Mañá daranse a coñecer as gañadoras dos Premios María Luz Morales, que chegan este ano á súa sexta edición. Un xurado integrado polo crítico e programador Víctor Paz, a produtora e docente Beli Martínez e a investigadora e xornalista Silvia Roca foi o encargado de distinguir os mellores traballos dunha convocatoria que fomenta a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega. Conversamos con eles sobre como viviron a experiencia.
“A idea de ser xurado non é algo que me agrade moito” confesa Beli Martínez “ aceptei a oferta por tratarse duns premios adicados ao ensaio, a pensar o cinema e parecíame moi interesante.” Na mesma liña se manifesta Víctor Paz “considero que é unha das mellores iniciativas da Academia, todo o que promova a reflexión sobre a historia do cinema é benvido”.
Silvia Roca segue con “bastante atención cada convocatoria dos premios” xa que coñece os traballos de investigadoras e investigadores vinculados á Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, institución para a que traballa. “En parte por iso, nesta edición chamoume a atención o reducido número de traballos presentados, especialmente na modalidade de ensaio escrito sobre o audiovisual galego. Coido que non se corresponde co volume de persoas que están a facer investigación neste eido en Galiza nin coa diversidade das súas achegas”. Na parte positiva “sorprendeume moito a variedade e a calidade dos vídeo ensaios. Se cadra por ser unha modalidade máis infrecuente, pensaba que toparíamos propostas iniciáticas ou inexperimentadas. Pola contra, a solidez e a fondura do traballo investigador que amosan algunhas delas, fixo que visionalas fose un gusto e unha aprendizaxe”. Para Beli Martínez o camiño foi á inversa “pois eu pensaba que me ía a resultar máis agradecido visionar os videoensaios e, finalmente, desfrutei máis cos escritos. Penso que facía tempo que non me adicaba a ler con tranquilidade artigos de corte máis académico e disfruteinos moito”.
É frecuente a convocatoria de premios de ensaio escrito, pero non tanto de videoensaio, como valorades esta categoría?
Víctor Paz – Resúltame unha práctica moi contemporánea, máis próxima á creación cinematográfica, e que semella non esgotarse. Creo que é o principal acerto e novidade desta convocatoria.Beli Martínez – A min tamén me parece un acerto, porque propicia novas prácticas de investigación. Creo que vai acorde cos tempos, o videoensaio como esa forma que pensa e que abre o campo de acción tanto dos críticos ou teóricos como dos propios cineastas. Interésame moito como os investigadores empregan materiais fílmicos e audiovisuais, e usan as mesmas ferramentas que manexa o cineasta para reformular, reverter e atopar novos sentidos ou mergullarse en ideas máis profundas sobre un tema.
Silvia Roca – Si, eu espero que prácticas coma esta contribúan ao recoñecemento do soporte audiovisual como medio para a transmisión de coñecemento científico, coas súas particularidades e necesidades específicas. Non deixa de ser curioso que en moitos procedementos que avalían a traxectoria investigadora no estudo das cinematografías e as artes audiovisuais non teñan cabida outros formatos distintos ás publicacións escritas. No fondo, coido que é unha cuestión de preguiza administrativa.
[sobre os Premios María Luz Morales] “Considero que é unha das mellores iniciativas da Academia, todo o que promova a reflexión sobre a historia do cinema é benvido”.
Víctor Paz, crítico e programador.
Pensades que un premio coma este é unha boa maneira de incentivar a produción de materiais académicos ou que habería outras fórmulas máis axeitadas?
V.P. – Na modalidade audiovisual, sen dúbida. Na escrita detéctase que os traballos presentados son variacións de investigacións xa realizadas.
B. M. – Eu non sei se hai un aumento na produción, mais o que creo que o máis interesante é o feito de recoñecer o labor dun grupo de traballadores que, en moitas ocasións, están invisibilizados, e que normalmente, levan traballando no seu proxecto ou investigación unha morea de anos. Pola miña condición de profesora respecto moito ese traballo. Considéroos un vimbio máis co que construír unha estrutura. É vital que a academia investigue e teorice o noso traballo, o noso cinema, divulgue e, en certa medida, lle dea certo pouso ao que estamos a facer.
S. R. – Sen dúbida, non son moitas as iniciativas que alentan o traballo investigador, polo que todas as existentes son de agradecer. Agora ben, de nada servirán sen políticas e medidas estruturais que favorezan a consolidación de persoal investigador e garantan a posibilidade de desenvolver o traballo científico, neste ámbito coma noutros, en condicións dignas. Mentres asistimos ao esmorecemento de institucións chave para a investigación, a preservación e a divulgación do noso cinema como o CGAI, que ánimos podemos dar á mocidade investigadora?
“O máis interesante é o feito de recoñecer o labor dun grupo de traballadores que, en moitas ocasións, están invisibilizados, e que normalmente, levan traballando no seu proxecto ou investigación unha morea de anos.”
Beli Martínez, produtora e docente.
Que consellos lle daríades a unha persoa que desexe dedicarse á investigación no eido audiovisual?
S. R. – Non me atrevería a dar ningún, aínda que pode que das miñas respostas anteriores se deduza que se precisa paciencia e un chisco de insensatez.
B. M. – A carreira investigadora é unha carreira de fondo e moi solitaria polo que se debe valorar ben ata que punto estamos dispostas a facer esforzos. E, por outro lado, naqueles momentos nos que traballamos en grupo, con quen nos rodeamos e como colaboramos ou competimos cos outros. Para mín ademais está a cuestión de que o que fagamos nos entusiasme ou, cando menos, nos preste.
“Espero que prácticas coma esta contribúan ao recoñecemento do soporte audiovisual como medio para a transmisión de coñecemento científico, coas súas particularidades e necesidades específicas.“
Silvia Roca, xornalista e investigadora
Víctor, ti es coñecido polo teu traballo como crítico e programador; cal é a parte que máis che gusta, e a que menos, do teu traballo?
V. P. – Penso que precisamente a investigación e posterior escrita sobre a obra dos cineastas é o máis estimulante. Tamén atopar e descubrir obras que non coñecías e ter ese impulso de compartir o entusiasmo, que pode acabar trasladándose a un artigo ou un ciclo. Por outra banda, hai aspectos prácticos de tipo administrativo que por momentos poden desanimar un pouco.
Beli, ti es unha referencia no eido da produción independente e tamén traballas como docente. A ti que é o que máis che gusta, e a que menos, do teu traballo?
B. M. – En xeral, desfruto co que fago, pero mentiría se dixese que todo o que fago me agrada. Penso que coma calquera traballadora hai cousas que nos gustan máis e menos. Da docencia quédome co contacto coa xente nova, co ímpetu e brío que normalmente conleva o ser mozo ou moza e as ganas, ás veces, as menos, rodeados de certa soberbia. Como produtora a idea de que normalmente fago películas coas que conecto, así como que con cada proxecto hai unha reformulación ou un cuestionamento de moitas das miñas estruturas mentais.
E a ti, Silvia, que é o que máis e menos che gusta do teu traballo?
S. R. – Seguramente o que máis que gusta ten a ver co meu aquel curioso e discordante, pois dende nena son un feixe de preguntas. Poder afondar nun tema que che interesa, tecer unha metodoloxía de análise e ir tirando do fío até dar cunha resposta plausible á morea de interrogantes que che provoca é un reto sen fin que a min me prace. Aprender unha e outra vez e facelo a través do debate con outras persoas, con outros materiais, con outras perspectivas… iso é o mellor.
A peor parte do traballo investigador, especialmente no noso ámbito, é o escaso crédito que a sociedade lle outorga e a dificultade de estabilizarse nesa categoría profesional. Creo que hai unha forte conexión entre estes dous factores.
Podes contarnos en que outros proxectos estás a traballar?
S. R. – Son xornalista e agora mesmo formo parte do gabinete de comunicación da USC. No tempo que me deixa, colaboro cun proxecto de investigación europeo sobre audiovisual colaborativo e inclusivo e sigo a traballar no equipo organizador do CO(M)XÉNERO- Seminario Permanente de Comunicación e Xénero do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. Na actualidade, tamén estou a desenvolver en solitario ou con outras autoras, varias publicacións arredor das pequenas cinematografías, da aplicación da perspectiva de xénero ao ámbito da comunicación e da análise da representación cinematográfica do pobo galego, e aínda ando enredando en varias asociacións, tanto de investigación como profesionais, do ámbito da comunicación. En suma, son un fedello.
E vos?
V.P. – Agora mesmo estou a fundar unha nova distribuídora de cinema chamada LOST&FOUND. Estará centrada en cinema de patrimonio e iniciaremos andaina cun longo ciclo da realizadora húngara Márta Mészáros no mes de setembro. Comezará en Filmoteca de Catalunya, Cineteca Madrid e a sala NUMAX para despois percorrer moitas outras salas do estado español nos vindeiros meses.
B.M. – Eu estou a rematar o curso académico. Este ano para mín foi dun gran esforzo sobre todo a nivel persoal e continúo tratando de levantar varios proxectos de longametraxe. Neste momento estamos editando La Parra de Berto Gracia e tratando de organizar a rodaxe de Ariel a longametraxe de Lois PAtiño e Matías Piñeyro.
Xa para rematar, como pensades que se podería mellorar a convocatoria dos María Luz Morales?
B.M. – Penso que se debe seguir traballando na difusión. Non sei ata que punto son coñecidos non só por aqueles investigadores consolidados se non tamén por ese outro persoal que está a desenvolver a súa carreira académica tanto nun nivel máis básico, como poden ser os estudantes de grao ou de ciclos, como naqueles predoutorais ou posdoutorais, así como noutras áreas de coñecemento que traballan en torno á imaxe ou o discurso audiovisual de forma tanxencial.
V.P. – Habitualmente os problemas neste tipo de galardóns están na dificultade de difusión en medios. Sen parecerme moi prioritario o impacto en prensa, si intentaría que os galardóns tivesen unha maior vida útil. Por exemplo, organizando algunha conferencia para as persoas que gañen nas categorías escritas ou un ciclo de cinema relacionado cos contidos dos ensaios audiovisuais. Quizais a colaboración cunha editorial que se comprometese á edición dun libro podería resultar un incentivo para promover novas investigacións de tipo máis divulgativo e non tan académico. Isto aumentaría o impacto do premio a longo prazo.
B.M. – Eu normalmente leo e vexo os premiados de edicións anteriores cos que sempres descubro cousas novas pero, sobre todo, gústame que existan estes premios porque dalgún xeito visibilízase un traballo moi descoñecido e que por outro lado é esencial como o é o da investigación académica.
V.P. – En Galicia hai moi boas investigadoras e investigadores e valorar o seu traballo é esencial.