moi favorable, tanto por parte do público que acudiu ás salas, como cos galardóns cos que foi premiada. Que balance fas da experiencia?

Sempre moi positivo, porque o meu obxectivo cumpriuse moito máis aló do que podería ter soñado. Atreverse a dirixir unha primeira película con case 60 anos non era doado, pero precisamente se algo me axudou a tomar esta decisión foi, por unha parte o de levar anos tentando producir unha película cunha protagonista discapacitada e ver que todo canto me chegaba non me gustaba. Faltáballe verdade. Entón foi cando caín na conta que a discapacidade había que vivila, que non se pode tocar de ouvido. Eu vivina cunha irmán e por iso non vía verdade no que lía. Dei entón o primeiro paso de escribir esa historia xunto a Lúa, a miña filla, quen tamén conviviu coa discapacidade. Rematamos a historia e busquei financiación para producila, comigo na dirección porque só eu sabía a clase de historia que quería contar.

E, a segunda razón polo que me decidín a cruzar a vertixe que me inundaba foi, precisamente, a de amosar ás máis novas que é posible dirixir, que temos que teimar até conseguilo, incluso á miña idade.

Chelo Loureiro, directora e produtora do filme, con parte do elenco de ‘Valentina’ na Semana do Cinema Galego 2023

A pesar de tratarse dun filme dirixido principalmente a público infantil, a súa mensaxe de abrazar as diferencias tamén é importante para un público adulto. Que valoracións vos trasladan os distintos públicos despois de ver a película?

Non deixo de sorprenderme cada vez que acudo invitada a unha proxección, vendo que o público que acude é de todas as idades. Eu contaba que os maiores que atoparía no cine serían os acompañantes dos miúdos, pero desde o primeiro momento puiden comprobar que o 50% dos espectadores adultos ían sen nenos. E que remataban con ollos cheos de bágoas, tentando disimular as emocións. Ou non, porque moitos deles abertamente veñen felicitarme polo moito que gozaron con ela. Pero cos que máis gozo son coas escolas. Levo percorrido moitas, invitada polo profesorado ou polas responsables das bibliotecas, e non é comparable con nada a maneira na que me reciben mestres e alumnado. Nestes espazos os nenos falan cunha naturalidade total e o que me contan é conmovedor, moitos deles (os que teñen algunha discapacidade en maior medida) falan de que grazas a ‘Valentina’ descubriron que eles tamén eran persoas válidas para os demais, que eran conscientes dos coidados especiais que requirían, pero que eles tamén eran coidadores dos seus irmáns, por exemplo. E o non deixo de recibir parabéns do profesorado, encantado de ter unha cinta coa que poden traballar na aula infinidade de temas conseguindo que os nenos se divirtan.

Ao longo da túa traxectoria fuches unha muller pioneira en moitos ámbitos: traballando na oficina técnica da antiga Bazán, producindo cine de animación, participaches activamente na fundación do Diario de Ferrol… que cousas consideras que che quedan por facer?

Eu nunca planifiquei nada da miña traxectoria profesional. Todo foi chegando a min por casualidade. Supoño que en grande parte por ser un cu inquedo e pola necesidade de investigar novos retos. No mundo do cine cada proxecto é un reto. Todo o aprendido vale, por suposto, pero por moito que creas que sabes, a tecnoloxía, a aparición de novas plataformas, de novas maneiras de contar unha historia… supoñen novos retos cos que tentar a sorte e para min non hai nada máis sedutor. Por iso sigo aquí, imaxino que até que sinta que as miñas neuronas non son quen de actualizarse. Porque a miña curiosidade polo que vén penso que non a perderei nunca.

Chelo Loureiro co Mestre Mateo á Mellor longametraxe de animación por ‘Unicorn Wars? xunto con Alberto Vázquez e Iván Miñambres, director e coprodutor da película.

Tamén podes presumir de ser unha das profesionais galegas que atesoura máis premios Goya e Mestre Mateo, amais de numerosas mencións e seleccións en festivais. Hai algún galardón ao que lle teñas un cariño especial?

Sen dúbida o de conseguir estar en sección oficial no Festival de San Sebastián [co filme ‘El sueño de la sultana’ de Isabel Helguera]. Nunha antes unha película de animación europea o tiña conseguido. Probablemente o público non entenda que nos Goya competimos co cine español, que non sobrepasamos os trescentos filmes cada ano. Aos festivais de categoría A como o de Donostia poden chegar máis de 6.000 títulos, porque chegan de todos os países do mundo. Estar entre as 20 mellores películas entre miles, só iso, xa é o mellor premio que teño acadado. Se lle sumas que se trata dun proxecto no que levo case dez anos traballando, cunha directora á fronte, Isabel Herguera, e cun equipo feminino na meirande parte na animación… pois xa poido xubilarme súper feliz! 

Valentina’ tamén forma parte do catálogo do Ciclo Mestre Mateo que organiza a Academia, un circuíto de cinema que leva a vilas de toda Galicia e a centros galegos do exterior o mellor do audiovisual galego recente. Que papel pensas que xogan tanto o Día do Cine Español o Ciclo Mestre Mateo ou outras iniciativas dese estilo, na promoción do talento audiovisual?

Como dicía anteriormente, é moi necesario recuperar o prestixio do cine e, con el, de todo o sector, da inmensa cantidade de profesionais, artistas e técnicos, que o conforman. Da parte máis visible (que son os menos) e da invisible pero imprescindible para a súa produción. Profesionais de moitísimos oficios pero que han ter unha cualidade en común: o talento. Sen el non sería posible facer o fantástico audiovisual que se produce no país. O papel tanto do Día do Cine coma do Ciclo Mestre Mateo é fundamental para chegar até a última parroquia do mapa, para abrirlles unha xanela chea de historias que non esquezan e que lles procuren felicidade. Para amosarlles camiños polos que, tal vez, eses espectadores algún día decidan transitar.

 

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: