ESTREA DOCUMENTAL SOBRE A MORTE DOS XORNALISTAS EN IRAQ

27 / 10 / 2011

O director de cine e prestixioso xornalista grego Nikos Megrelis presentará por vez primeira en España o seu documental “Shooting vs Shooting” no marco do Festival Euro-Árabe Amal, organizado pola Fundación Araguaney, de Santiago de Compostela este xoves 27 de outubro, ás 20.00 h horas no Teatro Principal. O documental, que ten por lema “Dying for the truth” (Morrendo pola verdade) é unha intensa reportaxe sobre o conflicto mundial no que morreron máis xornalistas desde a II Guerra Mundial: a Guerra de Iraq, onde 350 xornalistas e traballadores dos medios de 10 diferentes países perderon a vida en Iraq no transcurso do seu traballo de informadores.

Megrelis, ao longo de 70 entrevistas, relatou no seu traballo numerosos casos nos que os xornalistas foron vítimas da barbarie bélica, tanto no chamado bando occidental coma no iraquí. Especialmente subliñable foi o caso da morte do reporteiro gráfico galego Xosé Couso, quen faleceu nun ataque contra do hotel onde se hospedaba feito desde un tanque norteamericano. Familiares directos de Xosé Couso, como a nai, irmáns e tíos, asistirán á proxección do filme. Megrelis entrevistou os familiares e amigos afectados polas desaparicións dos xornalistas en Iraq, como a propia nai de Couso, Maribel Permuy, ou o seu compañeiro Jon Sistiaga.

“Shooting vr Shooting” contou coa colaboración, con aportación de impactantes documentos gráficos, de cadenas televisivas internacionais como Rai, Al Jazeera ou Reuters. A música do documental, que ten unha duración de 75 minutos, é obra de Nicola Piovani, quen fora gañador dun Óscar á mellor produción musical.

A presenza de Nikos Megrelis en Santiago de Compostela e o seu impactante documental é unha iniciativa da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela en colaboración coa Federación Internacional de Periodistas.

Categoría: Noticias
Etiquetas: