O último documental de Pasacana Films, La Mirada del Pintor, dirixido por Rubén Pardiñas, vén de ser seleccionado, dentro da sección Cineuropa-Docs, no festival Cineuropa de Santiago de Compostela, onde se estreará o mércores 21 de novembro. A proxección terá lugar ás 17:00 horas no Salón Teatro:
http://www.compostelacapitalcultural.org/detalles/15362/eventos.html
O DOCUMENTAL
La Mirada del Pintor é un achegamento á práctica artística dun pintor de principios do século XXI. O documental trata de reflectir a actividade cotiá de Amando (Vigo, 1951), un artista que aínda que conta cunha obra consolidada, transitou sempre as marxes da cultura oficial. A película acomódase en todo momento ao proceso creativo do carismático pintor, incluíndo as reflexións xurdidas a partir deste. Alén de reflectir cuestións unicamente técnicas, artéllase en torno á percepción que Amando ten de todo o que o rodea, incluída a propia gravación do documental. Unha película sobre a mirada artística e as ligazóns entre as diferentes disciplinas creativas.
La Mirada del Pintor é tamén, como xa apuntamos, a película sobre un excluído do canon artístico. O filme dá conta dalgúns dos aspectos máis relevantes da traxectoria do artista: os seus comezos autodidactas, a súa especial relación coa pintura de Cézanne (moito máis importante para el ca outras influencias coetáneas) e o seu traballo a principios dos anos 80 xunto aos principais membros de Atlántica, grupo fundamental para entender a entrada de Galicia na modernidade estética internacional, e de cuxa «nómina oficial» Amando, incomprensiblemente –ou se cadra non tanto-, nunca chegou a formar parte. Como escribiu Miguel Fernández-Cid: “Agora que pasaron os anos e cousas dende Atlántica, agora que xa ninguén se mantén inmune fronte á historia, resulta más doado situalo no seu lugar, que dende logo está moi por enriba do que deron de si algúns dos entón ilustres fundadores do grupo.”
FICHA
Pasacana Films, 2012
Duración 48’
Dirección e guión RUBÉN PARDIÑAS
Cámara CARLOS AGUILERA
Montaxe CARLOS AGUILERA e RUBÉN PARDIÑAS
Producido por CARLOS AGUILERA
Fotografías cadros SONIA DAPONTE
Música ENRIQUE X. MACÍAS
Mesturas de son MIRIAM PEDREGAL
O DIRECTOR
Rubén Pardiñas (Vigo, 1976) é Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Director e guionista dos documentais Lo más profundo es la piel (2004), Fronteiras (Premio AvidHoc no II Festival Internacional de Documentais de Tui Play-Doc 2006) e A terceira pólaLa mirada del pintor. Autor dos libros Emancipació, de qué? Una visió pragmatista de l´art contemporani (Premi Espais a la Crítica d´Art en 2001) e Seamos serios, pero no tanto. Arte, filosofía y la persistencia de lo sublime (Premio Caja Madrid de Ensayo en 2003), así como colaborador en numerosos medios como Jot Down o Praza Pública.