EXPOSICIÓN DE SINTETIZADORES CLÁSICOS EN ARTERIA NOROESTE

5 / 06 / 2009

ARTeria Noroeste, unha iniciativa de SGAE/Fundación Autor, alberga na tenda Tramart a Exposición viva de sintetizadores. Hoxe, venres 5 de xuño, dende as 10:00 ata as 20:00 horas, poderá visitarse a colección particular de Luis Carlos Esteban, pioneiro do xénero musical electrónico e reputado colaborador en producións de Alaska & Dinarama, Tino Casal ou Olé Olé, entre outros coñecidos artistas. A exposición ten carácter gratuíto.

 

 

Na súa Exposición viva de sintetizadores, Luis Carlos Esteban amosa a colección máis ampla e completa destes instrumentos a nivel estatal. Trátase de sintetizadores orixinais dos anos 60 e 70 cualificados como “os Stradivarius da música electrónica”. Os visitantes da tenda Tramart situada en ARTeria Noroeste (parque Vista Alegre. Rúa das Salvadas, 2A – Santiago de Compostela) poderán escoitar unha demostración destes instrumentos de coleccionista ou dialogar co propio Esteban acerca das particularidades ou historia de cada elemento.

 

Tendas Tramart

Estes espazos naceron coa intención de ofrecer produtos culturais (libros e discos, principalmente) de calidade que, por diversas razóns, non sempre se atopan nos grandes almacéns ou comercios convencionais. A súa vocación é converterse en punto de referencia para afeccionados que queren acceder a unha oferta cultural de calidade sen rexerse unicamente por criterios comerciais.

Coa de Santiago de Compostela hai catro tendas Tramart funcionando xa. As outras están en Madrid, Barcelona e México DF. O seu catálogo componse, principalmente, do material editado pola Fundación Autor nos seus dez anos de andaina. En Tramart poden atoparse libros, discos, roupa e incluso figuras decorativas; sempre, relacionados coa cultura.

Categoría: Noticias
Etiquetas: